viernes, 7 de junio de 2024

ENSALADA DE ANIMAIS - DÍA DA BICICLETA - REMOERGÓMETRO - SAÍDA Á CORUÑA - EXHIBICIÓN DA POLICÍA NACIONAL - LECTURA E FAMILIAS CON TARABELOS - TEATRO - VISITA DE MANUEL ROSALES - ACTIVIDADE INTERCICLO - X FEIRA DO LIBRO USADO

Esta semana, a rapazada de 6º de Educación Infantil, fixo a estrea dun videoclip inspirado nun poema da nosa madriña de biblioteca: Fina Casalderrey.
Coa axuda das profas Eva e Laura (vestiario e storyboard), do profe Víctor (gravación e edición de audio e vídeo) e de tres alumnas de 6º de Educación Primaria (Aldhara, Blanca e Lucía) na rodaxe, elaboraron "Ensalada de animais"... agardamos que vos guste!!!


O luns, 3 de xuño, foi o día da bicicleta e moitos alumnos/as trouxeron a súa ao colexio para dar unha voltiña polo patio guiados polo profe Carlos.


Podedes ver aquí o videoclip de Paco Nogueiras "Bici, bicicleta" que é moi divertido.



O martes e o venres, 4 e 7 de xuño, tivemos unha sesión de remoergómetro para 5º e 6º de Educación Primaria no patio exterior e na Raña (Campionato Intercentros Xogade).



Conseguimos batir algún récord en franxas de 30 segundos!!!





Os nenos e nenas de 5º de Educación Primaria tiveron a súa saída didáctica de fin de curso á Coruña o pasado martes, 4 de xuño.



Visitaron o Domus e a Casa das Ciencias nun día moi completo e divertido!!!




O mércores, 5 de xuño, a Policía Nacional fixo unha exhibición para os nenos/as de 3º de Educación Primaria co gallo do seu 200 aniversario.




Ensináronnos o interior dos coches patrulla, déronnos uns carnets e pegatinas... e agora xa sabemos que cando hai unha urxencia debemos chamar ao 112 ou ao 091.



O xoves, 6 de xuño, os nenos e nenas de 3º de Educación Primaria interpretaron a obra de teatro "A verdadeira historia das cores" (adaptación do conto de Eva Heller) para todo o colexio no ximnasio.
Trátase dunha actividade desenvolvida dentro do PDI dese curso concreto: "Emocións de cores".
Con ela aprendemos moitas cousas sobre as cores básicas, as cores mestura e o círculo cromático.


Esa mesma mañá tivemos unha sesión conxunta da rapazada de 6º de Educación Infantil e 6º de Educación Primaria con "Tarabelos" na biblioteca.



Correspondeu ao Programa "Lectura e Familias" pois, Esteban e Ana, son os pais de Olivia e Martín Acuña.
Gozamos co espectáculo "Debulendo lendas" no que tamén houbo interpretacións musicais con pandeireta.
Ao rematar démoslle un fermoso agasallo... grazas pola vosa agradable visita!!!





O venres, 7 de xuño, o alumnado de 3º de Educación Primaria entrevistou a Manuel Rosales na Aula de Música.
Dounos unha breve charla sobre a importancia do deporte no coidado do corpo e a mente e grazas á complicidade da súa filla Bibi, puidemos contar con el e gozar cun panel de fotos da súa traxectoria como atleta de élite na categoría de veterano.


Cantámoslle unha canción sorpresa sobre a súa vida, rodamos un videoclip con el que moi pronto poderedes visualizar no recuncho de Tambo e tamén lle demos uns agasallos.
Todo un exemplo de superación e coidado do corpo e mente para o PDI deste curso!!!
Moitas grazas pola vosa agradable e desinteresada visita!!!


O alumnado de 2º de Educación Primaria e 6º de Educación Infantil fixo unha actividade común na biblioteca esa mesma mañá.



Estivo relacionada coa convivencia e a transición de etapa.



Para rematar, informamos que por mor da previsión de meteoroloxía adversa, a X Feira do Libro Usado que se ía celebrar este sábado, 8 de xuño, foi adiada para o mes de setembro... iremos dando conta da data exacta, tambeiros/as!!!