martes, 28 de noviembre de 2023

"FICAR DURMIDO" - ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS DO 25N - TORNEO DE XADREZ

O alumnado de 5º de Educación Primaria, na materia de Proxecto Competencial, vén de elaborar a letra da canción pola paz deste curso, que como vos informamos, é unha versión de "Pero a tu lado", composta por Enrique Urquijo (Los Secretos).
Trátase dunha carta na que dous amigos falan dun fermoso soño no que rematan as guerras todas no mundo.
Aquí tedes unha mostra para que poidades practicar na casiña pois, debido á súa complexidade, precisamos tempo para interpretala todos xuntos ao vivo no mes de xaneiro.


Por outra banda, esta semana, tivemos dúas actividades complementarias relacionadas co 25N: "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller".
A primeira delas, consistiu na lectura de contos relacionados coa temática da igualdade de xénero por parte dos axudantes da biblioteca (6º de Educación Primaria).


Estivo dirixida ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria logo do recreo do martes 28 de novembro nas propias aulas.


A segunda foi no ximnasio durante a 4ª hora dese mesmo día e consistiu nun tratamento médico antimachista de "Caxoto" (Contacontos) para o alumnado de Educación Infantil, 1º, 2º e 3º de Educación Primaria.


Gozamos cunha chea de contos clásicos que estaban mudados cunha visión máis igualitaria entre homes e mulleres.
Queremos agradecer ao CIM do Concello de Marín a súa organización.



Para rematar, informamos que xa podedes anotarvos na biblioteca para participar no torneo de xadrez que proximamente se celebrará no cole.


Haberá un premio consistente nunha chapa e un cursiño impartido por expertos na materia o vindeiro mércores 13 de decembro.


Quen será a campioa?


Animádevos a participar tambeiros/as!!!

sábado, 25 de noviembre de 2023

25N - CAMBIEMOS O CONTO - CHARLAS RELACIONADAS CO PDI

O pasado venres, 24 de novembro, mostramos o noso rexeitamento contra a violencia machista cunha chea de actividades, enchendo o Carballal de cor violeta.

Interpretamos ao vivo a canción e coreografía "Esperta e chama", logo da lectura dun manifesto por parte do alumnado de 6º de Educación Primaria.


Mudamos contos clásicos transformándoos noutros con maior igualdade de xénero grazas á iniciativa "Cambiemos o conto".

Expuxémolos todos, nun dos andares do colexio.



O alumnado de Educación Infantil, elaborou un fermoso mural reivindicativo facendo formas cos seus propios corpos.



Tamén gozamos con xogos populares sen diferenciación de xénero (mariola, pano, pai-fillo-nai, circuitos, xogo da cadeira, xogo da ra, etc) xa que no Magosto, por mor do mal tempo, foron adiados.
As regras de cada un deles foron explicadas polo propio alumnado en cada unha das estacións.



Por último, atopamos un feixe de libros seleccionados na biblioteca relacionados con esta temática, colocados nuns andeis decorados.

A vindeira semana teremos algunha actividade máis a cargo do CIM do Concello no ximnasio (para o alumnado de Infantil, 1º, 2º e 3º) e a lectura de contos por parte dos axudantes de biblioteca (para o alumnado de 4º, 5º e 6º) como: "Arturo e Clementina", "Non estou soa", "Maruxa", etc.



Aquí tedes un vídeo-resumo desta xornada tan solleira que agardamos sexa do voso agrado, tambeiros/as!!!


Para rematar, informamos que esta semana tivemos dúas charlas no colexio para o alumnado de 6º e 3º de Educación Primaria relacionadas co PDI deste curso, que como sabedes, xa ten título!!!



Unha delas foi sobre o acoso na internet (Plan Director impartido pola Policía Nacional) e a outra sobre o coidado do noso lombo (Plan de prevención de dor de espalda escolar - Centro de Saúde).
                           
     

Xa sabedes, coidade moito o corpo e a mente!!!

viernes, 17 de noviembre de 2023

TÍTULO DO PDI 2023/24 - SAÍDAS DIDÁCTICAS - ESCOLA DE FAMILIAS

Ola tambeiros/as!!!

Queremos darvos unha boa nova: o PDI deste curso xa ten título!!!

Trátase dunha proposta colectiva do alumnado de 3ºB que está en inglés e galego, pois o noso colexio é plurilingüe.

Aquí o tedes: "Pídecho o corpo - Healthy lifestyle".


Como segunda clasificada quedou a proposta de Cloe, alumna de 1ºB.

Estes alumnos recibiron, por parte dos colaboradores da biblioteca, un lote de libros e unhas camisetas ben chulas... parabéns!!!



Por outra banda, o pasado martes, 14 de novembro, o alumnado do 1º ciclo de Educación Primaria realizou unha saída didáctica ben interesante a Pontevedra.






Deron de comer ás pombas na Praza da Ferrería e tamén gozaron cunha actividade musical de percusión no Teatro Afundación por parte do Grupo Odaiko.





O xoves, 16 de novembro, tamén saiu o alumnado de 5º de Educación Primaria logo de recibir unha carta de Isabel "A Católica" na que se lles encomendaba unha misión de investigación.



Visitaron o Castelo de Soutomaior e, seguindo todas as pescudas e estando ben atentos ás explicacións, cumpliron a súa misión con éxito.





Lembrámosvos tamén que o vindeiro martes, 21 de novembro, teremos unha charla para as familias no cole en horario de mañá e tarde impartido pola Asociación Rexurdir.


O alumnado de 4ºA (Erick, Leyre e Pedro) realizou coa orientadora do centro un podcast para promocionar esta iniciativa e así vos animedes a asistir.


Para rematar, queremos deixar aquí pendurada a canción que versionará o alumnado de 5º de Primaria (mudarán a letra) na materia de Proxecto Competencial para o Día da Paz.

Trátase de "Pero a tu lado", de Enrique Urquijo (Los Secretos) que hoxe hai 24 anos que faleceu.

Aquí tedes unha versión ben bonita co coro do Colexio Tajamar de Madrid que fixeron Los Secretos polo seu 40 aniversario... seguiremos informando tambeiros/as!!!

miércoles, 15 de noviembre de 2023

ESPERTA E CHAMA (VIDEOCLIP)

O alumnado de 5º de Educación Primaria, na materia de Proxecto Competencial, vén de publicar o primeiro videoclip deste curso.

Trátase dun traballo centrado na violencia de xénero que xurdiu a partir dunha serie de novas de actualidade relacionadas con esta temática que podedes visualizar no seguinte vídeo.


A canción é unha versión do hit de Alaska "A quien le importa" publicado nos anos 80.

O vindeiro 24 de novembro cantarémola e bailarémola (ten coreografía no retrouso) no acto que fagamos polo 25N (Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres).

Agardamos que vos guste tambeiros/as!!!


E aquí tedes outros traballos sobre o 25N argallados no Carballal noutros cursos.






viernes, 10 de noviembre de 2023

MAGOSTO 2023

O pasado venres, 10 de novembro, véspera de San Martiño, celebramos a Festa do Magosto no Carballal.

Papamos un feixe de castañas, fixemos pareados, xogamos, trouxemos cestas ecolóxicas, pintamos a faciana con carbón, argallamos murais, coroas e pulseiras... e iso que o día estaba ben chuvioso. 

Seica estamos en Galiza!!!

Por mor do mal tempo non puidemos facer o roteiro de xogos populares tradicional pero prometemos facelos en canto saia o sol, tambeiros/as!!!

Mirade as normas destes xogos que elaboraron o pasado ano os nenos/as que agora cursan 3º de Educación Primaria!!!

Eses mesmos nenos/as, argallaron unha canción para a ocasión que agardamos sexa do voso agrado.


Coma sempre, queremos dar as grazas á ANPA "Viñas Blancas" pola súa imprescindible colaboración.

Aquí tedes o vídeo-resumo do Magosto e do Samaín: "SaMagosto".



Deixamos a coreografía e o retrouso da canción que interpretaremos no acto común do vindeiro venres, 24 de novembro, para conmemorar o 25N (Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres).
Practicade moito!!!


Xa para rematar, lembrámosvos que o martes, 14 de novembro, será o derradeiro día para presentar a vosa proposta de título para o PDI deste curso.

jueves, 9 de noviembre de 2023

EQUIPO DE MEDIACIÓN - OUFF ESCOLA - SAÍDAS AO MUSEO DE PONTEVEDRA - CHARLA SOBRE ARQUEOLOXÍA - LECTURA E FAMILIAS

O pasado luns, 6 de novembro, botou a andar o Equipo de Mediación do colexio, coordinado polo Equipo de Orientación, cunha primeira intervención informativa.


Os membros do equipo pasaron polas diferentes aulas para explicar a súa función, que como sabedes, consiste en mediar durante os conflitos que poidan xurdir nos recreos ou en calquera momento do horario escolar.

Mostraron unha presentación na que aparecía todo ben detallado e ensinaron o seu chaleco identificativo.


O mércores, 8 de novembro, foi a gala de entrega de galardóns do OUFF Escola de Ourense, á que non asistimos por un problema de última hora.

Quedamos finalistas neste festival audiovisual escolar coa peza producida o curso pasado polo alumnado que agora está en 5º de Educación Primaria: "Mario O Teixugho".

Moitos parabéns rapazada!!!


Ese mesmo día, o alumnado de 5º e 6º de Educación Infantil fixo unha saída didáctica guiada ao Museo de Pontevedra titulada "Mira que te miro".



Nela aprenderon a observar unha obra de arte experimentando cos diferentes sentidos.



O xoves, 9 de novembro, tamén visitou o museo o alumnado de 4º de Educación Primaria.

O título do roteiro foi: "Unha viaxe pola prehistoria".

Visitaron todos os fondos do museo pertencentes a esa etapa histórica.


Xustamente o día anterior, os nenos e nenas dese curso, tiveron unha charla na biblioteca con Jose, pai de Erick Doval, sobre esta temática pois, el é arqueólogo (traballou incluso en Atapuerca).



Cortaron carne cunha lasca de sílex como na prehistoria e puideron ver un biface feito por el mesmo.



Para rematar, informamos que fomos admitidos na resolución provisional da iniciativa "Lectura e Familias".

Nela, como sabedes, poderán acudir membros das familias do alumnado á escola para contarnos contos, tal e como sucedeu o ano pasado.

Xa vos iremos informando tambeiros/as!!!