O pasado venres, 24 de maio, gozamos co colofón da actividade "21 días en galego", organizada polo EDLG, que consistiu nunha romaría cunha chea de xogos, comida e bebida que puidemos conseguir canxeando os selos dos nosos cartóns.
Tamén bailamos no exterior, todos xuntos, a "Muiñeira de Raquel".
Un chisco antes, o alumnado de 6ºA de Educación Primaria, interpretou no ximnasio para o resto de nenos/as a adaptación de Eva Gutiérrez (coidadora do centro) e a profa Chus dunha obra de teatro de Luísa Villalta: "Concerto para unha muller soa".
Foi todo un éxito e notáronse ben os ensaios coa profa María Rosa!!!
Rematamos así, todas as actividades deseñadas co gallo do Día das Letras Galegas que foron adiadas por mor do mal tempo.
O mércores, 22 de maio, o alumnado de 6º de Educación Primaria tivo unha actividade sobre Educación Viaria organizada pola Policía Local.
Foi moi divertida pois, empregamos uns triciclos a modo de coches.
O xoves, 23 de maio, os nenos e nenas de 4º de Educación Primaria fixeron unha saída didáctica á illa de San Simón.
Gozaron dunha xornada solleira ben completa coñecendo a "Illa da Memoria" á que acudiron en barco.
A rapazada de Educación Infantil fixo tamén unha saída didáctica ao Centro de Día, na que cantaron e bailaron cancións tradicionais modernizadas nas versións de "Uxía Lambona e a Banda Molona".
Démoslle un detalliño aos usuarios e eles cantáronnos "A Rianxeira".
Xa pola tardiña, tivemos a proxección na Biblioteca Pública Municipal "Landín Pazos" das pezas audiovisuais escolares do Festival "Cine do Mar" na que tiñamos catro pezas finalistas.
O sábado, 25 de maio, deuse a coñecer o fallo do xurado na gala final e acadamos o Rodaballo de Ouro, dotado con 500 euros para actividades do colexio, coa obra "Mergullo nas Rías"... moitos parabéns rapazada!!!