viernes, 8 de marzo de 2024

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER - SAÍDAS DIDÁCTICAS - LECTURA E FAMILIAS - OUTRAS NOVAS

O venres, 8 de marzo, celebramos o Día Internacional da Muller nas Viñas Blancas cun feixe de actividades.


O lema foi: "As mulleres nos inspiran".

Tivemos unha sesión de contacontos musical por cortesía do Grupo "Anaya" sobre esta temática na biblioteca.


Encantounos a "Superavoa", relato narrado e cantado por David Rodríguez.


En "Un día con papá", tamén atopamos a historia dunha superavoa, a avoa Pepa, que queda ao cargo de todas as tarefas da casa mentres o seu fillo está no mar.

Estivo destinada ao alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º de Educación Primaria.


O Concello de Marín, a través do CIM, enviou unha carpeta para cada alumno/a con material didáctico.

Tamén fixemos unha andaina solidaria polos corredores do centro, pola aula STEAM, pola biblioteca e mais no ximnasio, onde rematamos facendo o símbolo da muller cos nosos corpos.



Como símbolo, sorteamos obstáculos no camiño e buscamos unha saída na escuridade igual que moitas mulleres, tal e como se reflicte nestas fermosas cancións de Guadi Galego e o alumnado de cursos pasados.


As nenas de 6º de Educación Primaria leron un manifesto en prol da igualdade de xénero.



Moitos/as viñemos vestidos de cor morada...


No recuncho de Tambo puidemos gozar cunha selección de libros espectacular.


O alumnado de 3º de Educación Primaria tamén exaltou o papel da muller no ámbito da emigración/inmigración, tema que están a traballar.

Para elo, asistiu Nicole (e familia), nai de Arianna, á que lle fixeron unha entrevista anegada de preguntas interesantes na propia aula dentro do programa "Lectura e Familias".

Para rematar, argallamos un fermoso mural de xeito común sobre mulleres inspiradoras das nosas vidas no que as bolboretas xogaron un papel importante.







O pasado luns, 4 de marzo houbo dúas saídas didácticas no Carballal a Pontevedra.

A primeira delas foi ao Teatro Afundación para tratar a temática do autismo e na que os nenos e nenas puideron quitar unha instantánea con todo o reparto de actores e actrices.

Correspondeu ao alumnado de 3º de Educación Primaria e gozaron moito coa obra: "Hugo".


A segunda foi ao Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra que este ano trata a temática da maxia: "A maxia dos soños".



Correspondeu ao alumnado de 4º de Educación Primaria e nela puidemos ver a nosa maqueta e dar unha volta pola beira do Lérez.

Tamén tivemos unha sesión de animación á lectura da man da grande Raquel Queizás.





O mércores, día 5 de marzo, pola tardiña, o profesorado tivo unha sesión de formación coa profa Laura sobre "Cricut", unha máquina que nos axudará a facer verdadeiras marabillas plásticas no colexio.


O xoves, 7 de marzo, tivemos unha nova sesión do programa "Lectura e Familias" con Ángela e Eva (nutricionista e masaxista), madriñas de Daniela e César, que nos falaron das súas profesións pois, están relacionadas co coidado do corpo e a mente.


Estivo destinada ao alumnado de Educación Infantil e 3º de Educación Primaria e foi no ximnasio para facilitar a accesibilidade de Ángela, pois ela emprega unha cadeira de rodas para desprazarse.

Démonos unha boa masaxe en grupo e tamén bailamos a cachón.



Os colaboradores da biblioteca de 5º fixeron entrega polas aulas dos premios do "Dálle ao coco" do mes de febreiro durante a semana.

Moitos parabéns aos afortunados!!!


Para rematar, deixamos a ligazón ás oito cancións tradicionais adaptadas polo grande Pakolas incluídas no libro-disco "Unha animalada de colexio" que falan do coidado do corpo, da mente e da natureza.

Xa podedes gozar co formato físico na biblioteca que ten unhas ilustracións ben bonitas de Dani Padrón!!!

Un bo recurso para tratar o PDI anual: "Pídecho o corpo - Healthy lifestyle".