viernes, 29 de septiembre de 2023

GALA FIC-BUEU E OUTRAS NOVAS

O pasado sábado, 23 de setembro, o alumnado de 5º de Educación Primaria realizou unha saída escolar pola mañá con dous mestres.


Acudiron á Gala "Escolas Galegas" do Festival Internacional de Cinema de Bueu na que resultaron finalistas dentro da sección de Educación Especial, Infantil e Primaria co videoclip "Mario O Teixugho".




A cerimonia estivo presentada pola contacontos Olalla González (exmestra do Carballal) e polo ilustrador Marc Taeger, que fixo animacións ao vivo co seu iPad que se proxectaban na pantalla.



Tamén houbo música ao vivo e con ela, fixéronnos algún xogo ben divertido.



Queremos dar os parabéns aos gañadores pola súa marabillosa curtametraxe: "O roubo da Mona Lisa" (CEIP San Marcos de Abegondo).
Nós trouxemos un lote de libros por cortesía da Editorial Kalandraka e un diploma acreditativo.



Para visualizar a gala en streaming podedes premer na seguinte ligazón, onde saen todos os finalistas e o gañador:


Por outra banda, xa saíron os gañadores do concurso da Real Academia Galega "Contádenos o voso Día das Letras", promovido pola súa iniciativa "Primavera das Letras".
Gañaron os colexios: Espiñeira-Aldán de Cangas, Juan Fernández Latorre da Coruña e Juan Rey de Lourenzá.
Se queredes ollar os traballos enviados por todos os centros educativos e aprender máis cousas sobre Francisco Fernández Del Riego, podedes visitar a súa páxina premendo na seguinte instantánea.


Nós, fixemos un videoclip con coreografía e unha obra de teatro dedicada ao homenaxeado.




Xa para rematar, desexamos moita sorte a todo o alumnado que se anotou á milla urbana que esta tardiña, no Día de San Miguel (patrón de Marín), se celebra en Marín... e non esquezades gozar da Danza de Espadas (4 séculos de antigüidade) o vindeiro domingo, unha das alfaias culturais da nosa vila como podedes comprobar neste videoclip de Carlos Núñez!!!


viernes, 15 de septiembre de 2023

BENVIDOS/AS AO CURSO 2023/2024 - FINALISTAS NO FICBUEU

Ola tambeiros/as!

Agardamos que pasárades un bo verán e cargásedes ben as pilas para comezar un novo curso, unha nova aventura.

No primeiro día (luns, 11 de setembro), mirastes que os mestres e mestras ían vestidos cunha indumentaria deportiva mentres soaba a música de "Rocky"... ocórresevos por que pode ser?

Dádelle voltas porque, de seguro, ten algo que ver co proxecto deste ano.


Durante os primeiros recreos, aproveitamos tamén para apañar castañas, pois os castiñeiros do Carballal están tan cargados coma sempre... e vai chegando o Magosto.


Lembrades este videoclip que argallamos hai uns anos?


Este curso teremos unha nova Aula Multisensorial da que xa temos algunha instantánea.


Para rematar, queremos darvos unha boa nova!

O videoclip "Mario O Teixugho", argallado polo alumnado que agora cursa 5º de Educación Primaria, resultou finalista na Sección Escolas Galegas do Festival Internacional de Cine de Bueu xunto a outros catro traballos.


Máis información na seguinte ligazón: FicBueu


A gala de entrega de galardóns será o vindeiro sábado, 23 de setembro, e a ela acudirá o alumnado implicado con dous mestres... agardamos que teñan moita sorte!!!

Pola tardiña hai máis actividades ás que podedes asistir coas vosas familias.


En breve, abriremos "O recuncho de Tambo". Mentres, podedes gozar coas bibliotecas de aula como estes rapaces de 5º de Educación Primaria.