sábado, 25 de noviembre de 2023

25N - CAMBIEMOS O CONTO - CHARLAS RELACIONADAS CO PDI

O pasado venres, 24 de novembro, mostramos o noso rexeitamento contra a violencia machista cunha chea de actividades, enchendo o Carballal de cor violeta.

Interpretamos ao vivo a canción e coreografía "Esperta e chama", logo da lectura dun manifesto por parte do alumnado de 6º de Educación Primaria.


Mudamos contos clásicos transformándoos noutros con maior igualdade de xénero grazas á iniciativa "Cambiemos o conto".

Expuxémolos todos, nun dos andares do colexio.



O alumnado de Educación Infantil, elaborou un fermoso mural reivindicativo facendo formas cos seus propios corpos.



Tamén gozamos con xogos populares sen diferenciación de xénero (mariola, pano, pai-fillo-nai, circuitos, xogo da cadeira, xogo da ra, etc) xa que no Magosto, por mor do mal tempo, foron adiados.
As regras de cada un deles foron explicadas polo propio alumnado en cada unha das estacións.



Por último, atopamos un feixe de libros seleccionados na biblioteca relacionados con esta temática, colocados nuns andeis decorados.

A vindeira semana teremos algunha actividade máis a cargo do CIM do Concello no ximnasio (para o alumnado de Infantil, 1º, 2º e 3º) e a lectura de contos por parte dos axudantes de biblioteca (para o alumnado de 4º, 5º e 6º) como: "Arturo e Clementina", "Non estou soa", "Maruxa", etc.



Aquí tedes un vídeo-resumo desta xornada tan solleira que agardamos sexa do voso agrado, tambeiros/as!!!


Para rematar, informamos que esta semana tivemos dúas charlas no colexio para o alumnado de 6º e 3º de Educación Primaria relacionadas co PDI deste curso, que como sabedes, xa ten título!!!



Unha delas foi sobre o acoso na internet (Plan Director impartido pola Policía Nacional) e a outra sobre o coidado do noso lombo (Plan de prevención de dor de espalda escolar - Centro de Saúde).
                           
     

Xa sabedes, coidade moito o corpo e a mente!!!