miércoles, 8 de marzo de 2023

8 DE MARZO: "ELAS ARGALLAN A NOSA HISTORIA"

O pasado mércores, 8 de marzo, foi o "Día Internacional da Muller" e festexámolo no cole cunha serie de actividades baixo o lema: "Elas argallan a nosa historia".



O alumnado de Educación Infantil gozou na biblioteca coa representación teatral do conto "Non a todas as nenas lles gusta o rosa".



A actriz foi Flora (exalumna do Carballal hai ben de anos que tamén foi presidenta da ANPA e logo monitora do transporte escolar) e o actor principal foi o profe Alberto.

Remataron a sesión interpretando unha canción que está no repertorio do grupo folclórico "Fentos e Frouma", do que forma parte Flora e que xa acudiu ao cole nunha xornada das Letras Galegas.

Contou coa axuda de Ana, compañeira de grupo, que imparte clases de pandeireta a nenos e nenas cativas.


No recuncho de Tambo, tivemos unha selección de contos situados nos andeis especiais relacionados co 8M, que colocaron e seleccionaron os axudantes de biblioteca.




O alumnado de Educación Primaria gozou no ximnasio cunha charla de Flora que levou por título "Historias do Carballal".


Contounos unha chea de cousas do pasado do cole axudada por moitas fotografías: excursións, celebracións, actividades extraescolares, Merenda Intercultural, etc.
Na súa voz notábase agarimo polo Carballal e moita nostalxia.
Ela foi unha das persoas que puxo o seu gran de area para levantar este colexio, que estaba destinado ao peche.
Para ela, agora somos un referente educativo en Marín.


Moitísimas grazas por acudir de forma desinteresada e polo voso tempo!!!


Tamén fixemos un feixe de actividades plásticas e de investigación nas titorías.




Elaboramos un fermoso mural de xeito común a partir de instantáneas de mulleres que destacaron en diferentes ámbitos (científico, cultural, deportivo, etc) e que tamén contiñan información de interese.


A actividade foi coordinada polo Equipo de Actividades Complementarias e Extraescolares e visualizando o grupo de fotos podemos percibir a silueta da faciana dunha muller.



Recibimos unhas bolsas do Concello de Marín acompañadas de pinturas de cores.



Estaban dedicadas ás mulleres emprendedoras da nosa vila e ao importante labor que desempeñan na economía local.
Pintámolas ao noso xeito para personalizalas pois nalgunhas, a súa tea pódese pintar.


Queremos deixarvos unha canción con coreografía relacionada coa igualdade de xénero.
Titúlase "Depende de los 2" e foi argallada por varios colexios doutras comunidades.
Aquí tedes a letra, o videoclip e a coreografía que non teñen desperdicio... seguro que vos fascina!!!




Non queremos esquecer tampouco á avoa Pepa, unha desas mulleres que carga co peso todo do fogar nunha desas familias de mar, nas que algúns non voltan xamais e outros botan meses fóra...
Vai por todas elas e polo recoñecemento do seu traballo!


E para rematar, deixamos o videoclip que fixemos no Carballal hai uns anos para o 8M: "María e Brais".
Nel reivindicábamos a igualdade entre homes e mulleres.
Bo Día da Muller tambeiros/as!!!