miércoles, 30 de octubre de 2024

SAMAÍN 2024 - CASTAÑAS POLO MUNDO - SAÍDA AO CENTRO DE DÍA - TÍTULO PARA O PDI - OBRADOIRO SOBRE VIOLENCIA DE XÉNERO

O pasado mércores, 30 de outubro, festexamos o Samaín no Carballal coa proxección no ximnasio das curtas de medo producidas polo alumnado e a "2ª Gala de Entrega de Galardóns" posterior (diploma + estatuíña).

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega recibiu dez fantásticas películas que puidemos saborear e... pasamos moito medo!!!

Aquí as tedes, tambeiros/as... e moitísimos parabéns pola calidade dos traballos!!!


A rapazada trouxo algún postre maléfico e tamén acudiu ao cole con disfraces terroríficos, divertidos e inxeniosos.


Decoramos o colexio entre todos/as e quedou ben diabólico... agardamos que fagades tamén algún calacú na casa como manda a tradición!!!


O alumnado de 1º de Educación Primaria fixo incluso un obradoiro de elaboración de manualidades de Samaín con carautas e cabazas.


O alumnado de 5ºA de Educación Primaria tamén produciu un podcast de radio nos Polos Creativos que toca o tema do Samaín... escoitádeo premendo na imaxe porque está macanudo!!!

Tivemos o tradicional túnel do terror organizado pola ANPA "Viñas Blancas" e que este ano levaba por título: "Alicia no país do terror".


Pola tardiña continuou a festa con máis túnel do terror, animación por parte de "Mimos", concurso de postres e o "truco ou trato" pola contorna das Viñas Blancas.




Unha vez pasado o Magosto (celebrarémolo o venres, 8 de novembro), publicaremos un vídeo-resumo cunha canción que está a preparar o alumnado de 4º de Educación Primaria versionando a da película "Grease".

Debedes elaborar a vosa cesta de castañas con material de refugallo coa temática de viaxes polo mundo... dádelle vida ao voso inxenio pois faremos unha exposición!!!

Aquí tedes a letra que elaboraron e a canción orixinal.


Mentres, podedes gozar co de hai dous cursos e co videoclip "A bruxa das antenas".



O luns, 28 de outubro, alumnado de 6º de Educación Primaria tivo un primeiro contacto coas persoas anciás usuarias do Centro de Día.

Presentáronse por medio dun xogo de viaxes, merendaron xuntos con postres comúns elaborados con agarimo e pasáronno xenial... xa agardamos con ansia a seguinte visita!!!

Graciñas polas chulas, Mateo!!!


Por certo, ide pensando xa un título para o PDI deste curso tal e como nos indicaron o pasado martes os colaboradores de biblioteca... podedes coller ideas do vídeo de presentación que resume a performance da semana pasada!!!


Para rematar, o martes, 29 de outubro, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria recibiu unha charla-obradoiro sobre concienciación da violencia de xénero dentro do programa "Nasti de Plasti".



Boas mini-vacacións!!!

jueves, 24 de octubre de 2024

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES 2024 - PRESENTACIÓN DO PDI ANUAL - TAMBO NAS ONDAS - OBRADOIRO DE MANUALIDADES - PREMIO ASTRID LINDGREN - OUTRAS NOVAS

O pasado xoves, 24 de outubro, festexamos o Día Das Bibliotecas Escolares no ximnasio cunha magnífica e divertida performance argallada por alumnado de 6º de Educación Primaria e dous representantes de cada nivel.


Con ela, anunciamos a temática do PDI deste curso (moi pronto terá título) que aborda as viaxes polo mundo para axudarnos a coñecer outras culturas.
Dende o vindeiro luns, poderemos ler libros na aula e levalos para a casa, pois xa sabedes que, de momento, temos obras no recuncho de Tambo...
Aquí tedes un resumo da actividade!!!


Lembrade que cos libros tamén podemos viaxar a calquera lugar do mundo ou do universo e... de balde!!!


Por certo, a Feira do Libro Usado celebrada o pasado domingo, 20 de outubro, foi todo un éxito de afluencia.



No stand do Carballal esgotáronse axiña todos os libros que foron canxeados por vales.


Gozamos tamén coa actuación musical dun home multi-instrumentista: A Orquestra Cé Pantasma.

Cantou moitas cancións mentres narraba unha historia ben divertida.



Durante a semana, seguiron rodando os Polos Creativos e continuamos mostrando instrumentos musicais na Aula de Música.

Mirade o violín de Carlota!!!


Aquí temos a alumnado de 6ºB de Educación Primaria co profe Lucas facendo un circuíto eléctrico con cables e baterías que facían rotar un pequeno motor.



Os nenos/as de 6ºA e 6ºB de Educación Primaria tamén produciron os primeiros programas de radio deste curso que xa podedes escoitar premendo na seguinte instantánea... están chulísimos!!!

Se tedes suxerencias para incluír na escaleta dos programas podedes depositalas no buzón que hai polos andares.


Do mesmo xeito, nos Polos Creativos, creamos esta entrada do blog ao longo da semana: quitamos instantáneas, editamos vídeo, aprendemos a insertar vínculos, redactamos, etc.


A rapazada de 4 e 5 anos realizou o martes, 22 de outubro, unha saída a pé ao CEIP Sequelo.


Fixeron unha actividade común sobre México, merendaron e pasáronno xenial.



O venres, 25 de outubro, tivemos un obradoiro de manualidades na Aula STEAM destinado ao alumnado de 6º de Educación Primaria.

Impartiuno María Moldes, exalumna do Carballal.


As fermosas figuriñas producidas venderanse no Mercadillo de Nadal para recaudar fondos para a excursión de fin de curso.


Moitas grazas pola túa visita, María!!!


Para rematar, queremos dar os nosos parabéns á nosa madriña de biblioteca: Fina Casalderrey.

Foi nomeada representante de España por cuarta vez para os premios máis importantes a nivel mundial da Literatura Infantil: Astrid Lindgren.


Agardamos que teña moita sorte e deixamos aquí a ligazón a un dos seus poemas musicados, neste caso de medo, do seu libro-disco: "Un día con papá".

viernes, 18 de octubre de 2024

CUCAÑAS 2024 - EQUIPO DE MEDIACIÓN - PRESENTACIÓN DE INSTRUMENTOS MUSICAIS - DECORACIÓN PARA SAMAÍN - RECORDATORIOS

O pasado luns, 14 de outubro, celebráronse as "Cucañas 2024" no IES Mestre Landín e asistiu, como xa é costume no Carballal, o alumnado de 6º de Educación Primaria.



Como sabedes, trátase dun roteiro competitivo composto por diferentes probas ben interesantes e divertidas... pasámolo xenial participando en grupos e saudamos a moitos exalumnos das Viñas Blancas!!!




Aproveitando a saída, traballaron na aula a experiencia a modo de cómic ou a xeito de narración dunha nova xornalística.




O Departamento de Orientación comezou tamén o mércores, 16 de outubro, as actividades de formación do novo Equipo de Mediación que compoñen os maiores do cole.
Comezaron con este círculo de diálogo empregando un corazón que debemos coidar.


Axudarán a resolver conflitos durante os recreos e agora mesmo están aprendendo a actuar coa orientadora para a súa prevención.



Por outra banda, os nenos e nenas de todos os cursos están deleitando aos seus compañeiros de aula cunha mostra dos instrumentos que tocan.
Aquí temos a César (4º de Educación Primaria) ensinando o fagot... aínda leva pouco tempo tocando no Conservatorio pero xa sona como o dun verdadeiro profesional!!!
Tamén Noel presentou o repenique que toca na comparsa dende que erea ben noviño!!!



Sabela e Thiago tamén presentaron os seus propios instrumentos de corda e percusión elaborados con material de refugallo e que aínda que non o creades, sonan moi ben... temos no cole futuros luthiers!!!




E como se achega O Samaín, decoraremos o cole con adornos terroríficos para o que pedimos a colaboración das familias seguindo estas temáticas:

-Educación Infantil: cabazas de papel, tea, etc.
-1º e 2º EP: vasoiras ou morcegos.
-3º e 4º EP: puchos de bruxa ou arañas.
-5º e 6º EP: esqueletos ou gatos negros.


Para rematar, queremos lembrar que ata o vindeiro venres, 25 de outubro, podedes presentar as vosas curtas de medo e que este domingo pola mañá será o X Mercadillo do Libro Usado no Multiusos da Praza de Abastos.

Por certo, os Polos Creativos xa botaron a andar esta semana.


Aquí temos un fantástico globo aerostático realizado por alumnado de 6º de Educación Primaria coa profa Belén durante a sesión do pasado venres, 18 de outubro. 



Boa finde, tambeiros/as!!!

viernes, 11 de octubre de 2024

CONCURSO DE CURTAS DE MEDO - POLOS CREATIVOS - X FEIRA DO LIBRO USADO

Boas, tambeiros/as!!!

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega vén de publicar as bases do "Concurso de Curtas de Medo 2024" que celebra a súa 2ª edición.

Do mesmo xeito que o ano pasado a participación é voluntaria.

Debedes elaborar unha historia de medo en galego gravada en vídeo horizontal cun máximo de 3 minutos para enviala ao correo do cole antes do 25 de outubro.


 Animádevos e dádelle voltas ao voso maxín pois as do pasado curso foron espectaculares!!!


Festexaremos tamén a Festa do Samaín o vindeiro mércores, 30 de outubro... e nela haberá un novo túnel do terror organizado pola ANPA "Viñas Blancas".
Lembrades o do pasado ano?




A vindeira semana comezarán as actividades dos "Polos Creativos" durante os recreos.
Haberá moita variedade: robótica e luz, xogos de mesa, audiovisual, radio escolar, invernadoiro e construción.
Anotádevos canto antes!!!


O vindeiro domingo, 20 de outubro, pola mañá, celebraremos a décima edición da "Feira do Libro Usado" xunto co resto dos centros educativos de Marín na Alameda Rosalía de Castro.
Nela poderedes canxear os vosos vales por libros que atoparedes nos stands e gozar cunha actuación musical infantil.


Para rematar, informamos que a actuación da Banda MusiMarín foi adiada por mor da meteoroloxía adversa do pasado mércores.
Informaremos da nova data en canto nola confirme o seu director.
Mentres, podedes repasar as familias de instrumentos coa actuación que nos dou a Banda da Escola Naval Militar hai dous curso e que foi todo un éxito.

viernes, 4 de octubre de 2024

FESTIVAL DE MAXIA INFANTIL - SALVAMENTO ACUÁTICO

O pasado venres, 4 de outubro, tivemos unha visita ben divertida no Carballal: O Mag Malastruc.



A actividade está incluída no VII Festival Internacional de Maxia Infantil de Marín que se levará a cabo durante esta fin de semana en diversos espazos da nosa vila cunha chea de magos.


Fixo dous pases no ximnasio, un para a rapazada de Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria, e outro para o resto do alumnado.



Pasámolo realmente ben co espectáculo, no que dun xeito maxistral, apareceron e desapareceron cousas... a verdade é que quedamos pampos con moitos dos trucos!!!

Aquí tedes uns anacos das súa actuacións.


Por outra banda, o mércores, 2 de outubro, o alumnado de 6º de Educación Primaria comezou a actividade de Salvamento Acuático na Piscina Municipal co profe Carlos.

Acudirán cada semana durante unha sesión dentro da materia de Educación Física.


Para rematar, deixamos un ensaio do Himno Galego feito co alumnado de 4ºB de Educación Primaria antes da interpretación que faremos coa Banda "MusiMarín" o vindeiro 9 de outubro cando remate a súa actuación didáctica.