viernes, 22 de marzo de 2024

DÍA MUNDIAL DA POESÍA - CÓMIC DO MESTRE LANDÍN - LECTURA E FAMILIAS - PROGRAMA CIBEREXPERTO - BATALLA DE BAILE

O pasado xoves, 21 de marzo, celebrouse o Día Mundial da Poesía coa chegada da primavera.





No Carballal festexámolo cun feixe de poemas propios ("Portas Poéticas") que anegaron os nosos corazóns e as portas das aulas.





Todos os traballos grupais de aula participantes recibiron o seu diploma nunha das categorías e o profe Lucas compuxo un poema-homenaxe dende o Equipo de Biblioteca.












Tamén tivemos unha selección de libros infantís de poesía nos andeis da biblioteca.





Deixamos un fermoso traballo audiovisual que argallaron hai exactamente cinco anos os nenos e nenas que daquela cursaban 1º de Educación Primaria, no que recitaron unha serie de acrósticos, in situ, sobre as praias de Marín.






Por outra banda, o martes, 19 de marzo, o alumnado de 5º de Educación Primaria tivo unha sesión didáctico-musical no recuncho de Tambo coa presentación do cómic que vén de publicar o Concello de Marín (coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística) sobre a figura do persoeiro marinense: Francisco Landín Pazos.

Axudoulles a traballar a temática do humor para coidar a mente que están a tratar dentro do PDI anual: "Pídecho o corpo - Healthy lifestyle".


Foi presentado polo gaiteiro Felipe Rea, que veu acompañada de Itziar Álvarez (Concelleira de Cultura) aos que lle demos un agasallo.

Non tiñamos nin idea de que a famosa canción "Xa fun a Marín" era de Francisco Landín!!!



Agora xa sabemos por que existe un instituto, unha rúa e unha escola de música na nosa vila que levan o seu nome.
O cómic está ilustrado por Celsius Pictor e ten a coordinación editorial de Era Comunicación.
O lema "Marín, non che hai terra coma ela" tamén corresponde ao Mestre Landín, máis coñecido polo alcume de "Charneco".


Deixámosvos aquí o cómic pendurado en formato audio-conto cunha pequena interpretación coa gaita de "Eu de Marín ausenteime", peza anónima que foi arranxada para voces por Landín.



O mércores, 20 de marzo, o alumnado de 6º de Educación Infantil acudiu á Escola da Galiña Azul de San Pedro para representar a obra de teatro: "A mosca chosca".



Tiveron moito éxito e, igual que a pasada semana no colexio, argallaron as carautas con vivas cores.



O pasado xoves, 21 de marzo, o alumnado de 4º de Educación Infantil tivo unha nova sesión na aula dentro do Programa "Lectura e Familias" con Beatriz e Alberto, nai e tío de Lucas.
Faláronnos da importancia das abellas na alimentación saudable, miramos un vídeo didáctico, ensináronnos o traxe de apicultor e un panal, trouxeron un bote de mel e puidemos tocar o pole coas nosas propias mans.



Logo, fixemos unha vela e déronnos unha chea de fermosos agasallos: unha cesta forrada con cera, marcapáxinas, pegatinas, etc.



Dentro da mesma iniciativa, esa mañá tamén estivo no Carballal, Mara, nai de Pablo, para narrar ao alumnado de 1ºB de Educación Primaria os catro contos de "Escuela de Monstruos" na aula.


Os nenos e nenas de 6º de Educación Primaria remataron o venres, 22 de marzo, a súa formación de dúas semanas dentro do Programa "Ciberexperto", impartido pola Policía Nacional dende o ano 2016.


Para rematar, como despedida do trimestre, fixemos unha batalla de baile na derradeira sesión dese día, na que puidemos ver boísimas coreografías argalladas pola rapazada de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria das Viñas Blancas e na que se impoñeu a de 5º pola equidade de nenos e nenas, adecuación da letra da canción empregada e interpretación coordinada.


Tamén se entregaron os diplomas da batalla de baile anterior, celebrada no Entroido.




Moi boas vacacións de Semana Santa tambeiros/as!!!

viernes, 15 de marzo de 2024

SESIÓN DE RISOTERAPIA - PROGRAMA CIBEREXPERTO - OBRADOIRO DE MANUALIDADES DA ANPA - ACTIVIDADE POÉTICA - CONTACONTOS DE 2º - LIGA MULTIDEPORTE - TEATRO

O pasado venres, 15 de marzo, tivemos unha sesión de risoterapia no escenario do ximnasio.


Correspondeu ao alumnado de 5º de Educación Primaria e impartiuna Rita, nai de Mael.


Serviunos para traballar aspectos relacionados co coidado da mente dentro do PDI anual con técnicas impulsadas polas gargalladas.



Esa mesma mañá, os nenos e nenas de 6º de Educación Infantil, interpretaron unha obriña de teatro aos seus compañeiros/as de 4º e 5º.


Foi na biblioteca e gozaron a cachón con: "A casa da mosca chosca".

Argallaron para a ocasión uns fermosos marcapáxinas.



O martes comezou no Carballal a Liga Multideporte na que haberá moitos partidos de fútbol, baloncesto e voleibol durante os recreos.

Aquí podedes ver o ambientazo do primeiro partido entre alumnado de 4º de Educación Primaria nun día ben solleiro (Galácticos fronte a Brasileiros).

Creade o voso equipo tambeiros/as!!!


Ese mesmo día, á tardiña, a ANPA "Viñas Blancas" impartiu un obradoiro de manualidades no ximnasio.


Aquí tedes algunhas das obras que puido argallar a rapazada e as súas familias.



Durante toda a semana, o alumnado de 6º de Educación Primaria recibiu formación sobre ciberseguridade e ciberacoso da man da Policía Nacional.

Foi na propia aula e corresponde ao programa "Ciberexperto".


O vindeiro xoves, 21 de marzo, é o Día Internacional da Poesía e dende a biblioteca propoñémosvos esta actividade tan divertida e creativa.

Xa sabedes, compoñede o voso poema e de seguro acadaredes un agasallo como premio!!!


Para rematar, o alumnado de 2ºB de Educación Primaria narrou a versión propia dun conto aos nenos e nenas de 5º de Educación Infantil: "¿De qué color es un beso?".

Na actividade tamén fixeron medallas de corazón que colorearon coa cor dun bico.


Foi o pasado xoves, 14 de marzo, na biblioteca e tivo moito éxito.

Trataron aspectos emocionais relacionados co PDI: "Pídecho o corpo - Healthy lifestyle".