Esta semana tivemos unha serie de actividades moi interesantes no Carballal.
O pasado luns, día 15 de xaneiro, o alumnado de 5º de Educación Primaria gozou con "Quen vive aí?" na biblioteca.
Coa axuda de sinxelos capturadores de fauna, material de aumento e chaves dicotómicas, identificaron invertebrados presentes nos composteiros e estudaron a función que realizan.
O martes, 16 de xaneiro, o alumnado de 6º de Educación Primaria continuou con esta actividade sobre a compostaxe patrocinada pola Deputación de Pontevedra.
Elaboraron, esa mesma mañá, xabóns con material reciclado coa actividade "Residuos con_ciencia".
Na mesma liña, houbo unha sesión de formación do profesorado titulada "Ponteazero", esa mesma tardiña, relacionada cos composteiros.
Logo do recreo do mércores, 17 de xaneiro, os axudantes de biblioteca pasaron polas aulas para explicar o funcionamento de "Bibliopatio", co que poderemos gozar das nosas lecturas favoritas durante os recreos no exterior.
A actividade comezou a realizarse durante o recreo do venres, 19 de xaneiro.
Tal e como podedes ver nas instantáneas, tivo un grande éxito e agardamos que así continúe nos vindeiros meses e anos!!!
Para rematar, o alumnado de 3º de Educación Primaria, tivo unha saída a Santa Cecilia para visitar a exposición "Mar, emocións e cores" de Alicia Lamas coa que profundarán no apartado do PDI anual que están a desenvolver ("Emocións de cores").