martes, 27 de marzo de 2018

MATEMAXIA

O Mago Paco estivo hai un par de semanas estreando o seu último espectáculo coa rapazada de 5º de Primaria.
O título é moi suxerente: "MateMaxia"...
Se tedes a oportunidade de miralo, non o dubidedes un intre!!!
Deixamos aquí unha pequena mostra.
Felices vacacións a tod@s!!!

viernes, 23 de marzo de 2018

CONCERTO DE PACO NOGUEIRAS

Temos unha ANPA no colexio digna de mención...
O pasado xoves, 22 de marzo, organizou unha serie de actividades para a rapazada que pode resumirse no seguinte cartaz:


Como sabedes, o traballo "Radio BuleBule" de Paco Nogueiras, está sendo empregado no noso PDI: "A maxia de comunicar".
Aquí tedes un anaco da actuación de onte que correspondeu ao disco: "Brinca Vai".

TAMBOEXPERIMENTOS

Hoxe queremos recordarvos que existe unha entrada neste blogue titulada "O recuncho da Ciencia", na que o alumnado de 5º de Primaria expón, por medio de vídeos ilustrativos, unha serie de experimentos caseiros que fan grazas aos fondos da nosa Biblioteca Escolar.

http://recunchodetambo.blogspot.com.es/2017/11/o-recuncho-da-ciencia.html

Deixámosvos con Nicolás e Mario mostrando os seus: "A serpe de cinza" e "Neve caseira".


Acudide ao recuncho de Tambo e buscade eses libros tan interesantes remexendo por estes recantos!!!

jueves, 22 de marzo de 2018

TABOLEIROS DE XADREZ PARA XORDANIA

Onte tivemos unha despedida moi emotiva no colexio...
O mestre Yeray marchou hoxe a Xordania en labor humanitaria.
Acude ao campo de refuxiados sirios de "Azraq" coa ONG Acnur e coa Escola de Xadrez Pontevedra.


O alumnado de 5º de Primaria elaborou uns taboleiros que Yeray entregará a nen@s dese campo de refuxiados e cos que poderán aprender a xogar.


Agardamos que o profe nos traia moitas cousas que contar aínda que hoxe por videoconferencia xa lle narrou ao alumnado de 6ºA a realidade do país... estamos orgullosos de ti!!!

SEMANA DA NARRACIÓN ORAL

Coincidindo co Día Internacional da Narración Oral, esta semana desfrutamos de dúas actividades ben divertidas no recuncho de Tambo.
A primeira, consistiu na narración oral de contos por parte dos axudantes de biblioteca de 5º e 6º de Primaria a todo o alumnado do colexio.
A temática estivo relacionada coa que o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra emprega este ano: "Mulleres de conto".
Aquí temos unha foto dunha das sesións impartidas en 4º.


A segunda actividade, consistiu na visita do gran Anxo Moure que , en tres sesións diferentes, presentou á rapazada de 1º, 2º e 3º de Primaria, o seu traballo: "O carballo con botas".

lunes, 19 de marzo de 2018

SALÓN DO LIBRO DE PONTEVEDRA 2018

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra está xa cos derradeiros arranxos de ambientación para comezar a súa andaina de este ano (6-29 de abril) co tema: "Mulleres de conto".
O traballo de "Paspallás", coma sempre, nótase ben!!!
Os produtos escolares comezan a inundar as salas...
Aquí tedes o que realizamos no Carballal:



Logo de visitar todo o alumnado o Salón do Libro deixamos un resumo co alumnado de 5º de Primaria!!!

martes, 6 de marzo de 2018

MARÍA VICTORIA MORENO

Achégase o Día das Letras Galegas e este ano queremos levar a cabo outro proxecto audiovisual común baseado nun poema-conto da homenaxeada deste ano: María Victoria Moreno.
Moi pronto daremos pautas para comezar coa rodaxe, a gravación de audio, os ensaios, etc.
Mentres podedes aprender o texto sobre o que imos traballar:


XA NON TEÑO MEDO!

Eu durmo na bufarda
porque son malo,
porque esperto de noite
e porque falo.
Mais mamá dixo
que podía chamala
de ser preciso.

Anque os primeiros días
pasei ben medo
coas sombras, cos ruídos
e co silencio...
Souben axiña
que a noite é unha festa
moi divertida.

No armario máis pequeno
teño tres gatos,
un canciño de seda
e dez lagartos.
Dormen de día
e polas noites
traman mil ousadías.

Cando a nai mata as luces
nace un silencio
redondo, escuro…
mais non dá medo!
Cómpre afacerse...
faíscas e máis voces
logo aparecen!

O reloxo da sala
óese ao lonxe...
agardo entre sabas
que cante as doce,
para que saian
os diabriños que viven
na miña casa!


Aquí tedes o retrouso en lingua de signos grazas á colaboración desinteresada de Miriam de "EntreSignos" para que practiquedes na casa.
Unha actividade fermosa para o noso PDI: "A maxia de comunicar"... que pretende romper barreiras, fomentar un mundo igualitario e facer chegar o noso vindeiro videoclip a máis xente!!!

https://www.entresignos.com/


E por último deixamos a coreografía que realizará o alumnado de 1º de Primaria e que argallou a rapazada de 6º coa profe Paloma... a ensaiar!!!

lunes, 5 de marzo de 2018

A BRUXA DAS ANTENAS

O alumnado de 4º de Primaria vén de publicar un videoclip baseado nun conto de medo da alumna Martina María Carrillo Juncal logo dunha rodaxe un tanto complexa...


Como sabedes, foi o traballo gañador no concurso organizado polo ENDL durante o 1º trimestre e o premio consistía na súa transformación audiovisual.



Por primeira vez no Obradoiro de Audiovisuais, fixemos unha versión propia dun tema moi coñecido: "Pumped up Kicks" (Foster the People)... e empregamos algúns efectos especiais.
Queremos darlle as grazas especialmente a Marina (ANPA "Viñas Blancas") pola súa colaboración, a Manolo por baixarnos a antena do tellado e a todas as familias que se implicaron cos disfraces.
Xa temos unha actividade máis para o PDI: "A maxia de comunicar"...
A desfrutar coa "Bruxa das antenas"!!!


Se queredes escoitar tamén a canción orixinal que nós adaptamos, aquí a tedes: