viernes, 28 de octubre de 2022

SAMAÍN 2022: CABAZAS SETENTEIRAS

O alumnado de 4ºB de Educación Primaria creou a canción "Es mouco no váter", ou o que é o mesmo, "Es silencioso no váter", no Obradoiro de Audiovisuais.

Baseáronse na canción de Deep Purple "Smoke on the water", publicada no ano 1972, polo que coincide coa inauguración do Carballal.

Podedes escoitala no vídeo-resumo do Samaín 2022, celebrado o venres, 28 de outubro e no que tivemos: exposición de cabazas setenteiras, merendas diabólicas, ambientación, disfraces, contos de medo no recuncho de Tambo, etc.

Agardamos que vos guste!

Logo de dous anos sen túnel do terror, por mor da pandemia, este curso recuperámolo grazas á ANPA "Viñas Blancas", que tamén fixo unha festa ben completa pola tardiña.

A ver se sodes quen de miralo enteiro!


Desexámosvos un bo Samaín tambeiros/as!!!

miércoles, 26 de octubre de 2022

EVA MARÍA LISCOU

O alumnado de Valores de 6º de Educación Primaria, vén de publicar o primeiro videoclip deste curso 2022/2023.

Trátase dun traballo en contra da violencia machista.

Está baseado na canción "Eva María se fue" (Fórmula V), que foi publicada no ano 1972, coincidindo coa inauguración do Carballal.

Aquí tedes a letra adaptada:


Participaron todos os nenos e nenas, aínda que non saian en pantalla, pois nun videoclip, tamén hai traballo de produción.

O vindeiro 25 de novembro (Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller) queremos que toda a comunidade escolar a interprete no patio.

Así que xa sabedes, aprendede a letra, a melodía e a coreografía durante este mes.

Agardamos que vos guste tambeiros/as!!!


lunes, 24 de octubre de 2022

FESTEXAMOS O DÍA DAS BIBLIOTECAS PRESENTANDO O PDI 2022/2023

Hoxe, 24 de outubro, festexamos o Día das Bibliotecas no colexio.

Fixémolo dunha forma moi especial: presentando o PDI deste curso.

Como sabedes, este ano o Carballal está de 50 aniversario, pois comezou a súa andaina no curso 1972/1973. O proxecto tratará esa temática.

O profesorado, fixo unha coreografía ambientada nunha canción deses primeiros anos ("Waterloo" de Abba) e vestiuse con roupas dos anos 70.


Déronse as directrices do concurso de títulos e agardamos que saia un ben orixinal.

Rematamos cunha tarta con globos, un fermoso cartaz e cantándolle ao Carballal o "Cumpleanos Feliz".

Aquí tedes un vídeo-resumo da xornada:

miércoles, 19 de octubre de 2022

SOMOS FINALISTAS NO OUFF ESCOLA DE OURENSE

Veñen de comunicarnos unha nova moi especial: somos finalistas no Ouff Escola de Ourense con unha das catro pezas audiovisuais que enviamos o pasado curso!

Os traballos son os seguintes:

1. "Un tesouro na ría" (Stop Motion argallado polo alumnado que agora cursa 4º de Educación Primaria).

2. "Pai-Fillo-Nai" (Curtametraxe muda argallada por alumnado que segue en Educación Infantil e 1º de Educación Primaria).

3. "Autoxenreira" (Curta-videoclip sobre Florencio Delgado Gurriarán, argallada polo alumnado que agora cursa 5º de Educación Primaria).

4. "Mergullo nas Rías" (Videoclip argallado polo alumnado que agora cursa 5º de Educación Primaria e que xa recibiu unha mención de honra en Olloboi e foi finalista no FicBueu).

A Gala de Entrega de Galardóns será o vindeiro xoves, 27 de outubro, ás 11 da mañá, no Auditorio Municipal de Ourense.

Como non é posible desprazar a tanto alumnado, acudirán dous representantes do colexio.

Moitos parabéns a todos e todas as implicadas!!!

martes, 18 de octubre de 2022

APERTURA DA BIBLIOTECA PARA O CURSO 2022/2023

Durante a mañá do luns, 17 de outubro, produciuse a apertura do recuncho de Tambo para este curso 2022/2023.


Para que sexa un comezo doado, estamos a facer sesións de formación de usuarios para todo o alumnado, nas que lembramos as normas de uso da biblioteca e entregamos os novos carnets.


Como sabedes, este é un curso moi especial, pois festexamos o 50 aniversario do Carballal.

Por este motivo, eses carnets levan un novo logo á altura da situación.



Agardamos que fagades moitos empréstitos con eles Tambeiros/as... podedes comezar polos contos de medo pois, como comprobastes coa ambientación, o Samaín está moi preto!!!

lunes, 17 de octubre de 2022

ACTIVIDADE CON BRAZOLINDA

O pasado luns, 10 de outubro, tivemos unha actividade divertidísima na Aula STEAM.


Consistiu nunha xornada dedicada aos xogos de mesa por parte de BRAZOLINDA.

Gozaron dela os nenos e nenas do 1º ciclo de Educación Primaria.


Eses xogos de mesa traballan diferentes destrezas, están feitos en galego e constrúense con materiais sostibles.



Aquí tedes a ligazón da empresa por se queredes botar unha ollada:

lunes, 10 de octubre de 2022

A MILLA DIARIA

A pasada semana comezamos cunha actividade no Carballal: "A milla diaria".


Consiste en correr ou camiñar unha milla (1609 metros) cada día lectivo, a media mañá, durante todo o curso escolar.

Participarán todos os nenos e nenas de Educación Primaria, e en Educación Infantil farán a "Mini-Milla".


Con esta medida, proposta polos mestres de Educación Física, pretendemos fomentar hábitos saudables no alumnado e loitar contra o sedentarismo e a obesidade pois non se trata dunha carreira.


Comezamos facendo dous días de proba dentro do recinto escolar e logo xa pasamos a facela polo perímetro exterior do cole, contando con todas as medidas de seguridade viaria e coa colaboración da Policía Local de Marín.


Por outra banda, queremos felicitar á nosa exalumna Begoña Martínez Crespo, que vén de gañar o Campionato de España de Salvamento Acuático, unha materia de libre configuración que se fai neste centro coa mestra de Educación Física na piscina da Raña en 6º de Educación Primaria e que ela tamén gozou.

Moitos parabéns!!!

lunes, 3 de octubre de 2022

COLABORACIÓN COA REAL ACADEMIA GALEGA: "LINGUA GUAPA"

A Real Academia Galega, dende a súa iniciativa didáctica "Primavera das Letras", vén de publicar unha web-serie sobre a nosa lingua, rodada no CPI "Santa Lucía" de Moraña con alumnado e profesorado.

A idea orixinal é froito da nosa madriña de Biblioteca: Fina Casalderrey (traballou nese centro 25 anos).

Aquí podedes visualizar o 1º capítulo de "Lingua Guapa" que afonda na orixe do galego:

Por outra banda, conta con colaboracións que xa están pendurando na súa páxina web.

Trátase duns minivídeos en prol do emprego do galego, no que aparece o CEIP Do Carballal de Marín con alumnado que agora está en 5º de Educación Primaria e que foi producido no curso pasado.

Podedes visualizar algúns deles premendo na seguinte ligazón:


Agardamos que vos gusten tambeiros/as!!!