viernes, 15 de noviembre de 2024

KARAOKE PARA O 25N - ESTENDE AS TÚAS ÁS - CROSS XOGADE - NINJA - PREMIO DA AXENCIA TRIBUTARIA - SAÍDA A CAMPOLAMEIRO - MOCHILAS VIAXEIRAS - PRESENTACIÓN DE "A DISCRETA BELEZA DOS TULIPÁNS" - TAMBO NAS ONDAS

Boas, tambeiros/as!

Comezamos esta entrada do blog, presentando o prometido karaoke da canción que interpretaremos ao vivo o vindeiro 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres: "Saír correndo".

Esta versión galega da canción de Amaral, gravada en riguroso directo durante os Polos Creativos deste martes (Audiovisuais), está argallada polo alumnado de 6º de Educación Primaria na materia de Valores Cívicos e Éticos (coa colaboración da profa Natalia), aínda que nela aparecen como representantes de cada grupo: Vera, Pablo, Noa, Adela, Breixo e Mael.

Practicade moito que xa queda pouco!!!


Temos outra gran boa nova no Carballal... o noso PDI anual xa ten título!!!

Unha vez revisadas todas as propostas, o xurado acordou nomear como título oficial: "Estende as túas ás" (Noa Ramallo - 6ºB de Educación Primaria).

Xa podemos estender as nosas ás para coñecer outras culturas nunha viaxe de aprendizaxe...

Moitos parabéns, moza, por este título tan orixinal e apertazas para todos os finalistas!!!


O pasado martes, 12 de novembro, o alumnado de 2º a 6º de Educación Primaria, gozou dunha xornada deportiva no Campo de San Pedro con outros centros educativos da nosa vila, co gallo do Cross Escolar.


Acadamos moi bos resultados nesta actividade competitiva  coordinada polos mestres Carlos e Lucas... aínda que o máis importante é que vivimos momentos especiais e divertidos nunha xornada ben solleiro!!!



O mércores, 13 de novembro, o alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria fixo unha saída didáctica a Pontevedra.


No Teatro Afundación, puideron gozar da obra "Ninja" que aborda a temática do acoso escolar... e tamén xogaron pola contorna da Alameda!!!



O pasado venres, 8 de novembro, Lucas Buceta Calviño (alumno de 6ºB de Educación Primaria), acudiu a Madrid á entrega de premios escolares do Concurso Nacional da Axencia Tributaria pois, obtivo un galardón na categoria de "Redaccion - Primaria".

Recibiu como agasallo un diploma e unha tablet... moitos parabéns, tambeiro, por ter unha Educación Cívico-Tributaria impecable!!!



O venres, 15 de novembro, o alumnado de 4º de Educación Primaria realizou unha saída didáctica a Campo Lameiro que incluíu unha pequena andaina con visita a un poboado prehistórico e na que tamén nos ensinaron o xeito co que facían lume nese período.



Aínda que choveu un chisco, puideron facer todo o percorrido e merendar logo no interior.

Visitaron o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre e aprenderon moitísimo sobre Historia mirando e analizando petróglifos como o gran cervo.



Remataron a xornada cun obradoiro de cerámica moi divertido no que produciron unha vasilla decorada con motivos naturais... ao estilo prehistórico!!!



Por outra banda, os Equipos de Biblioteca e Dinamización da Lingua Galega, botarán a andar as mochilas viaxeiras deste curso moi pronto.

Aquí temos unha das novas bolsas decorada coa máquina Cricut!!!


Para rematar, o xoves pola tarde, na Libraría Nobel de Marín, presentouse o libro de relatos editado por Galaxia da nosa coidadora: Eva Gutiérrez.

A organización correu a cargo do Ateneo Santa Cecilia e tivo moita afluencia de público.

Susana Arizaga, profesora do IES Mestre Landín, dedicoulle unhas fermosas verbas por esta primeira obra literaria e agardamos que sexan moitas máis... en galego!!!

Parabéns, Eva!!!


Agardamos que teñades unha boa fin de semana e non vos esquezades de escoitar o último programa de "Tambo nas Ondas" co alumnado de 5ºB de Educación Primaria... porque está xenial!!!