domingo, 4 de junio de 2023

FESTA DO 50 ANIVERSARIO DO CARBALLAL

O pasado venres, 2 de xuño, festexamos as vodas de ouro do Carballal cunha festa rachada durante a tardiña que incluía algún agasallo deseñado especialmente para a ocasión.


Houbo unha gran afluencia de xente, entre os que se podían atopar exalumnos e exmestres.

Asistiron tamén algunhas autoridades como a Alcaldesa de Marín, a Directora Xeral de Innovación Educativa, o Xefe Territorial, o Inspector ou a Concelleira de Educación.

Comezamos cun percorrido polos produtos finais de cada aula para o PDI "50 anos argallando" que fixéramos esa mesma mañá para o alumnado.

Incluía un extenso traballo de investigación sobre o propio centro educativo: contorna, edificios históricos, xogos populares, transformación das aulas, instantáneas antigas, etc.

A continuación, logo de pasar por un photocall, puidemos visualizar un vídeo-resumo coas actividades comúns do curso nunha gran pantalla situada no exterior.


Logo dunhas breves palabras do Director e as Autoridades, continuamos con baile por parte da rapazada, recordos aos mestres que xa nos deixaron a ritmo da música ao vivo da película "La misión", visualizamos unha mensaxe da nosa madriña de biblioteca (Fina Casalderrey), fixemos un concurso do "1, 2, 3 Carballal outra vez" e incluso asistimos á estrea dun videoclip argallado para a ocasión no que aparece unha representación de toda a comunidade educativa.




Rematamos coas actuacións de "Airiños de San Xulián", "Fentos e Frouma" e "Two in the mirror" mentres tomamos un pincho aportado polas familias e a ANPA "Viñas Blancas", que tamén se encargou da meirande parte da decoración e aos que lle estamos moi agradecidos.


Unha xornada de lembranzas con todas a persoas que conforman este colexio, as do pasado, as do presente e incluso as do futuro.
Aquí tedes un resumo da xornada que agardamos sexa do voso agrado tambeiros/as... por outros 50 anos máis!!!