martes, 18 de junio de 2019

AS ROCHAS E REANIMACIÓN CARDIO-PULMONAR

Daniel Arca, alumno de 2ºA, argallou unha marabillosa sesión de oratoria en galego, consistente nunha exposición sobre rochas e minerais por unha banda, e unha proposta de actividade na que os asistentes tiveron que recoñecer tres tipos de rochas, por outra.
Aquí a tedes!!!


O alumnado de Educación Infantil, tivo unha sesión moi interesante no recuncho de Tambo.


A nai de Vera, que é persoal sanitario, acudiu ao Carballal para facer unha actividade enmarcada no PDI: "Marín, de todo un chisquín".


Aprendeunos a realizar un RCP (reanimación cardiopulmonar) por medio dun boneco e a chamar ao teléfono 061 nun caso de emerxencia.
Moitísimas grazas pola visita!!!

sábado, 15 de junio de 2019

XIII MERENDA INTERCULTURAL

O pasado martes, 11 de xuño, celebrouse a XIII Merenda Intercultural no Carballal, argallada por toda a comunidade educativa.
Os medios de comunicación fixeron eco, tal e como podemos comprobar nesta etrevista que a Cadena Cope lle fixo ao noso director: Yeray González.



O prato forte foi a exposición, por parte do alumnado, dos proxectos realizados durante todo o curso para o PDI: "Marín, de todo un chisquín".
Se queredes ver un resumo dos máis destacados, podedes visualizar este vídeo:


Tivemos varios convidados de honra, como a Conselleira de Educación (Carmen Pomar), a Alcadesa (María Ramallo), o Xefe Territorial (César Pérez), o Inspector do noso centro (Román Latas) ou a Edil de Educación (Marián Sanmartín).
Estiveron tamén algúns dos colaboradores e colaboradoras do documental "MarinFormamos": Fina Calviño, Julio Santos, Sr. Pesqueira e Perfecto Pampín.
Aproveitamos a ocasión e fixemos unha entrevista a Carmen Pomar Tojo... e botounos unha peza!!!


Ademais da papadela tradicional de todos os anos, tivemos xogos populares emprestados pola Asociación de Veciños de Pardavila, obradoiros, actuacións das Actividades Extraescolares (baile moderno, ximnasia rítmica ou patiñaxe) e música ao vivo coas cantareiras "Fentos e Frouma".
Coma sempre, a colaboración da ANPA "Viñas Blancas" foi decisiva.
Aquí tedes unha testemuña audiovisual da xornada e o programa:


FEIRA PITEAS-DÍA DAS LINGUAS DE SIGNOS-3X3

O pasado venres, 14 de xuño de 2019, tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, a III Feira de Exposición de Proxectos Piteas.



Este ano contou coa colaboración de 17 centros, o Carballal incluído.



Alumnos/as de 5º e 6º de primaria, acudiron a expoñer algúns proxectos deste curso, realizados baixo esta metodoloxía.



Se premedes na seguinte ligazón, podedes ler a noticia completa:


Esa mesma mañá, coincidindo co Día Nacional das Linguas de Signos, houbo unha sesión de contacontos no recuncho de Tambo que tratou esta temática.


Estivo dirixida aos nenos e nenas de primeiro de primaria e gustoulles moito.


Argallouna a profe María, de Relixión Evanxélica e... como podedes observar, é toda unha experta na materia!!!


Xa fixera unha adaptación a este tipo de lingua no xornal "Faro da Escola", a partir do retrouso da canción "Imaxinar", composta polo alumnado de Valores de 6º de primaria co gallo do Día da Paz e a Non Violencia.


Como sabedes, xa tratamos esta temática no videoclip "Xa non teño medo", no que toda a comunidade educativa do cole, festexou o Día das Letras Galegas 2018, adicado a María Victoria Moreno.


Para rematar, os nenos e nenas de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, foron á Avenida Montero Ríos de Pontevedra, o pasado xoves, 13 de xuño, onde había instaladas 32 canastras.


A actividade estivo organizada polo Club Arxil e xa van 18 edicións adicadas ao baloncesto escolar.
Este ano xuntou a preto de 1300 nenos/as de 9 colexios e unha asociación.
Se premedes na seguinte fotografía poderedes ver unha noticia completa:


Máis fotografías:

lunes, 10 de junio de 2019

FINALISTAS NO FICBUEU E AGASALLO DE OLLOBOI

O Festival Internacional de Curtas de Bueu (https://www.ficbueu.com/es/) vén de publicar os finalistas da súa XII edición na sección Escolas Galegas.
O videoclip do alumnado de 4º de primaria "Regueifando en Marín" é un dos seleccionados na subcategoría "Educación Especial, Infantil e Primaria" tal e como podedes ver no cartaz.
https://www.facebook.com/fic.bueu/?epa=SEARCH_BOX
Xa é o terceiro ano consecutivo no que conseguimos chegar á gala final...


Podedes premer na seguinte ligazón para visualizar eses catro traballo audiovisuais:


A gala de entrega de premios será o vindeiro sábado, 14 de setembro, pola mañá, aínda que haberá actividades durante toda a xornada.
Agardamos acudir con ese alumnado o día completo... xa iremos informando.
Parabéns rapazada e moita sorte!!!

Por outra banda, os organizadores do Festival Audiovisual Escolar Olloboi agasalláronnos con este fermosísimo vídeo-resumo da xornada grande de este ano, na que acadamos un premio co mesmo videoclip no que somos finalistas en Bueu.
Aquí o tendes:

domingo, 9 de junio de 2019

JULIO SANTOS PENA

Julio Santos Pena, escritor, xornalista e mestre xubilado marinense, é sin lugar a dúbidas, un dos grandes persoeiros da nosa vila.
O pasado luns, 3 de xuño, pasou polo Carballal e o alumnado de 3º de primaria fíxolle unha entrevista para a que elaboraron incluso un tríptico detallado.



A actividade está enmarcada no PDI deste curso: "Marín, de todo un chisquín".
Na cámara de vídeo e na gravadora de son, estiveron colaborando os alumnos de 6º de primaria: Rubén Farto e Ángela Rosales.
Queremos agradecer enormemente o tempo que Julio adicou ao noso traballo de investigación deste ano, na elaboración do documental "MarinFormamos" e nesta ocasión, con esta fermosa e interesante entrevista persoal na que nos ensina un feixe de cousas.


Aí vai logo, este ratiño con Julio Santos Pena:


Sabiades que tamén posúe unhas dotes culinarias excepcionais? 
Se premedes na seguinte ligazón e levades o vídeo a 26'12'' poderedes comprobalo visualizando o seu paso polo programa da TVG: "Larpeiros Diplomados".
E xa sabedes: o importante é participar...

FEIRA DOS LIBROS USADOS 2019

O pasado sábado, 8 de xuño, celebrouse na Alameda "Rosalía de Castro", a VIII Edición da Feira dos Libros Usados, na que o estudantado marinense dá unha nova vida aos seus libros xa lidos por medio dun intercambio popular.


Este ano tomou o relevo o C.E.I.P. "A Laxe" e o lema foi: "Un libro ten máis vidas das que cres".
Esta é unha fermosa medida de fomento da lectura que moveu máis de 4000 fondos bibliográficos.


Como non, o noso centro tamén colaborou coa iniciativa, seguindo a tradición, pois estamos aí dende a primeira edición.


O plato forte foi a actuación da banda de música infantil en galego: "Uxía Lambona e a Banda Molona".


Aquí tedes unha reseña xornalística por se queredes saber máis:

viernes, 7 de junio de 2019

EMOVE FESTIVAL E DEBULENDO LENDAS

Esteban, pai de Martín, estivo o pasado venres, 7 de xuño, no recuncho de Tambo.


Presentou, á rapazada de 1º de primaria, o espectáculo "Debulendo lendas", da súa compañía de títeres e contacontos: "Tarabelos".


Trouxo un kamishibai (forma popular de contar contos xaponesa por medio de láminas que levan debuxos por unha cara, e texto pola outra) feito por el mesmo.


Todas as lendas eran galegas, mariñas e dos ríos... e a que máis nos impresionou foi a do mariñeiro que namorou dunha serea que vivía na praia de Mogor.


Tamén falou da Coca de Redondela, de Breogán, das Xacias e dos "gamusinos" (estranas criaturas que xamais ninguén viu).


E para rematar, apareceron por alí o pirata Drake e o corsario Juan Gago de Mendoza.


Moitas grazas pola túa visita Esteban... pasámolo xenial!!!
Se queredes ver máis información podedes premer na seguinte ligazón:


Por outra banda, informamos que unha selección de traballos audiovisuais realizados durante este curso no Carballal, foron enviados ao Concurso Nacional "eMove Festival", no que conseguimos dous galardóns hai dous anos.


Os finalistas serán seleccionados, en parte, por unha votación popular dos "gústame" de cada vídeo en concreto que van pendurando diariamente no seu Facebook.
Se queredes axudar, podedes facelo buscando os nosos vídeos na seguinte ligazón e clicando "gústame".

jueves, 6 de junio de 2019

"VISIT MARIN" E RESULTADOS PITEAS

O alumnado de 5º e 6º de primaria realizou unha nova actividade ben interesante para o PDI: "Marín, de todo un chisquín".
Consiste nun tríptico turístico da nosa vila elaborado coa mestra da materia de Lingua Estranxeira-Inglés.
Será exposto a toda a comunidade educativa, coma o resto de traballos, na tardiña do vindeiro martes 11 de xuño no colexio.
Aquí tendes o resultado:




O pasado martes, 4 de xuño, celebrouse en A Coruña, un encontro de directores e directoras de centros escolares galegos que pertencen ao Programa Piteas.
Estivo dirixido, entre outros e outras, pola Conselleira de Educación ou polo Director da Fundación Barrié.


Basicamente, expuxéronse os resultados acadados nestes centros, no que estamos incluídos.
Podedes botar unha ollada a esta nota de prensa:

O 1º CICLO DE PRIMARIA FOI DE CAMPING

Os nenos e nenas de 1º e 2º de primaria foron de camping os días 30 e 31 de maio.


A actividade de convivencia realizouse no Camping Paisaxe II de O Grove.


Para moitos e moitas... era a súa primeira noite fóra da casa.


Os monitores argallaron un feixe de actividades lúdicas que os fixeron gozar a cachón.


Algunhas foron acuáticas, ben na praia ou ben na piscina.



Tamén houbo xogos nocturnos e papadelas, como non!!!

3º PREMIO NO CONCURSO FARO DA ESCOLA

O concurso escolar de corte xornalístico "Faro da Escola", celebrou o seu día grande o pasado mércores 5 de maio, no Pavillón de As Travesas de Vigo.



Xa vai pola súa cuarta edición (nós levamos dúas participando) e puidemos recibir, impreso, o xornal que levamos tanto tempo elaborando no Carballal.


Asistiu o alumnado de 5º de primaria coas súas titoras, aínda que alí había 2500 nenos e nenas de 53 colexios (participaron 56) para recibir un total de 80 premios.


Quedamos abraiados cando dixeron o nome do noso centro pola megafonía para comunicar que acadamos o 3º premio na categoría "Mellor Xornal".
Algúns galardóns foron entregados polo alcalde de Vigo e pola Presidenta da Deputación de Pontevedra.


Estamos moi orgullosos por este recoñecemento e xa estamos desexando que toda a comunidade educativa lea o seu exemplar que temos preparadiño.


Pasámolo moi ben na gala e agardamos continuar participando en vindeiros cursos.


Se queredes ver unha reseña do xornal que inclúe un vídeo, podedes premer na seguinte ligazón: