viernes, 10 de mayo de 2024

TENDENDO PONTES - PRESENTACIÓN DO PUNTO LARANXA - ACTIVIDADE NO CENTRO DE DÍA - BAÑO DE BOSQUE EN FAMILIA - PISTA DE HÓCKEY - VIDEOCLIP POESÍA EN SILENCIO - COCO DE OURO DE ABRIL - A MOSCA CHOSCA - FESTIVAL DE CINE DE VIANA DO CASTELO - FIN DE 21 DÍAS EN GALEGO

O pasado luns, 6 de maio, tivemos unha actividade común con alumnado de 2º do IES Mestre Landín: "Tendendo pontes".




Foi para os nenos e nenas de 5º de Educación Primaria no patio exterior e nela, empregando material ben sinxelo (tesoiras, silicona, cartón e láminas de pau), conseguimos erguer pequenas pontes que aguantan moito peso.




Tamén puidemos visualizar a maneira na que un bot segue unha liña logo de programalo para tal función.

Aquí tedes o resultado!!!




Os mediadores e mediadoras tamén pasaron polas aulas logo do recreo para presentarnos un novo espazo do colexio: "O Punto Laranxa".


Trátase dun lugar no que podes introducir unha nota anónima se cres que sofres bullying, acoso ou ciberacoso (un acoso continuado ou reiterado).


Nesa mesma mañá, nenos e nenas de 5º de Educación Primaria, acudiron ao "Centro de Día" de Marín para facer unha actividade común coa xente anciá que o frecuenta.




Fixemos unha presentación cun fío vermello tecendo unha tea de araña, contando as cousas que máis nos gustan e falando dos nosos xogos preferidos.
Logo merendamos xuntos cunha papadela que nos tiñan preparada. 
Foi unha das moitas visitas que faremos!!!




O pasado martes, 7 de maio á tardiña, o Departamento de Orientación organizou unha actividade relacionada co PDI anual destinada as familias, titulada: "Baño de Bosque en Familia".


Foi impartida pola coach Raquel Pedrouso e serviunos para relaxar a mente en contacto coa natureza máis próxima ao colexio.
Premendo na seguinte instantánea poderedes escoitar un podcast explicativo.


Esa mesma mañá, os mestres de Educación Física, inauguraron o campo de golf/hóckey para poder gozar durante os recreos.



O mércores, 8 de maio, fixemos entrega do coco de ouro do mes de abril cun agasallo moi cuquiño: unhas cuncas ben especiais!!!


Aquí tedes aos gañadores/as e estade ben atentos que xa andan pendurados os retos de maio!!!




A rapazada de 6º de Educación Infantil e a de 2º de Educación Primaria realizou na biblioteca unha actividade interciclo para ir coñecendo a nova realidade desta etapa educativa e ás súas mestras.



Os pequechos e pequechas representáronlles o conto "A mosca chosca" coas súas carautas e un pastel e os "maiores" léronlles contos en pequenos grupos.



Estreamos tamén ese día o videoclip das Letras Galegas deste curso, dedicado a Luísa Villalta Gómez.
Nun dos andares do colexio, podedes visualizar estes cartaces con datos da súa biografía.





Xa podedes visualizalo na nosa canle de Youtube ou no Portal da Lingua Galega: "Poesía en silencio".



O venres, 10 de maio, dous representantes do colexio deron unha ponencia sobre o audiovisual do noso colexio nos XXIV Encontros de Cinema de Viana do Castelo (Fórum Cinema e Escola) organizados pola Asociación Ao Norte, no que tamén houbo outros centros galegos e portugueses cos que intercambiamos experiencias didácticas.




Esa mañá, rematamos o periodo da proposta do EDLG "21 días en galego"... seguro que xa tedes moitas casas cubertas no voso cartón para canxear por entradas a xogos o vindeiro 16 de maio na romaría!!!