viernes, 24 de febrero de 2023

DÍA DE ROSALÍA 2023 - PREMIO HANS CHRISTIAN ANDERSEN

O pasado 23 de febreiro foi o Día de Rosalía, data correspondente ao seu nacemento en 1837.

No cole festexámolo o venres, 24 de febreiro, acudindo por quendas a un acto que nos tiña preparado o equipo de axudantes da biblioteca baixo o lema: "Rosalía de aniversario".


Narraron unha breve biografía da poetisa, fixeron un recital de poemas da súa autoría e tamén nos propuxeron algún traballo manual e a selección da palabra que máis nos gustou dos seus poemas.

Vestiron prendas que emulaban a Rosalía nas súas diferentes etapas (da nenez á madurez), houbo dous disfraces do seu home, Manuel Murguía... e ata levaban roupa tradicional galega.


Para rematar, cantamos "A Rosalía", poema que compuxo Manuel Curros Enríquez polo seu pasamento en 1885, musicado por Luis Emilio Batallán no disco "Ahí ven o maio" de 1975 (o disco en galego máis vendido da historia).


Agardamos que vos gustara esta actividade do PDI: "50 anos argallando".


Aquí tedes un vídeo-resumo da xornada!!!


Para rematar, queremos dar os nosos máis enérxicos parabéns á nosa madriña, Fina Casalderrey, que vén de ser nomeada candidata española aos Premios "Hans Christian Andersen" (os Nobel da Literatura Infantil), cuxo premio é o máis grande recoñecemento internacional a unha autora viva.
O fallo do xurado daráse a coñecer na primavera de 2024... moita sorte madriña, aínda que ser candidata xa é unha honra!!!
Premede na imaxe se queredes saber máis.


E por se queredes lembrar... aquí tedes a celebración do ano pasado.

viernes, 17 de febrero de 2023

ENTROIDO 2023

O pasado venres, 17 de febreiro, festexamos o Entroido no Carballal baixo o lema: "Argallando no Entroido".

Foi a culminación do Mandadiño, do que tedes algunhas fotos nas dúas entradas anteriores deste blog, e coincidiu cunha mañá moi solleira.


Papamos doces típicos (orellas, filloas, flores de carnaval, etc) e logo desfilamos arredor do colexio por grupos cos nosos disfraces relacionados co PDI ("50 anos argallando").
Houbo astronautas, planetas, superheroes dos 70, romanos dos debuxos animados "Érase unha vez...", unha homenaxe aos nosos maiores con paisaxes rurais, computadoras enfrentadas a libros de texto e ata anacos da serie de tv "Cuéntame cómo pasó", no que os nenos percorreron estes 50 anos de andaina do Carballal.
Para finalizar, como vén sendo tradición, cantamos e bailamos a cachón coa canción que adaptamos: "No Entroido estrea o teu disfrace".
Aquí tedes un vídeo-resumo da xornada que agardamos sexa do voso agrado tambeiros/as!!!


Á tardiña, houbo un festón organizado pola ANPA "Viñas Blancas" á que queremos dar as grazas pola súa impagábel colaboración.



Os asistentes fixeron instantáneas no photocall setenteiro que fixeron con agarimo e gozaron cun baile no interior e no exterior do colexio.



Deixamos tamén os vídeos de Entroidos anteriores, por se queredes lembrar...






Agardamos que pasedes unhas boas vacacións... non esquezades ir ao Enterro da Sardiña (o de Marín festéxase dun xeito único) e practicar a canción "A Rosalía" para o vindeiro día 24 que xa teñen preparada os colaboradores da biblio!!!

miércoles, 15 de febrero de 2023

GAÑADORES DO CONCURSO DE NOVAS DO EDLG

Xa temos gañadores do "Concurso de Novas" que nos propuxo o Equipo de Dinamización da Lingua Galega no 1º trimestre.

Trátase dunha mestura de ideas que aparecen nas novas que foron presentadas e que o alumnado de 4º de Educación Primaria, na materia de Audiovisuais, adaptou para facer unha versión audiovisual.

A finais de curso, teremos un videoclip (versionando unha canción de 1973) de esta divertida historia na que quizais recoñezades algo da nova que entregastes.

Aquí a tedes tambeiros/as!

---------------------------------------------------------

Efemérides: “O Teixugho”

     O exalumno do Carballal, Mario Viñas, recibe un recoñecemento honorífico 

 

No tardiña de onte, celebrouse unha xuntanza ben importante no Colexio Carballal de Marín, onde os membros do profesorado decidiron, por unanimidade, outorgar o título de “O máis traste en 50 anos” a Mario Viñas Blancas, alias “O Teixugho”, por ser o alumno máis zarapelo dende que se creou o centro.

 

Lembraron que durante un recreo do curso 1987/88, logo de mercar un bocadillo de mortadela na ANPA, Mario adoptou un cambio radical na súa actitude, pasando de ser un neno exemplar en canto a comportamento, a ser un auténtico terror… 

Que levaría a mortadela daquela merenda?

 

Certo día, colocou chinchetas ben afiadas na cadeira na que debía sentarse o inspector, que viñera facer unha revisión das programacións con Don Gonzalo, o director naquel momento… 

Só sabemos que non voltou xamais, nin el nin ningún dos seus sucesores, e contounos un paxaro, que dende aquela mañá de febreiro, leva pendurado no seu traseiro un mural de Entroido que argallaron os nenos de Educación Infantil.

 

Noutra ocasión, deixou un rato de goma no caixón da mesa do mestre de Música, a sabendas de que este lle tiña moitísimo noxo aos roedores. Cando o mestre foi coller un lapis e mirou aquilo, dou tal chimpo que estivo a piques de vomitar.

 

Tamén recordaron aquel día de decembro no que foi recollendo panos de mocos ben verdes de toda a rapazada con catarro, para esparcilos polas fechaduras exteriores. 

Aquel líquido colleu tal consistencia, que os cerralleiros estiveron dúas semanas tentando abrir as portas con taladros e percutores, tempo no que non houbo clase, converténdose así el, en todo un líder do Carballal.

Pensaron incluso en poñer un día dedicado á súa persoa!

 

Os mestres, foron enumerando, unha a unha, todas as súas falcatruadas e botaron horas ata chegar á fin, pois eran milleiros!

 

Clases enteiras quedaban sen excursión ou sen recreo polas trasnadas do Teixugho e, o derradeiro día daquel curso, todos os afectados, reuníronse para darlle un bo escarmento. Meteron laxante na súa botella de auga para que collera unha boa cagalera e quitaron o papel hixiénico do váterMario foi beber durante a clase de Educación Física na que estaban a xogar ao brilé. Cando aquela porcallada lle fixo mal no bandullo, correu coma un tolo ao váter máis cercano para sentarse e facer as súas necesidades.

Alí botou máis de dúas horas e rematou esgotado… 

Cando se quixo levantar para ir á Aula de Inglés, decatouse de que non había papel por ningures e saiu ao patio cos pantalóns polos nocellos causando a risa dos seus compañeiros!!!

 

Dende aquel día, Mario non volveu facer ningunha trasnada… así que xa sabedes, mirade ben o que leva o voso bocata dos recreos, porque algúns, teñen premio! 


Canal Tambo Noticias


----------------------------------------------------------------------------------

Por outra banda, deixamos unhas instantáneas moi graciosas.


CleoPatri

Tambo

Corresponden ao Mandadiño destes días, no que houbo que traen algo na cachola, no pescozo, pixama e calzado desparellado.

Mañá venres, deberemos vir co noso disfraz de grupo para o desfile!





E non esquezades practicar a canción que interpretaremos no Día de Rosalía (23 de febreiro) que no colexio celebraremos o vindeiro venres 24, na volta das mini-vacacións.
Aquí tedes un ensaio con algunhas das colaboradoras da biblioteca.

lunes, 13 de febrero de 2023

CAMPIONATO PROVINCIAL DE CAMPO A TRAVÉS (XOGADE)

O pasado domingo, 12 de febreiro, celebrouse o Campionato Provincial de Campo a Través desenvolvido polo Programa XOGADE.


Foi en Vigo (inmediacións do Pavillón das Traviesas) e acudiu alumnado do Carballal que estaba clasificado acompañados polas mestras Paloma e Celia.



Houbo nenos/as do centro que quedaron entre os 10 primeiros na Categoría Benxamín e Andrés Omil, 4º na categoría Alevín, está clasificado para o Campionato Galego que se celebrará proximamente.
Moitos parabéns campión!!!


Por outra banda, queremos lembrar que mañá martes, o Mandadiño nos di que debemos traer os zapatos direfentes.


Hoxe rimos a escachar cos trebellos que trouxemos na cachola!

viernes, 10 de febrero de 2023

MANDADIÑO 2023 - CORRELINGUA

Se as condicións meteorolóxicas o permiten, o vindeiro venres, 17 de febreiro, festexaremos o Entroido no Carballal e iremos disfrazados por temáticas relacionadas co PDI deste curso.

Xuntos desfilaremos arredor do colexio (facendo o mesmo itinerario que na milla).

O lema será: "Argallando no Entroido".

1. Educación Infantil: "Astronautas - Apolo13".

2. Primeiro ciclo de Educación Primaria: "Superheroes de tebeo dos anos 70".

3. Terceiro de Educación Primaria: "Paisaxes rurais dos anos 70".

4. Cuarto de Educación Primaria: "Érase unha vez os romanos".

5. Quinto de Educación Primaria: "Libros e computadoras".

6. Sexto de Educación Primaria: "Cóntame do Carballal".

Como todos os anos, faremos o MANDADIÑO que podedes consultar nesta instantánea.

Por outra banda, deixámosvos as actividades que este ano propón o Correlingua.


martes, 7 de febrero de 2023

TEATRO: "AS 11 GATIÑAS VIAXEIRAS" - OBRAS NA CONTORNA DO COLEXIO

O pasado martes, 7 de febreiro, o alumnado de Educación Infantil, gozou dunha representación teatral argallada pola rapazada de 2ºA de Educación Primaria.

Trátase da adaptación dun conto que aparece no seu libro de lingua ("Dez gatiñas viaxeiras") e que eles titularon: "As 11 gatiñas viaxeiras".

Nel trátase o conteo ata o número 11 (en galego e inglés) e tamén fai un percorrido pola xeografía galega.

A actividade pertence ao Equipo de Dinamización da Lingua Galega por medio desa titoría e como tivo tanto éxito, repetíronna ao día seguinte co alumnado de 1º de Educación Primaria como público no recuncho de Tambo.

Por outra banda, queremos informarvos que están previstas unhas obras na contorna do centro para mellorar a súa accesibilidade e seguridade viaria (según os medios de comunicación), algo que vimos reclamando dende hai ben de anos e para o que fixemos incluso un proxecto que presentamos no Concello de Marín co alumnado e que levaba por título: "Camiñando ao cole seguriño" (PDI: "O cole que queremos").


domingo, 5 de febrero de 2023

A ROSALÍA - PROGRAMA LECTURA E FAMILIAS

Dende o Equipo de Biblioteca queremos propoñervos unha canción para interpretar no "Día de Rosalía" que se celebra, como cada ano, o vindeiro xoves, 23 de febreiro (186 anos despois do seu nacemento).

No colexio farémolo un día despois, o venres 24 de febreiro.

Trátase do poema que Manuel Curros Enríquez fixo polo pasamento de Rosalía de Castro en 1885, instrumentado por Luis Emilio Batallán no disco máis vendido da historia en galego: "Ahí ven o maio" (Aí vén o Maio).

Aquí tedes un vídeo para poder practicala e aprendela... dádelle caña tambeiros/as!!!


Por outra banda, hoxe chegou unha boa nova ao Carballal!!!
O noso colexio foi admitido no Programa "Lectura e Familias", destinado a centros PLAMBE.
Con el preténdese promover a lectura e o uso responsable da información coa participación das familias nas actividades argalladas pola biblioteca que estén relacionadas coa lectura, a información e os medios de comunicación.
Aquí tedes algunhas actividades que temos feito este curso.


Recibiremos unha dotación de 2500 euros para poder levar a cabo o proxecto e moi pronto teredes na casa un tríptico con máis información.

viernes, 3 de febrero de 2023

NO ENTROIDO ESTREA O TEU DISFRACE

O alumnado de 4º de Educación Primaria vén de publicar no Obradoiro de Audiovisuais (Aula de Educación Musical), a canción "No Entroido estrea o teu disfrace" co gallo do Entroido 2023, que festexaremos no colexio o vindeiro venres, 17 de febreiro.

Agardamos que vos guste e que a aprendades para ese día que non dá chegado!

Aquí tendes o karaoke.

Deixámosvos tamén a canción orixinal na que está inspirada e que foi editada en 1973, curso no que arrincou o Carballal: "Te estoy amando locamente" (Las Grecas).

VISITA Á GALIÑA AZUL - CAMPIONATO DE CROSS

O pasado venres, 3 de febreiro, o alumnado de 6º de Educación Infantil B, acudiu á Escola da Galiña Azul en autobús (situada no barrio de San Pedro).


Fixeron unha actividade común co alumnado dese centro, interpretando a canción do conto "A mellor sopa do mundo" (que temos na biblioteca), apoiados incluso por linguaxe de signos.

Argallaron tamén un obradoiro de carautas dos personaxes do conto, intercambiaron agasallos e zamparon un riquísimo biscoito que lles fixeron de benvida... do que Tambo, a nosa mascota, tamén papou un anaco!


Por outra banda, o pasado mércores, 1 de febreiro, o alumnado de 5º de Educación Primaria, acudiu a Portas para participar no Campionato Provincial de Cross para o que quedaran clasificados finalistas como grupo.


Queremos darlles os nosos parabéns polos resultados acadados, en especial, a Andrés Omil, que quedou 3º clasificado dentro dun total de case 300 corredores... non está nada mal!!!