sábado, 22 de febrero de 2020

ENTROIDO 2020

O pasado venres, 21 de febreiro, celebramos o Entroido no Carballal.



Mudamos a letra dunha coñecida canción de Maluma para a ocasión e gravámola coas voces de alumnado e profesorado.


                                     

A ANPA "Viñas Blancas" colaborou aportando unhas bebidas refrescantes que estaban ben boas e desfrutamos coa degustación de postres típicos.


Os disfraces estiveron relacionados co PDI deste curso: "Traballa cos teus soños".
Puidemos ver moito humor e profesións: artistas, mimos, contacontos, panadeiros, científicos, paiasos, gomas, lápices, monigotes, rockeiros e moitos personaxes de cine e debuxos animados (Familia Adams, Os Simpsons, Mortadelo e Filemón, Matilda, Bob Esponxa e Pipi Mediaslongas).


Finalmente fixemos o tradicional desfile e unha sesión de baile moi divertida.
Aquí tedes un vídeo-resumo... feliz Entroido 2020!!!



Deixamos tamén os vídeos-resumo doutros anos por se queredes lembrar...





lunes, 17 de febrero de 2020

VISITA DE MAYKA BRAÑA

O pasado luns, 17 de febreiro, estivo con nós a actriz marinense Mayka Braña, unha desas persoas que loitou para adicarse ao traballo dos seus soños.



O alumnado de 5º de primaria fíxolle unha presentación especial e incluso preparou a alfombra vermella de rigor.



Como este ano, dentro do PDI, traballamos o cine, explicounos moitas cousas relacionadas: rodaxe, preprodución, postprodución, etc.
Quedamos abraiados coa cantidade de persoas que participan nunha peza audiovisual...
Foi moi interesante!!!



Para rematar a visita realizámoslle unha entrevista radiofónica no programa "Ruxerruxe nas Ondas" que podedes escoitar premendo no vídeo ou na ligazón do podcast...
Sen dúbida lembraremos sempre iso de que o cine é unha fábrica na que debemos traballar en equipo para obter un produto.
Moitas grazas Mayka e ata outra!!!


lunes, 10 de febrero de 2020

ENTREVISTA RADIOFÓNICA A ÁNGEL PAZ

O pasado xoves, 12 de decembro, estivo no Carballal o músico pontevedrés Ángel Paz.
Fixémoslle unha entrevista radiofónica no programa "Ruxerruxe nas Ondas" sobre violencia de xénero pois, Ángel vén de publicar o disco de rock "Rostros Invisibles", baseado no libro de Montse Fajardo "Invisibles" que narra a historia de sete mulleres que sufriron maltrato por parte das súas parellas.
Moitísimas grazas pola túa visita e os teus consellos Ángel!!!
Aquí tedes o resultado:


Por outra banda, queremos mostrarvos un podcast de proba da nosa canle de radio "Canal Tambo", pois dende agora será sempre en directo e axudaranos a expresarnos mellor en galego.



Versións en podcast:


viernes, 31 de enero de 2020

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ

O pasado xoves, 30 de xaneiro, celebramos no colexio o Día Escolar da Non violencia e a Paz.


Fixemos un acto común no ximnasio no que lemos a biografía de Martin Luther King Jr. pois, este activista da paz, asasinado por ese motivo, fixo famoso o seu discurso "I have a dream" (teño un soño), moi relacionado co PDI deste curso: "Traballa cos teus soños".


 Cada aula elaborou un cartaz co seu soño de paz e foi pendurado no andar da entrada.


Para rematar, interpretamos ao vivo a canción de Magín Blanco "Soñar", coa axuda da mestra de práticas de Educación Musical (frauta traveseira), Carmen, que nos acompañará ata o vindeiro 3 de abril.
O compositor, enviounos unha mensaxe polo ben que o fixemos... grazas Magín!!!



Aquí tedes un vídeo-resumo da totalidade do acto e outro no que somentes aparece a canción (o audio está recollido cunha gravadora).


lunes, 27 de enero de 2020

CROSS ESCOLAR 2019/2020

Na mañá do pasado xoves, 23 de xaneiro, celebrouse o xa tradicional "Cross Escolar" que forma parte do Programa Xogade.


A xuntanza foi nas inmediacións do CEP Sequelo e participou todo o alumnado de 2º a 6º de primaria de varios centros escolares do municipio.
Nestas dúas instantáneas podedes visualizar, na liña de saída, ás nenas de 5º e aos nenos de 6º, impacientes por saír a fume de carozo. 



Foi unha boa experiencia na que xa colaboramos en cursos pasados.
Aquí tedes a todos os gañadores e gañadoras do noso centro e unha nota de prensa!


viernes, 17 de enero de 2020

MOCHILAS VIAXEIRAS 2019/2020

Este venres, 17 de xaneiro, entregáronse as mochilas viaxeiras deste curso en todas as aulas do colexio.
Como podedes ver, teñen nova apariencia!


Deixamos catro pequenas suxerencias para empregala correctamente.

1. A mochila contén un caderno no que vai indicada a aula á que corresponde.


2. No interior podedes atopar un listado cos libros que posúe.


3. Atoparedes tamén unha mensaxe de benvida da nosa mascota: Tambo.


4. Nas follas en branco podedes dar renda solta á vosa imaxinación...

Para rematar, deixamos unha instantánea da entrega, por parte dos colaboradores de biblioteca, ao grupo de 3ºB.
Desfrutade da lectura tambeiros/as!!!

viernes, 10 de enero de 2020

SOÑAR

"Soñar" é o título da canción de Magín Blanco que cantaremos xuntos e xuntas o vindeiro xoves, 30 de xaneiro, para conmemorar o Día Internacional da Paz e a Non Violencia.
Andamos a argallar o arranxo de guitarra para poder interpretala ao vivo e organizando as partes que fará cada unha das aulas do colexio.
Mentres, podedes aprender a melodía e a letra... que ten moita relación co PDI deste curso: "Traballa cos teus soños".



viernes, 20 de diciembre de 2019

NADAL 2019

Este ano tivemos un feixe de actividades de Nadal no Carballal que comezamos xa hai un par de semanas: decoración navideña, actividades de piscina, tren turístico, visitas máxicas co Mago Paco, visita dos Reis Magos con agasallos, Festival da ANPA "Viñas Blancas" con Papá Noel, o tradicional concerto de panxoliñas organizado polas mestras de Relixión, actividade sobre Juan Gago de Mendoza, mercadiño na Alameda e o gran Belén relacionado co PDI deste curso.
Queremos desexarvos a todos e todas un feliz Nadal e unha boa entrada no ano 2020.
Aquí tedes un vídeo-resumo que agardamos sexa do voso agrado...


Queremos informarvos tamén que a alumna Fadwa, de 5º de primaria, participou no programa musical da TVG: "Pequenos Fenómenos".
Aínda que non pasou de fase por mor dos nervios que afectaron á súa afinación, a representación que fixo do noso cole, interpretando unha das nosas cancións ("Regueifando en Marín"), foi moi digna.
A retransmisión foi o pasado sábado, 28 de decembro, ás 22:00 horas pero podedes visualizala premendo nesta ligazón:

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/pequenos-fenomenos-segunda-semifinal?t=1614  


Deixamos pendurados, a xeito de recomendación, unha serie de traballos sobre grupos ou solistas realizados polo alumnado de 6º de primaria, por se queredes descubrir música nova durante este Nadal...
Tamén temos unha instantánea de antigos alumnos e alumnas que hoxe estiveron de visita e... que grandes están xa!!!






Para rematar, podedes botar unha ollada a estes vídeos-resumo do Nadal doutros anos!!!







viernes, 6 de diciembre de 2019

FADWA VAI A PEQUENOS FENÓMENOS

A alumna de 5º de primaria, Fadwa El Abbouti, foi seleccionada no casting para participar como concursante no programa musical da Televisión de Galicia "Pequenos Fenómenos".
Será retransmitido este Nadal e contará cun xurado de excepción.
Esta semana comezou a ensaiar as cancións que escolleu para interpretar en directo e deixounos un anaco gravado para que poidamos desfrutar todos e todas coa súa voz.
Agardamos que vos guste e... moita sorte moza!!!

jueves, 5 de diciembre de 2019

POR AMOR Á NOSA TERRA (VIDEOCLIP)

O alumnado de 4º de primaria vén de publicar o seu primeiro videoclip producido no Obradoiro de Audiovisuais.
Trátase dun traballo comezado o curso pasado polos nenos e nenas de Valores de 6º de primaria que elaboraron unha melodía a partir dun texto que Antón Fraguas pronunciou nunha entrevista.
Posúe imaxes intercaladas a vista de paxaro (co dron do profe Yeray) da celebración no colexio do Día das Letras Galegas 2019, na que todos colocamos unha serie de paneis elaborados pola profa Charo e os seus alumnos/as.
Na rodaxe, colaborou a alumna de 5º de primaria: Sira Rodríguez Peñas.
Agardamos que sexa do voso agrado!!!

GAÑADOR DO CONCURSO DE CONTOS DO EDLG

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega, despois de deliberar entre os contos entregados e tendo en conta os criterios que figuraban no cartaz, nomeou gañador do concurso, por unanimidade, a "Matías, o fotógrafo" de Diego González Cortegoso, de 5ºA de primaria.
Como sabedes, será a historia que o alumnado de 4º de primaria tomará como base para elaborar un videoclip durante o segundo trimestre no Obradoiro de Audiovisuais.
Moitos parabéns e agardamos que vos guste!



MATÍAS O FOTÓGRAFO

Matías , era un neno coma outro calquera pero tiña un soño… e ese soño era: ser fotógrafo profesional!
Un día díxolle á súa nai :
-Mamá, quero ir a clases de fotografía . A nai non estaba moi de acordo , e díxolle :
-Matías, eu xa teño planes para ti , eu quero que sexas violinista.
Matías díxolle á súa nai: -Eu non quero ir a clases de violín.
Despois dun rato vagando pola casa , o seu pai preguntoulle:
-Matías, pásache algo?
-Pois si , mamá quere que vaia a violín e eu non quero.
-Pois Matías eu tampouco quero que vaias a violín , eu quero
que vaias a fútbol.

Matías ía a fútbol e a violín , pero non o facía con
gañas porque no lle gustaba ningunha das dúas actividades.
Un día andando pola alameda , atopou un folleto no que poñía :

-Se che gusta facer fotos ,
participa no noso
concurso. So tes que
sacar unha fotografía e
enviala a este número de
teléfono: 226 701 447.

Matías quería con moitas gañas participar nese concurso...
El sabía que os seus pais non lle deixarían,
así que participou
sen que eles se deran de conta
e dous días despois chegou unha carta inesperada.

- Matías tes unha carta para ti na entrada.
-Xa vou mamá !!!

Beeeeeen, é do concurso!

Estimado Matías , mandámosche
esta carta para informarche de que
quedaches finalista no noso concurso
e deberás enviar outra foto.
De parte do representante.


- Que ben , quedei finalista !!! Mamá, voume.


Dous días despois mandaron outra carta .
- Gañei o concurso!!!

Dende ese día, Matías volveuse o mellor fotógrafo de Galicia.

lunes, 25 de noviembre de 2019

GUÍAS DE LECTURA 2019

Os Equipos de Dinamización da Lingua Galega do Morrazo, dos que formamos parte, vimos de publicar as guías de lectura que en breve vos repartiremos a todos os alumnos e alumnas do Carballal de forma física.
Trátase de recomendacións de lecturas en galego para Educación Infantil, Educación Primaria e persoas adultas.
Animádevos a mercar algo para este Nadal!!!


25N: DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

Hoxe, 25 de novembro, conmemoramos no Carballal o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
O profesorado interpretou unha fermosa canción para a ocasión: "Violencia 0".
O seu videoclip está realizado a base de pictogramas ARASAAC para persoas con autismo.


Levamos unha grande sorpresa cando o miramos no telexornal da TVG...


Por outra banda, derrubamos con mans simbólicas, un muro anegado de palabras horribles relacionadas coa violencia machista.
Algúns nenos e nenas acudiron ás aulas coa faciana pintada como activistas experimentados...
Tivemos tamén unha actuación do Mago Paco que acudiu, de forma desinteresada, a presentar un espectáculo relacionado coa igualdade de xénero... moitas grazas!!!
Agardamos que vos agrade o vídeo-resumo!


E se queredes lembrar as actividades que realizamos en cursos pasados, aquí tendes!!!




miércoles, 13 de noviembre de 2019

PEQUENOS FENÓMENOS (TVG)

A Televisión de Galicia púxose en contacto co Carballal para indicarnos que calquera alumno/a que cante ben e quera participar no concurso "Pequenos Fenómenos", pode enviar unha mensaxe por WhatsApp (a título persoal) ao número de teléfono que se indica no cartaz, na que apareza un vídeo cantando sobre unha base musical, o nome, a idade e a procedencia.


Animádevos a participar... algún dos nosos exalumnos/as conseguiu chegar á final en edicións pasadas.


Deixamos os casting que realizamos naquela ocasión para que vos fagades unha idea do que habería que enviar:


lunes, 11 de noviembre de 2019

MAGOSTO 2019 E 1º VIDEOCLIP

O martes, 12 de novembro, un día despois de San Martiño, celebramos o Magosto no colexio papando moitas castañas e gozando con xogos populares... como podedes observar neste vídeo-resumo.



Propuxemos unha exposición de cestos para albergalas, relacionada co PDI, baixo o título: "Atrévete a soñar cun cesto de castañas".


E o luns, 11 de novembro, comezaron a chegar xa as primeiras obras de arte, como cada ano:


O xurado estivo composto polo alumnado de 6º de primaria e os gañadores foron os seguintes:
-4º de Educación Infantil: Aria Pereira con "Cámara de fotos".
-5º de Educación Infantil: Iván Veiga con "Dinosaurio".
-6º de Educación Infantil: Aitana Teira con "Patines".
-1ºA: José Ramón Pouseu con "Casa de chuches".
-1ºB: Pablo Márquez con "Unicornio".
-2ºA: Lois Piñeiro con "Mi aficción: la lectura".
-2ºB: Manuel Márquez con "Coche con mantecados".
-3ºA: Martina Otero con "A caixa de soños".
-3ºB: Lucía Agra con "O meu soño é ser científica".
-4ºA: Teo Rivas con "Todos los niños nacemos artistas".
-4ºB: Samuel Pouseu con "Tambor".
-5ºA: Andrés Fernández con "Cámara de cine".
-5ºB: María Moldes con "Nunca deixes de soñar".
-6ºA: Iker Aguión con "Mando da consola".
-6ºB: Almudena López con "Microscopio".

Os premios entregáronse o mércores 13 de novembro no recuncho de Tambo... parabéns tambeiros/as!!!




Por outra banda, queremos informarvos que o alumnado de 4º de primaria, na materia de Educaciòn Musical (Audiovisuais), está gravando xa as voces da canción que se convertirá no primeiro videoclip do curso 2019-2020.
Trátase dun traballo inacabado do curso pasado e vaise titular: "Por amor á nosa terra".



Se tendes ganiñas de lembrar tempos pasados, aquí deixamos penduradas as ligazóns aos vídeos-resumo dos festexos do Magosto de cursos pasados:



martes, 5 de noviembre de 2019

CONCURSO DE CONTOS EN GALEGO: "TRABALLA COS TEUS SOÑOS"

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega, convoca un concurso de contos relacionado coa temática do PDI anual proposta polo recuncho de Tambo: "Traballa cos teus soños".
Se queres participar é ben sinxelo... inventa un conto sobre o traballo dos teus soños ou dun traballo que consideres interesante ou inusual, escríbeo en galego na carilla dun folio e entrégallo á túa titora ou titor ata o venres 29 de novembro.
O conto gañador (darémolo a coñecer antes das vacacións de Nadal) será transformado en videoclip durante o 2º trimestre por parte do alumnado de 4º de primaria na materia de Educación Musical (Audiovisual).


Aquí tedes os videoclips dos dous últimos anos...



 E deixamos tamén outros contos musicados da nosa Biblioteca Escolar:



lunes, 28 de octubre de 2019

SAMAÍN 2019

O martes, 29 de outubro, celebrouse o Samaín no colexio coa mítica exposición-concurso de cabazas (este ano estivo relacionada co humor), coa entrega do premio ao título do PDI e co agardado túnel do terror que a ANPA "Viñas Blancas" argalla cada ano.
Nestes dous vídeos podedes visualizar unha testemuña...




Como puidestes comprobar, xa temos título para o PDI deste curso: "Traballa cos teus soños".
A gañadora foi Sira Rodríguez Peñas de 5ºA.
Parabéns tambeira!!!



Ademais, podedes achegarvos ata o recuncho de Tambo para poder desfrutar de marabillosos contos relacionados para a ocasión que xa temos seleccionados.



Os gañadores do concurso de cabazas foron os seguintes (hai dous terceiros premios por igualdade en número de votos):

-1º premio: Blanca Otero de 2ºA co seu "Comegalletas Triki".

-2º premio: Pablo Márquez de 1ºB coa súa "Panteira Rosa".

-3º premio: Martín Moreira de 5º de Educación Infantil co seu "Paiaso con Globo".

-3º premio: Izan Sabucedo de 1ºA coa súa "Triple-cabaza".


Non esquezades que o mércores, 30 de outubro, a partir das 17:00 horas, será a festa organizada pola ANPA e que cada ano mellora exponencialmente.
Nela entregaranse os premios das cabazas.
Feliz Samaín a todos/as!!!


Se queredes lembrar as festazas que montamos en cursos pasados, aquí tendes:






martes, 22 de octubre de 2019

IDOL KIDS E PERÍODO DE ADAPTACIÓN

O programa de xoves talentos "Idol Kids", que en breve emitirá a canle de televisión "Tele 5", solicitou un casting para dúas rapazas de 5º de primaria que participaron no videoclip "Regueifando en Marín", durante a gala do Certame "Enreguéifate".
As seleccionadas para envialo son: Fadwa El Obbouti e Sira Rodríguez.
O programa estará presentado por Xesús Vázquez e contará con Isabel Pantoja, Edurne e Carlos Jean como xurado.


Agardamos que teñan moita sorte!!!
Aquí podedes visualizalos:



Como sabedes, temos novos inquilinos/as no Carballal... e por moito tempo!!!
Os nenos e nenas de 3 aniños (4º de Educación Infantil) comezan a adaptarse ao noso centro e xa forman parte da súa comunidade educativa.
Recibímolos/as no blog cunha aperta enorme por medio deste fermoso vídeo que argallou Iria, a súa titora.
Case todos/as están felices!!!

EMOVE FESTIVAL, ENREGUÉIFATE E OUFF ESCOLA

O alumnado de 2º de primaria vén de recibir tres premios no Festival Escolar e Universitario das Artes Audiovisuais “eMove Festival” que conta cun xurado de prestixio internacional pertencente a compañías como: Warner Bross, Clan Tv, Discovery, Paramount ou National Geographic.



O vídeo de corte literario “As praias de Marín”, recibiu o premio á mellor reportaxe para o 1º ciclo de primaria. 
Este traballo estaba baseado nunha serie de acrósticos de Eduardo Víctor Castro López.


A curta de stop motion “Maruxa”, recibiu o premio á mellor Curta de Animación do 1º ciclo de primaria e tamén o premio “Valores Humanos” que outorga o Humans Fest (Festival Internacional de Cine e Dereitos Humanos de Valencia).



Os traballos foron producidos durante o curso pasado cos mestres e mestras: Patricia Cacharrón, María González, Carlos Fuente, Olalla Paz e Víctor Castro.



A gala de entrega de premios foi na Cidade da Imaxe de Madrid (Kinépolis) o pasado sábado 19 de outubro e asistiron tres mestres do claustro do centro e un alumno representante: Lois Piñeiro Ucha.


Non podemos esquecer a nosa asistencia no ano 2017, na que tamén gañamos dous premios e á que asistimos un feixe de alumnos e alumnas do Carballal!!!


O venres 11 de outubro, no Teatro Principal de Compostela, celebrouse a gala "Enreguéifate", convocada polos Concellos de Teo, Ames e Santiago.




Os nenos e nenas de 5º de primaria lograron o premio á regueifa mellor cantada co videoclip "Regueifando en Marín", producido no curso pasado.
Acudiron dous mestres representantes e varios alumnos/as (Sira, Andrea, Gabriel e Izan) a recoller o recoñecemento.



A gala estivo presentada por persoeiros ben importantes como Séchu Sende e contou coa actuaciòn de García MC.
Aquí tedes un vídeo-resumo da xornada.


Para rematar esta entrada, queremos comentar que dous representantes do centro acudiron á gala do Ouff Escola de Ourense o pasado martes 1 de outubro, onde fomos finalistas con varios traballos audiovisuais producidos no curso pasado.
Non obtivemos ningún premio pero desfrutamos a escachar visualizando os proxectos gañadores.
Premendo nesta ligazón, poderedes miralos devagar.