lunes, 30 de enero de 2023

PARAUGAS DA PAZ

O pasado luns, 30 de xaneiro, festexamos un "Día Escolar da Non Violencia e a Paz" á altura do 50 aniversario do Carballal.


As axudantes da biblioteca seleccionaron unha chea de libros relacionados con esta temática, baixo o lema: "Lendo e escribindo atopamos paz".

Adornaron tamén os andeis con anacos da canción da paz deste ano e no andar do 1º ciclo de Educación Primaria había un fermoso mural.



Decoramos 16 paraugas (un por aula) con signos de non violencia e a palabra paz en diferentes idiomas.




Con eles fixemos unha fermosa coreografía coa profa Paloma baixo o ritmo da canción "Bajo el mismo sol" e interpretamos ao vivo a canción "Un canto a Ucraína" (versión de "Un canto a Galicia" de Julio Iglesias, editada no ano de inauguración do noso cole).

Antes das actuacións, representantes de cada ciclo, leron o manifesto cronolóxico: "5 décadas argallando desexos de paz".

Tamén confeccionamos, nun dos andares do colexio, un impresionante mural común con paraugas que nos protexen de cousas ou situacións negativas como a guerra que aparecían a xeito de pingas.


Deixámosvos un vídeo-resumo da xornada que agardamos sexa do voso agrado tambeiros/as!!!


Xa para rematar, deixamos un videoclip de Pink Floyd en colaboración co cantante do grupo ucraíno "Boombox", Andriy Khlyvnyuk, no que transformaron unha canción tradicional da zona de Kiev nunha auténtica peza de rock... que pide a berros a fin da guerra na Ucraína!

viernes, 27 de enero de 2023

RECEITARIO SAUDABLE - ANIMACIÓN Á LECTURA

O pasado venres, 27 de xaneiro, gozamos cunha actividade ben lambona no Carballal que está dentro do proxecto "Coido o meu corpo".

Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e as titorías de 2º de Educación Primaria, argallaron un receitario saudable en galego composto por 4 receitas.

Aquí as tendes por se queredes preparalas na casa pois son ben sinxelas e boas para o noso organismo.





Coa axuda dalgunhas nais e pais, e baixo a dirección da profa Lupe, elaboraron unha serie de entrantes que probou todo o alumnado do colexio.

Mirade que boa pinta!!!

No 1º trimestre tiveron asesoramento de Sabela, nai de Emma e médico de profesión, que acudiu ao centro para darlles unhas orientacións sobre alimentos saudables e que derivou tamén no tema do etiquetado.

Por outra banda, o equipo de voluntariado da biblioteca (alumnos/as de 5º e 6º de Educación Primaria), acudiu polas aulas para animar á rapazada a coller libros na biblioteca facendo algunhas recomendacións interesantes.


Foi o primeiro contacto activo que rompe o xeo antes de facer contacontos, dramatizacións... e moitas cousas máis que iredes descubrindo ao longo do curso.



Dúas actividades ben molonas para rematar a semana nas Viñas Blancas...

Para rematar, deixámosvos a canción que cantaremos o vindeiro luns (Día Escolar da Non Violencia e a Paz) gravada no espazo no que se ubicará a Radio Escolar e no que hai un acondicionamento acústico sen reverberacións... a ver se o notades!


Boa fin de semana tambeiros/as!!!

lunes, 23 de enero de 2023

PREMIOS CIDADE DE PONTEVEDRA 2022: MAITE MÉNDEZ - 10º ANIVERSARIO DO RECUNCHO DE TAMBO

O pasado venres, 20 de xaneiro, houbo un pleno extraordinario do Concello de Pontevedra no Teatro Principal da Boa Vila.

Celebrouse co gallo da entrega dos Premios Cidade de Pontevedra 2022 que foron entregados a Maite Méndez e á Orquestra Sinfónica de Pontevedra (capitaneada pola marinense Judith Rey).

Podedes saber máis premendo na imaxe.


Maite é unha extraballadora do Carballal, onde desenvolveu o labor da dirección do centro durante unha chea de anos e mais do Equipo de Orientación. Nestes intres está xubilada.

Recibiu o recoñecemento público de pontevedresa de honra como persoa física por dedicar unha vida enteira ao baloncesto feminino no Clube Arxil, que fundou hai xa 39 anos.

Queremos dar dende aquí os nosos parabéns e agardamos que veña contar a experiencia co gallo do 50 aniversario do colexio. 

Esperamos tamén que daquela xa teña curada a súa perna... pois hai pouco, sufriu unha fractura de tibia e peroné.

Podedes ver no seguinte vídeo (minuto 15) o seu discurso!!!


Para rematar, queremos dar os parabéns á nosa canle de Youtube "O recuncho de Tambo" que vén de facer 10 anos (11 cursos) en activo e que conta con máis de 330 vídeos, preto de 1000 subscritores e vai para o medio millón de visualizacións.


Xustamente un curso antes creábase este blog, que foi visitado en 125.000 ocasións durante estes últimos 12 cursos escolares.
Agardamos que sexa do voso agrado o material didáctico nel pendurado e desexámoslle moita máis vida.

jueves, 19 de enero de 2023

CHARLA SOBRE HIXIENE POSTURAL - OBRADOIRO DE EMOCIÓNS - OUTRAS NOVAS

Na mañá do pasado mércores, 18 de xaneiro, tivemos dúas actividades ben interesantes no Carballal.

A primeira delas foi unha charla impartida por Fátima, fisioterapeuta de profesión no SERGAS, que tratou dos riscos que corre o noso lombo se levamos unha vida sedentaria ou adoptamos malas posturas.

Falounos, entre outras cousas, do importante que é a dor como elemento de alarma para o noso corpo, das horas de sono que debemos cumprir para ter unha vida saudable, do peso que deben levar as nosas mochilas escolares e sobre todo, da actividade física que se debe facer para ter unha espalda sá.

A charla estivo dirixida ao alumnado de 3º e 6º de Educación Primaria e lembrade: o noso lombo ten que durar toda a vida e debemos coidalo dende ben pequenos!!!

Por outra banda, Judith, mestra do programa PROA+, comezou a impartir un obradoiro sobre emocións no 2º e 3º ciclo de Educación Primaria.


Durará todo o curso e as sesións terán unha periodicidade quincenal.

Queremos dar tamén os nosos parabéns a Fina Casalderrey, madriña da nosa biblioteca, por ser a homenaxeada deste ano 2023 como "A escritora na súa terra", promovido pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e que será no vindeiro mes de xuño en Pontevedra.

Se premedes na imaxe poderedes saber máis.

Para rematar, felicitamos tamén aos 19 alumnos/as do cole de 2º, 3º e 4º de Educación Primaria que quedaron clasificados de forma individual para o Campionato Provincial de Campo a Través.


Tamén damos os parabéns ao alumnado de 5º de Educación Primaria que quedou clasificado para o Campionato Provincial de Centros Educativos.

Os eventos celebraranse no vindeiro mes de febreiro.

martes, 17 de enero de 2023

SAÍDA AO IES "MESTRE LANDÍN"

Na mañá do pasado martes, 17 de xaneiro, o alumnado de 6º de Educación Primaria fixo unha saída ao IES "Mestre Landín" cos seus titores e mais o orientador do noso centro.


Foron coñecer o instituto pois, somos o seu único centro adscrito de primaria en Marín e é moi probable que para o ano que vén sexan novos inquilinos.


A semana pasada xa acudira ao Carballal, Sandra, orientadora do Mestre Landín para darnos unhas directrices do que sería a visita.


Alumnado e profesorado ensináronnos as instalacións e gustáronnos moitísimo.
Tamén soubemos como é o día a día nese centro educativo.


Tivemos un grande recibimento na Aula de Música cunha actuación protagonizada pola orquestra de instrumental Orff.

lunes, 16 de enero de 2023

PRIMEIRAS ACCIÓNS DO VOLUNTARIADO DE "BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS"

O alumnado de 6º de Educación Primaria, que xa fixo algunhas accións de voluntariado da biblioteca a finais do trimestre pasado (entrega de mochilas viaxeiras), explicou aos nenos e nenas de 5º, cal será o seu traballo para este curso 2022/2023.

Desta forma teremos máis axudantes voluntarios no recuncho de Tambo para certos labores.

Foi durante o recreo do luns, 16 de xaneiro, data significativa pois, deixaron asinados os contratos de responsabilidade coa coordinadora da biblioteca, a mestra Chus.

Entre outras cousas, farán actividades de dinamización (asistir á Residencia da 3ª idade a contar contos) e actividades de xestión (colaboración na catalogación e colocación de fondos)... e se queredes saber máis, estade ben atentos a este blog!

miércoles, 11 de enero de 2023

CURSO DE PRIMEIROS AUXILIOS

Na tardiña do pasado martes, 10 de xaneiro, tivemos unha sesión de formación no recuncho de Tambo sobre primeiros auxilios.


Estivo destinada ao profesorado e foi impartida por Marcos Pérez (médico) e a súa nai, Ana Recamán (enfermeira).


O obxectivo foi o de aprender a facer reanimación cardiopulmonar, asistir a alguén atragantado ou atender queimaduras nun primeiro momento de urxencia no colexio ou mesmo na rúa... todo de forma práctica.


Tamén aprendemos a desplazar a un ferido a unha zona sen risco dun xeito adecuado e algo de teoría.


Queremos dar as grazas a estes dous sanitarios por asistir de forma desinteresada así como á profe Laura e Ismael, xa que son familiares.