miércoles, 31 de mayo de 2023

ACHÉGASE A FESTA DO 50 ANIVERSARIO DO CARBALLAL - DESPEDIDA DE AMY

Tedes a sorte de contar cunha destas invitacións?

O vindeiro venres, 2 de xuño, á tardiña, celebraremos o 50 aniversario do colexio cunha festa por todo o alto que contará cunha chea de actividades, actuacións, baile, música, papadela, sorpresas e actos conmemorativos.



Ese mesmo día (pola mañá para o alumnado e pola tarde para os asistentes á festa) faremos tamén a exposición dos traballos que conforman o PDI deste curso por aulas, rematando coa proxección dun vídeo-resumo dos actos comúns nunha pantalla situada no exterior.


Temos todo preparado e incluso contamos cun novo cartaz identificativo do Carballal que podedes visualizar na entrada do colexio... agardámosvos!!!




Unha das mestras que non poderá asistir a este evento será Amy... pois regresa ao seu país.
Como sabedes, somos un centro plurilingüe, e este curso tivémola como auxiliar de conversa durante case todo o curso.


Na mañá do mércores, 31 de maio, nun acto conformado por alumnado e profesorado, despedímola como merecía.


Agardamos que volvas moi pronto!!!

viernes, 26 de mayo de 2023

EDUCACIÓN VIAL - PISCINA - ATLETISMO - SAÍDA A CAMPOLAMEIRO

Esta semana tivemos catro actividades ben interesantes no Carballal.

A primeira delas foi unha completa sesión sobre Educación Vial para o alumnado de 6º de Educación Primaria por parte de persoal cualificado (Policía Local e Garda Civil).


Desenvolveuse na mañá do mércores, 24 de maio, e contou cunha unidade móbil da Dirección Xeral de Tráfico (Xefatura Provincial de Pontevedra) que trouxo incluso karts.


Ademais de pasalo moi ben, aprendemos unha chea de cousas.



O xoves, 25 de maio, o alumnado de 4º de Educación Primaria fixo unha saída didáctica a Campolameiro para profundar no seu traballo para o PDI "50 anos argallando".


Nela tiveron un obradoiro de cerámica e fixeron unha visita guiada polo Centro de Interpretación.



Esa mesma mañá, o alumnado de 5º de Educación Primaria foi ao Campionato Provincial de Atletismo en Pista para o que foron clasificados como Centro Educativo.


Foi no Estadio da Xuventude de Pontevedra e acadaron moi bos resultados.



O venres, 26 de maio, houbo unha Xornada Intercentros na Piscina Municipal de Marín que forma parte dunha UDI de salvamento acuático da materia de Educación Física.

Un dos monitores foi profe de práticas no Carballal: David!!!


Estivo destinada ao alumnado de 6º de Educación Primaria e foi compartida co CPR Plurilingüe "San Narciso" e o Colexio da Inmaculada.



O pasado 19 de maio xa tiveran unha sesión teórica no colexio e remataron cunha sesión na praia de Mogor o venres 16 de xuño, día no que tamén fixo saída o alumnado de 5º de Educación Primaria á praia de Portocelo.






Para rematar, o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de Educación Primaria fixo a súa saída trimestral á piscina por quendas de idade nas xornadas do 29 de maio e 5, 6 e 9 de xuño.

viernes, 19 de mayo de 2023

SAÍDAS (IES DE POIO - "DÍGOCHO EU" - 3º PRIMARIA) - LECTURA E FAMILIAS

O alumnado de 5º de Educación Primaria realizou unha saída didáctica ao IES de Poio o pasado luns, 15 de maio, na que traballaron conceptos de Educación Física.

Fixeron moitas actividades ao aire libre en contacto coa natureza e tamén no interior durante toda a mañá: orientación, obradoiro de nudos, escalada en rocódromo, ponte de monos, etc.


A dirección das actividades correu a cargo do alumnado de 1º curso do propio instituto, pois alí existe un Ciclo Medio de Guía no Medio Natural e Tempo de Lecer.



Esa mesma mañá tivemos unha nova sesión do programa "Lectura e Familias" no recuncho de Tambo.

Estivo destinada ao alumnado de 4º de Educación Primaria e a narradora foi a nai de Mael que traballou cos contos: "O peido máis grande do mundo", "Feliz Feroz" e "Milu".


o xoves, 18 de maio, houbo unha nova sesión para o alumnado de 6º de Educación Infantil e 4º de Educación Primaria coa nai de Iago e Pablo Vilas.

Os contos narrados foron: "A historia dos bonobos con dentes", "Regreso al futuro", "Tango", "Oso atrapabolboretas", "A toupiña" e "A que sabe a lúa?".


Durante o xoves 18 e o venres 19 de maio, o alumnado de 3º de Educación Primaria gozou do camping de O Grove, un lugar incomparable.


Foron coa compaña das súas titoras como saída de final de curso e había outros coles.




O alumnado de 4º de Educación Primaria, foi á Gala de Entrega de Galardóns do "DígochoEu" que se celebrou en Compostela na tardiña do martes, 16 de maio.


Acudiron os centros seleccionados e había centos de persoas.


Como sabedes, este curso seleccionaron un guión elaborado no colexio dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, e viron rodar un dos seus capítulos que xa foi emitido.

Aquí tedes o streaming coa gala completa!!!



Para rematar, o venres, 19 de maio, a ANPA organizou durante a tardiña unha marabillosa "Festa da escuma".




 A rapazada gozou a escachar!