Estás no blog da Biblioteca e do EDLG do CEIP do Carballal de Marín.
Son a tartaruga Tambo,
a súa mascota.
Agardo que pases un bo rato lendo as nosas lerias!
Hai uns días recibistes unha máscara confeccionada pola ANPA "Viñas Blancas" no voso domicilio. Non esquezades que debedes poñela sempre que sexa imposible gardar unha distancia de seguridade óptima. O profesorado do Carballal fixo este vídeo como agradecemento no que queremos recordar tamén a canción "O cole que queremos":
Por outra banda, compartimos o programa de radio escolar realizado dende o confinamento con algúns nenos e nenas de 6º, 5º, 4º, 3º e 1º de Primaria:
Unha apertaza moi forte e agardamos que estedes todos e todas ben de saúde!!!
Este ano, o Día das Letras Galegas, está adicado a Ricardo Carvalho Calero, creador do Reintegracionismo. Entre outras actividades, faremos un videoclip a partires dun dos seus poemas:
A celebración común será o vindeiro 31 de outubro por mor da pandemia que estamos a vivir pero podedes ir aprendendo cousiñas da súa biografía premendo nas seguintes ligazóns e vídeos:
O Ateneo Santa Cecilia de Marín argallou unha fermosa iniciativa que queremos partillar con todos vós, pois aparecen traballos producidos no Carballal en anos anteriores:
No mes de decembro demos a coñecer o gañador do concurso de contos baseados no PDI deste curso convocado polo EDLG. O agraciado foi este fermoso relato de Diego González Cortegoso de 5º de primaria. Podedes botarlle unha lectura premendo nesta ligazón:
O agasallo consistía nun videoclip baseado no conto... que xa está rematado polo alumnado de 4º de primaria no Obradoiro de Audiovisuais de Educación Musical (colaboracións de nenos e nenas de 5º e 6º de primaria). Por mor do confinamento tivo que argallarse por medio de debuxos. Aquí o tedes e agardamos que vos guste o himno do PDI "Traballa cos teus soños".
Mañá, día 1, celebraremos un Maio un pouco atípico por mor do confinamento. Para comezar, propoñemos a visualización deste videoclip da canción "O Maio", baseada nun poema de Curros Enríquez e musicada por Luis Emilio Batallán con versos intercalados do poeta EV.CALO, no que aparece o profe Víctor.
A mestra de Relixión Católica, Inés Durán, argallou un vídeo-titorial para ensinarvos a todos e todas a elaborar un Maio a través de traballo manual artístico.
Ainara Vázquez, de 5ºA de Educación Primaria, xa fixo o seu e quedoulle ben bonito. Aquí o tedes!
Nestes vídeos podedes visualizar un compendio de traballos enviados polo alumnado:
E xa para rematar, penduramos este fermoso vídeo-poema sobre o confinamento argallado por Paco Rivas.
Para celebrar o Día do Libro deste curso 2019/2020, a profa Chus fixo unha montaxe audiovisual composta por dúas curtametraxes de Leire e Ánxela (alumnas de 5ºB de Educación Primaria) xunto cunha serie de fotografías de alumnos, alumnas, profes e profas lendo os seus libros favoritos durante o confinamento.
Aquí a tedes:
Queremos deixarvos tamén unha fermosa curta que vos recomenda a profa Charo relacionada coa animación á lectura.
Este ano non acudimos ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra por mor da pandemia que estamos a vivir. A pesar diso, as actividades que propoñen seguen activas vía online por medio da súa canle de Youtube, das súas contas de Facebook ou Instagram e dende a súa páxina web. Déixovos aquí a ligazón da canle de youtube para que naveguedes polos vídeos que van pendurando.
Por outra banda queremos informarvos de que moi pronto recibiredes no voso domicilio unha mascarilla de balde confeccionada por membros da ANPA "Viñas Blancas". Se premedes na imaxe poderedes ler a noticia:
En breve recibiredes unha mensaxe por medio da plataforma Abalar na que se indicará un enderezo de correo @ceipcarballal.org para cada un de vós co seu contrasinal correspondente. Con el poderedes acceder á aplicación Google Classroom, coa que pretendemos ter contacto con vós ata que remate o curso escolar. O primeiro que tedes que facer é visualizar con vagar este titorial:
Recoméndovos que indaguedes pola rede (youtube) outros titoriais que profundizan máis nas opcións que presenta esta app no modo alumno. Déixovos un exemplo:
Se algún ten problemas tecnolóxicos ou falta de medios, non dubidedes en poñervos en contacto co colexio para poder solucionalos canto antes na medida do posible. Para rematar deixamos unha guía para o profesorado:
A mestra Lucía (Educación Física) enredou a todo o profesorado do Carballal e apañou fotos que conteñen mensaxes de ánimo para todos os tambeiros e tambeiras. Agardamos que estedes todos ben e que teñades moito ánimo para rematar este confinamento na casa, que como sabedes, é necesario polo ben de todos nós. Temos moitísimas gañas de estar con vós no cole... Mirade que fermosura!!!
As profes de Infantil argallaron tamén un vídeo dirixido ao seu alumnado que podedes visualizar no seu blog, premendo na seguinte ligazón.
O pasado sábado, o mestre de Educación Musical, propuxo unha actividade para o alumnado do Carballal, consistente no envío de debuxos, fotografías, mensaxes esperanzadoras ou vídeos do noso confinamento, para argallar un videoclip dunha canción que compuxo sobre o coronavirus coa súa filla.
Durante o día de onte, chegaron tantos que, anegouse o correo... Aquí tedes algúns!
Deixamos o resultado final para que cantedes todos os días que dure este pesadelo dende o voso balcón. O venres, 27 de marzo, ás 16:00 horas, no programa "A Tarde" da Radio Galega, emitiron a canción e fixeron unha pequena entrevista telefónica ao profe Víctor sobre esta iniciativa. Premendo nesta imaxe podedes escoitar o podcast.
Coidádevos moito e forza!!!
Premendo nesta imaxe poderedes descargar a versión karaoke.
Agardamos que estedes todos ben de saúde... apertazas!!!
O pasado venres, 6 de marzo, tivemos a visita do director de cine marinense, Ángel Santos, curmán segundo da alumna Iria García.
Puxémoslle unha alfombra vermella e a cadeira propia dun persoeiro da súa talla.
Fixemos unha presentación moi chula e explicou un feixe de cousas sobre cine, pois a rapazada de 5º de primaria ten asignado este tema dentro do PDI deste curso: "Traballa cos teus soños".
Se cadra, o máis importante foi a charla sobre a dirección de fotografía, a comunicación entre as persoas que inteveñen nunha rodaxe, o custo e o duro que hai que traballar... Para rematar, visualizamos unha curta da súa creación coa rapazada do CEIP "A Rúa" de Cangas e que podedes desfrutar se premedes na seguinte ligazón: https://vimeo.com/343170985 Moitas grazas Ángel!!!
O pasado venres, 21 de febreiro, celebramos o Entroido no Carballal.
Mudamos a letra dunha coñecida canción de Maluma para a ocasión e gravámola coas voces de alumnado e profesorado.
A ANPA "Viñas Blancas" colaborou aportando unhas bebidas refrescantes que estaban ben boas e desfrutamos coa degustación de postres típicos.
Os disfraces estiveron relacionados co PDI deste curso: "Traballa cos teus soños".
Puidemos ver moito humor e profesións: artistas, mimos, contacontos, panadeiros, científicos, paiasos, gomas, lápices, monigotes, rockeiros e moitos personaxes de cine e debuxos animados (Familia Adams, Os Simpsons, Mortadelo e Filemón, Matilda, Bob Esponxa e Pipi Mediaslongas).
Finalmente fixemos o tradicional desfile e unha sesión de baile moi divertida.
Aquí tedes un vídeo-resumo... feliz Entroido 2020!!!
Deixamos tamén os vídeos-resumo doutros anos por se queredes lembrar...
O pasado luns, 17 de febreiro, estivo con nós a actriz marinense Mayka Braña, unha desas persoas que loitou para adicarse ao traballo dos seus soños.
O alumnado de 5º de primaria fíxolle unha presentación especial e incluso preparou a alfombra vermella de rigor.
Como este ano, dentro do PDI, traballamos o cine, explicounos moitas cousas relacionadas: rodaxe, preprodución, postprodución, etc. Quedamos abraiados coa cantidade de persoas que participan nunha peza audiovisual... Foi moi interesante!!!
Para rematar a visita realizámoslle unha entrevista radiofónica no programa "Ruxerruxe nas Ondas" que podedes escoitar premendo no vídeo ou na ligazón do podcast... Sen dúbida lembraremos sempre iso de que o cine é unha fábrica na que debemos traballar en equipo para obter un produto. Moitas grazas Mayka e ata outra!!!
O pasado xoves, 12 de decembro, estivo no Carballal o músico pontevedrés Ángel Paz. Fixémoslle unha entrevista radiofónica no programa "Ruxerruxe nas Ondas" sobre violencia de xénero pois, Ángel vén de publicar o disco de rock "Rostros Invisibles", baseado no libro de Montse Fajardo "Invisibles" que narra a historia de sete mulleres que sufriron maltrato por parte das súas parellas. Moitísimas grazas pola túa visita e os teus consellos Ángel!!! Aquí tedes o resultado:
Por outra banda, queremos mostrarvos un podcast de proba da nosa canle de radio "Canal Tambo", pois dende agora será sempre en directo e axudaranos a expresarnos mellor en galego.
O pasado xoves, 30 de xaneiro, celebramos no colexio o Día Escolar da Non violencia e a Paz.
Fixemos un acto común no ximnasio no que lemos a biografía de Martin Luther King Jr. pois, este activista da paz, asasinado por ese motivo, fixo famoso o seu discurso "I have a dream" (teño un soño), moi relacionado co PDI deste curso: "Traballa cos teus soños".
Cada aula elaborou un cartaz co seu soño de paz e foi pendurado no andar da entrada.
Para rematar, interpretamos ao vivo a canción de Magín Blanco "Soñar", coa axuda da mestra de práticas de Educación Musical (frauta traveseira), Carmen, que nos acompañará ata o vindeiro 3 de abril.
O compositor, enviounos unha mensaxe polo ben que o fixemos... grazas Magín!!!
Aquí tedes un vídeo-resumo da totalidade do acto e outro no que somentes aparece a canción (o audio está recollido cunha gravadora).
Na mañá do pasado xoves, 23 de xaneiro, celebrouse o xa tradicional "Cross Escolar" que forma parte do Programa Xogade.
A xuntanza foi nas inmediacións do CEP Sequelo e participou todo o alumnado de 2º a 6º de primaria de varios centros escolares do municipio. Nestas dúas instantáneas podedes visualizar, na liña de saída, ás nenas de 5º e aos nenos de 6º, impacientes por saír a fume de carozo.
Foi unha boa experiencia na que xa colaboramos en cursos pasados. Aquí tedes a todos os gañadores e gañadoras do noso centro e unha nota de prensa!
Este venres, 17 de xaneiro, entregáronse as mochilas viaxeiras deste curso en todas as aulas do colexio. Como podedes ver, teñen nova apariencia!
Deixamos catro pequenas suxerencias para empregala correctamente. 1. A mochila contén un caderno no que vai indicada a aula á que corresponde.
2. No interior podedes atopar un listado cos libros que posúe.
3. Atoparedes tamén unha mensaxe de benvida da nosa mascota: Tambo.
4. Nas follas en branco podedes dar renda solta á vosa imaxinación... Para rematar, deixamos unha instantánea da entrega, por parte dos colaboradores de biblioteca, ao grupo de 3ºB. Desfrutade da lectura tambeiros/as!!!
"Soñar" é o título da canción de Magín Blanco que cantaremos xuntos e xuntas o vindeiro xoves, 30 de xaneiro, para conmemorar o Día Internacional da Paz e a Non Violencia.
Andamos a argallar o arranxo de guitarra para poder interpretala ao vivo e organizando as partes que fará cada unha das aulas do colexio.
Mentres, podedes aprender a melodía e a letra... que ten moita relación co PDI deste curso: "Traballa cos teus soños".
Este ano tivemos un feixe de actividades de Nadal no Carballal que comezamos xa hai un par de semanas: decoración navideña, actividades de piscina, tren turístico, visitas máxicas co Mago Paco, visita dos Reis Magos con agasallos, Festival da ANPA "Viñas Blancas" con Papá Noel, o tradicional concerto de panxoliñas organizado polas mestras de Relixión, actividade sobre Juan Gago de Mendoza, mercadiño na Alameda e o gran Belén relacionado co PDI deste curso. Queremos desexarvos a todos e todas un feliz Nadal e unha boa entrada no ano 2020. Aquí tedes un vídeo-resumo que agardamos sexa do voso agrado...
Queremos informarvos tamén que a alumna Fadwa, de 5º de primaria, participou no programa musical da TVG: "Pequenos Fenómenos". Aínda que non pasou de fase por mor dos nervios que afectaron á súa afinación, a representación que fixo do noso cole, interpretando unha das nosas cancións ("Regueifando en Marín"), foi moi digna. A retransmisión foi o pasado sábado, 28 de decembro, ás 22:00 horas pero podedes visualizala premendo nesta ligazón: http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/pequenos-fenomenos-segunda-semifinal?t=1614
Deixamos pendurados, a xeito de recomendación, unha serie de traballos sobre grupos ou solistas realizados polo alumnado de 6º de primaria, por se queredes descubrir música nova durante este Nadal...
Tamén temos unha instantánea de antigos alumnos e alumnas que hoxe estiveron de visita e... que grandes están xa!!!
Para rematar, podedes botar unha ollada a estes vídeos-resumo do Nadal doutros anos!!!
A alumna de 5º de primaria, Fadwa El Abbouti, foi seleccionada no casting para participar como concursante no programa musical da Televisión de Galicia "Pequenos Fenómenos". Será retransmitido este Nadal e contará cun xurado de excepción. Esta semana comezou a ensaiar as cancións que escolleu para interpretar en directo e deixounos un anaco gravado para que poidamos desfrutar todos e todas coa súa voz. Agardamos que vos guste e... moita sorte moza!!!
O alumnado de 4º de primaria vén de publicar o seu primeiro videoclip producido no Obradoiro de Audiovisuais. Trátase dun traballo comezado o curso pasado polos nenos e nenas de Valores de 6º de primaria que elaboraron unha melodía a partir dun texto que Antón Fraguas pronunciou nunha entrevista. Posúe imaxes intercaladas a vista de paxaro (co dron do profe Yeray) da celebración no colexio do Día das Letras Galegas 2019, na que todos colocamos unha serie de paneis elaborados pola profa Charo e os seus alumnos/as. Na rodaxe, colaborou a alumna de 5º de primaria: Sira Rodríguez Peñas. Agardamos que sexa do voso agrado!!!
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega, despois de deliberar entre os contos entregados e tendo en conta os criterios que figuraban no cartaz, nomeou gañador do concurso, por unanimidade, a "Matías, o fotógrafo" de Diego González Cortegoso, de 5ºA de primaria. Como sabedes, será a historia que o alumnado de 4º de primaria tomará como base para elaborar un videoclip durante o segundo trimestre no Obradoiro de Audiovisuais. Moitos parabéns e agardamos que vos guste!
MATÍAS O FOTÓGRAFO
Matías , era un neno coma outro calquera pero
tiña un soño… e ese soño era: ser fotógrafo profesional! Un día díxolle á súa nai : -Mamá, quero ir a clases de fotografía . A nai
non estaba moi de acordo , e díxolle : -Matías, eu xa teño planes para ti , eu quero
que sexas violinista. Matías díxolle á súa nai: -Eu non quero ir a
clases de violín. Despois dun rato vagando pola casa , o seu pai
preguntoulle: -Matías, pásache algo? -Pois si , mamá quere que vaia a violín e eu non
quero. -Pois Matías eu tampouco quero que vaias a
violín , eu quero que vaias a fútbol.
Matías ía a fútbol e a violín , pero non o facía
con gañas porque no lle gustaba ningunha das dúas
actividades. Un día andando pola alameda , atopou un folleto
no que poñía :
-Se che gusta facer fotos , participa no noso concurso. So tes que sacar unha fotografía e enviala a este número de teléfono: 226 701 447.
Matías quería con moitas gañas participar nese
concurso... El sabía que os seus pais non lle deixarían, así que participou sen que eles se deran de conta e dous días despois chegou unha carta inesperada.
- Matías tes unha carta para ti na entrada. -Xa vou mamá !!!
Beeeeeen, é do concurso!
Estimado Matías , mandámosche esta carta para informarche de que quedaches finalista no noso concurso e deberás enviar outra foto. De parte do representante. - Que ben , quedei finalista !!! Mamá, voume. Dous días despois mandaron outra carta . - Gañei o concurso!!!
Dende ese día, Matías volveuse
o mellor fotógrafo de Galicia.
Os Equipos de Dinamización da Lingua Galega do Morrazo, dos que formamos parte, vimos de publicar as guías de lectura que en breve vos repartiremos a todos os alumnos e alumnas do Carballal de forma física. Trátase de recomendacións de lecturas en galego para Educación Infantil, Educación Primaria e persoas adultas. Animádevos a mercar algo para este Nadal!!!
Hoxe, 25 de novembro, conmemoramos no Carballal o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O profesorado interpretou unha fermosa canción para a ocasión: "Violencia 0". O seu videoclip está realizado a base de pictogramas ARASAAC para persoas con autismo.
Levamos unha grande sorpresa cando o miramos no telexornal da TVG...
Por outra banda, derrubamos con mans simbólicas, un muro anegado de palabras horribles relacionadas coa violencia machista. Algúns nenos e nenas acudiron ás aulas coa faciana pintada como activistas experimentados... Tivemos tamén unha actuación do Mago Paco que acudiu, de forma desinteresada, a presentar un espectáculo relacionado coa igualdade de xénero... moitas grazas!!! Agardamos que vos agrade o vídeo-resumo!
E se queredes lembrar as actividades que realizamos en cursos pasados, aquí tendes!!!