miércoles, 29 de noviembre de 2017

O RECUNCHO DA CIENCIA

Neste apartado iremos pendurando diferentes experimentos que o alumnado de 5º de Primaria está a realizar a partires dos recursos que ofrece o recuncho de Tambo.



Iremos mercando pouco a pouco máis fondos bibliográficos relacionados con esta disciplina, xa que a proposta está a ter unha acollida marabillosa.

Comezamos cun experimento de Javier García García, alumno de 5ºA, que nos mostra a construción dun extintor caseiro con materiais moi doados de conseguir.
Agardamos que vos guste!!!


Siro Mulugueta móstranos hoxe como facer un volcán en erupción por medio dunha reacción química.


Sabela Márquez fixo o experimento da botella baleira e a botella chea... de aire!!!


Diego Revestido ensinounos a facer unha fonte de auga coa que quere impresionar á súa nova irmá!!!


Sabela Recamán explicounos o fenómeno do arco da vella... pero líquido!!!


Santiago Otero de 5ºA mostrounos uns trucos feitos con limóns.


Yanire Jiménez mostrounos a súa botella máxica nunha sesión ben divertida...


Óscar Conde, de 5ºA, mostrounos como facer unha lámpada de lava caseira.


Sara Piñeiro, fíxonos flipar cuns caramelos máxicos que xogan coas cores pero... sen mesturarse!!!


Anxo Recamán explicounos a todos como se producen as correntes de convección.


Sara García explicounos, con algo de mocallada no nariz, en que consiste a capilaridade!!!


Credes que a cortiza flota? Ángela Rosales de 5ºA investigou sobre este asunto...


Telma Solla aprendeunos a elaborar unha pelota antiestrés... científica!!!


Pedro García fixo unha pila caseira que podería baixar moito a nosa factura da luz!!!


Rubén Farto mostrou a súa ledicia cunha erupción de cores...


Aquí temos a Nicolás e a Mario mostrando dous experimentos moi divertidos e curiosos: "A serpe de cinza" e "Neve caseira".

FARO DA ESCOLA

Hoxe tivemos unha charla con varios traballadores do xornal Faro de Vigo.
Bruno, o Director de Faro da Escola, explicounos o fermoso proxecto no que imos traballar durante cinco meses e no que produciremos un xornal propio, ateigado de noticias do noso interese.
Estiveron presentes tamén un fotógrafo e un xornalista que nos deron moitos consellos para a elaboración.


A actividade está relacionada co PDI que este ano propuxo o recuncho de Tambo: "A maxia de comunicar".
Moito ánimo a todos os TamboXornalistas que ides participar!!!

A poucos días de recibir o xornal no cole, deixámosvos cunha das actividades que nos ofertou Faro de Vigo.
Desfrutamos a rabear!!!

sábado, 25 de noviembre de 2017

FALS'E TRAEDOR

O alumnado de 5º de Primaria vén de realizar un traballo de investigación en equipo sobre o Pergamiño Vindel que está exposto en Vigo até o 4 de marzo.
A actividade está encauzada no PDI "A maxia de comunicar" e garda relación coa comunicación por transmisión oral.
Como colofón realizaron unha curta baseada nun poema escrito en Marín por Nuno Treez: "San Clemenço do Mar", unha cantiga de amigo nada usual que fala de vinganza e desconfianza.
A idea consistiu en tratar a época trobadoresca dende un punto de vista actual e aparece tamén a temática da igualdade de xénero.
Esa curta foi presentada ao Certame VindeVídeos.


A rodaxe foi na illa de San Clemente e na praia do Santo, en Ardán (Marín).
Estivo organizada polas titorías de 5º de Primaria, a Aula de Educación Musical e o Obradoiro de Audiovisuais.
Contamos coa colaboración da ANPA "Viñas Blancas" para o vestiario, a maquillaxe e o atrezzo.
Queremos dar unha mención especial a Marina e ao avó de Andrea (6º de Primaria) polo seu trato e interese pola actividade.


En breve, ese alumnado realizará un making of da curta e fará unha explicación do proceso a todos os nenos/as do colexio para compartir a marabillosa experiencia.
Deixámosvos con "Fals'e traedor"...
Agardamos que vos guste!!!


-Esta obra está protexida con licencia creative commons: recoñecemento, non comercial e compartir igual.

sábado, 11 de noviembre de 2017

MAGOSTO 2017

O pasado venres 10 de novembro tivemos unha gran festa no Carballal grazas á celebración do Magosto.
Contamos coa participación da ANPA "Viñas Blancas" e coa implicación abraiante por parte das familias á hora de confeccionar as cestas relacionadas co PDI "A maxia de comunicar", proposto polo recuncho de Tambo.
Algunhas desas cestas foron premiadas:


Queremos facer tamén unha mención especial para os nenos/as de 6º de Primaria que participaron como axudantes de excepción.
Pasámolo realmente ben papando castañas, cos xogos, coa actuación musical do alumnado de 1º de Primaria e con algunha sorpresiña máis...
Queremos seguir formando parte da construción da vosa infancia...
Mirade no vídeo unha pequena mostra!!!


Aproveitamos para comunicar que Paco Nogueiras, autor do "Brinca Vai", vén de publicar o seu último libro-disco-dvd infantil en galego titulado "Radio Bulebule" e que moi pronto teremos no recuncho de Tambo.
Trátase dun traballo totalmente relacionado co PDI que estamos a desenrolar no colexio sobre os medios de comunicación.
Botade unha ollada ao vídeo promocional...

jueves, 2 de noviembre de 2017

CASTING PARA O CANAL TAMBO

Queres que a túa voz esté presente na sintonía do programa "Ruxerruxe nas Ondas" da nosa Radio-Tv "Canal Tambo"?
Esta é a túa oportunidade...
Aprende a melodía que atoparás no vídeo, practícaa moito enriba da base musical e preséntate ao casting anotándote nunha folla que deixaremos no recuncho de Tambo.
Os/as seleccionados/as serán gravados na canción!!!
O casting será a semana do 13 ao 17 de novembro.
Pode participar calquer membro da comunidade educativa: alumnado, profesorado, persoal laboral, ANPA, pais/nais, etc.
O retrouso semella sinxelo pero é bastante agudo así que... preparade a gorxa!
Agora que xa temos logo... imos coa sintonía!
Agardámosvos!!!



Unha vez rematada a semana de probas deixamos aquí a actuación de algúns participantes:







Os elixidos aparecerán na canción que gravemos durante o mes de decembro e teredes que agardar ao videoclip para saber quenes foron.
O casting simplemente se fixo para ver a quen lle quedaba mellor este retrouso.
Todos/as cantades estupendísimamente...
Mil parabéns e grazas pola participación!!!