sábado, 26 de noviembre de 2022

25N: "50 ANOS EDUCANDO EN IGUALDADE"

O pasado venres, 25 de novembro, fixemos un acto común no Carballal co gallo do "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller" baixo o lema: "50 anos educando en igualdade".

Nos días previos, elaboramos un fermoso mural con pompas de xabón que contiñan mensaxes de igualdade de xénero, seleccionamos libros feministas na biblioteca, adornamos o Recuncho Violeta e recibimos chaveiros e almanaques do Concello de Marín con esta temática.

Logo dun minuto de silencio polas vítimas do machismo, o alumnado de 6º de Educación Primaria, con vestimenta especial para a ocasión, leu un marabilloso manifesto; cantamos ao vivo e bailamos a canción "Eva María liscou" dispostos en círculos pola pista e botamos unha chea de pompas de xabón reais anegadas de esperanza para conseguir un mundo máis igualitario.

Xa sabedes: "No Carballal somos todes iguais".

Agardamos que vos guste o vídeo-resumo dunha xornada máis do PDI: "50 anos argallando"!!!

lunes, 21 de noviembre de 2022

SOMOS FINALISTAS NO "DÍGOCHO EU" E OUTRAS NOVAS

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega vén de recibir unha noticia moi importante: o guión que presentaron para facer un capítulo do "Dígocho eu" da TVG foi seleccionado finalista, co que proximamente virán facer a gravación ao colexio.

Dos sete capítulos gravados haberá un gañador.

Moitísimos parabéns a todos os nenos e nenas que van participar neste fermoso proxecto en prol do galego!!!

Podedes ver máis información premendo na seguinte imaxe:


Por outra banda, a semana pasada, tivemos tres actividades no recuncho de Tambo:

1. O alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria recibiu unha charla por parte de Rafa, policía nacional, sobre os perigos da internet, o pasado xoves 17 de novembro.


2. Nesa mesma data, o alumnado de 4ºB de Educación Primaria, tivo unha videoconferencia sobre creatividade con Patricia García (Afundación Abanca) dentro do programa "Non deixes que se apague a túa creatividade".


3. Para finalizar, comezou a Escola de Familias o pasado martes 15 de novembro.


Houbo unha quenda de mañá e outra na tardiña.

sábado, 12 de noviembre de 2022

MAGOSTO 2022: "CASTAÑAS CON AMOR"

Conta a lenda que por cada castaña que papas liberas a alma dun ser querido para que se una á festa do Magosto.

Nesta crenza baseouse o alumnado de 4ºA de Educación Primaria no Obradoiro de Audiovisuais para compoñer o retrouso da canción "Castañas con amor", inspirada no "Un beso y una flor" (Nino Bravo), composta no ano de fundación do Carballal.


O pasado venres, 11 de novembro e Día de San Martiño, celebramos esta festa tradicional no colexio e tivemos: castañas asadas, bebidas e choripáns grazas á ANPA "Viñas Blancas". Tamén houbo unha explicación desta conmemoración, pareados sobre o outono, envases xogantíns con exposición relacionados coa temática do Salón do Libro, xogos populares, ambientación, música e moito máis.
Agardamos que vos guste esta actividade común do PDI "50 anos argallando" tambeiros/as!!!

miércoles, 9 de noviembre de 2022

XA TEMOS TÍTULO PARA O PDI 2022/2023: "50 ANOS ARGALLANDO"

Como sabedes, o proxecto didáctico integrado deste curso, traballará a temática do 50 aniversario do Carballal.

Hai uns días propuxemos o concurso para poñerlle un título tan xeitoso como merece a ocasión.

Unha vez vistas as 3 propostas de cada aula do cole, o xurado decidiu nomear gañador ao seguinte (obra de Santiago Acuña Oliete de 5º de Educación Primaria):


A distribución temática por grupos deste proxecto común será a seguinte:

- Educación Infantil: "Entorno natural".

- 1º ciclo de Educación Primaria (1º e 2º): "Xogos tradicionais".

-3º de Educación Primaria: "Como cambiou a nosa parroquia".

-4º de Educación Primaria: "Entorno histórico do centro".

-5º de Educación Primaria: "Avances tecnolóxicos no ensino e na vida diaria".

-6º de Educación Primaria: "Entorno cultural e orixe do cole".

-Relixión Católica: "Romarías".

-Música e Danza, Audiovisuais e Valores en 6º de Educación Primaria: "Ambientación musical e audiovisual dos anos 70".


Agardamos que resulte un magnífico produto final no vindeiro mes de maio, no que será exposto polo alumnado.

A traballar tambeiros/as!!!

lunes, 7 de noviembre de 2022

UN CANTO A UCRAÍNA

O alumnado de Valores de 6º de Educación Primaria vén de facer unha versión da canción de Julio Iglesias "Un canto a Galicia", publicada en 1972, ano de inauguración do Carballal.

O título que elixiron foi "Un canto a Ucraína" e empregarémola para a súa interpretación vocal o vindeiro 25 de xaneiro, Día Escolar da Non Violencia e a Paz.

Ide practicando a melodía e aprendendo a letra e moi pronto, teremos un vídeo cos creadores ao vivo. De forma provisional podedes practicar con este do mestre de Música e Danza.

Deixámosvos tamén a canción orixinal.

viernes, 4 de noviembre de 2022

CONCURSO DE NOVAS PARA O XORNAL E 2º PREMIO NO OUFF ESCOLA

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega vén de presentar as bases para o "Concurso de Novas para o Xornal".

Podedes argallar unha en galego nas vosas aulas (baseada en feitos reais ou ficticios), de forma individual ou en grupo, e ten que estar ubicada no Carballal ou a súa contorna durante o curso 1972/1973.

O premio será unha adaptación audiovisual en formato videoclip que producirá o alumnado de 4º de Educación Primaria no Obradoiro de Audiovisuais.

Tedes ata o 30 de novembro para entregar os vosos traballos.

Aquí tedes todos os detalles:


Por outra banda, o alumnado que agora cursa 5º de Educación Primaria, acadou o 2º Premio na categoría de Infantil e Primaria no OUFF Escola co videoclip "Mergullo nas Rías" (producido o curso pasado).


Recolleron o galardón, o pasado xoves, 27 de outubro, dotado de 400 euros, dous representantes do colexio na gala que se celebrou en Ourense.


Moitos parabéns!!!