O pasado xoves, 16 de maio, festexamos o Día das Letras Galegas no Carballal.
Este ano está dedicado a Luísa Villalta e homenaxeámola cunha chea de actividades.
Os nenos/as de 2º e 3º de Educación Primaria, fixeron unha pequena presentación da súa biografía a partir dun libreto que elaboraron e Carlota tocou un chisco o violín pois, Luísa Villalta, tamén foi unha violinista marabillosa.
Logo, cantamos e bailamos a canción que compuxemos con versos soltos da autora: "Poesía en silencio".
Seleccionamos libros en galego na biblioteca e a vindeira semana faremos unha romaría con xogos, comidas e bebidas que precisan dunha entrada que será canxeada polos selos dos cartóns de "21 días en galego".
Tamén gozaremos cunha obra de teatro adaptada da conmemorada por parte do alumnado de 6º de Educación Primaria, da que xa temos algún ensaio: "Concerto para un home só".
Por último, bailaremos no exterior unha muiñeira titulada: "Muiñeira de Raquel".
Un pequeno resumo destas actividades enviouse ao Concello de Marín para ser proxectado xunto aos doutros centros do municipio no propio Día das Letras Galegas, o 17 de maio.
Vera, alumna de 5º de Educación Primaria, recitou un dos poemas de Luísa.
Aquí o tedes!!!
O pasado luns, 13 de maio, os nenos de 1º e 2º de Educación Primaria, tiveron unha saída didáctica á illa de San Simón.
Facía moi mal tempo pero aínda así, pasámolo xenial e aprendemos moitas cousas de historia.
O mércores, 15 de maio, igual que noutras aulas, artellaron agasallos para festexar o "Día da Familia".
Queremos lembrarvos tamén que o vindeiro 8 de xuño teremos a X Feira do Libro Usado na que participaremos todos os centros do municipio.
Como despedida, informamos que fomos seleccionados con 4 pezas audiovisuais no Festival de Cine do Mar, que este ano celebra a súa primeira edición.
Aquí podedes visualizar todas as actividades e proxeccións que van facer.
Agardamos que asistan os alumnos/as implicados!!!