sábado, 27 de noviembre de 2021

25N - UNHA MAREA CONTRA A VIOLENCIA -

Esta semana levamos a cabo no cole unha serie de actividades para conmemorar o 25N e mostrar o noso rexeitamento á violencia machista.

Confeccionamos un mural coas nosas mans formando unha marea contra a violencia, gozamos cos contos narrados polo alumnado de 5º e 6º de Primaria no recuncho violeta da biblioteca, recibimos un agasallo fermoso do Concello de Marín e flipamos cos carteis contra os estereotipos argallados polo alumnado de Educación Infantil.

Como colofón, logo de ler un manifesto, interpretamos ao vivo a canción "Violencia 0", que adornamos cunha coreografía feita por Yasmina (6º de Primaria) e que completamos con linguaxe de signos grazas a Rocío.

Aquí tedes un vídeo-resumo da xornada!

martes, 16 de noviembre de 2021

CULTURGAL 2021: A CULTURA QUE TOCA

Logo dunha etapa dura de pandemia, na que a Feira Culturgal de Pontevedra suspendeuse de forma presencial, volve agora con máis forza se cadra.

Poderemos gozar coas novidades editoriais en galego para todos os públicos, cun prezo de entrada asequible, durante unha fin de semana.

Celebrarase os días 26, 27 e 28 de novembro (venres, sábado e domingo) no Pazo da Cultura.

Como todos os anos, terá unha serie de actividades infantís (concertos, teatro, presentacións, contacontos, obradoiros, etc) ás que podedes acudir en familia.


Unha apertaza tambeiros/as!!!

martes, 9 de noviembre de 2021

CONCURSO DE CONTOS: "MERGULLO NAS RÍAS" - COREOGRAFÍA PARA O 25N

Como vén sendo habitual no Carballal, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, convoca o concurso de relatos en galego relacionados co PDI anual, cuxo gañador pasa a ser o videoclip elaborado polo alumnado de 4º de Primaria (Audiovisuais) durante o segundo trimestre do curso.

Agardamos a vosa participación e... botade a rodar o voso maxín para que saia unha idea boa para o himno de "Mergullo nas Rías"!!!

Aquí tedes todos os detalles:

Deixamos os videoclips dos últimos anos para que vos animedes:




Por outra banda, podedes ensaiar a coreografía que inventou Yasmina para a canción "Violencia 0" que interpretaremos o vindeiro 25 de novembro co gallo do Día da Non Violencia de Xénero.

E non vos esquezades de practicar a canción!!!


lunes, 8 de noviembre de 2021

PREMIO DA REAL ACADEMIA GALEGA

A pasada semana, recibimos unha boa nova dende a Real Academia Galega que para nós, é toda unha honra: somos un dos tres gañadores do concurso "Contádenos o voso Día das Letras de Xela Arias", convocado pola súa iniciativa "Primavera das Letras"... e iso que había 125 centros de ensino participantes!!!


O galardón é concedido polo paquete de actividades realizadas sobre esta autora o pasado 17 de maio: coreografía de Lola (6º de primaria), videoclip "Canto sei!" (4º e 6º de primaria) e a actuación ao vivo coa dramatización da súa biografía (todo o alumnado).




No ano 2017 (o homenaxeado era Carlos Casares) xa fóramos premiados neste certame co videoclip "Casares-Tón", no que transformamos un dos poemas do autor nun divertido reggaetón e que, aínda a día de hoxe, é o vídeo que posúe máis visualizacións na nosa canle de Youtube.


En breve comunicarannos a data da entrega de galardóns e adiantáronnos que o premio será un cuantioso lote de libros para o recuncho de Tambo.
Queremos felicitar aos outros gañadores en particular e a todos os colexios participantes en xeral.

Parabéns tambeiros/as!!!

viernes, 5 de noviembre de 2021

MAGOSTO 2021: "UNHAS CASTAÑAS CON MOITA ARTE"

O pasado venres, 5 de novembro, festexamos o Magosto baixo o lema: "Unhas castañas con moita arte".


Elaboramos as nosas cestas inspirándonos na arte... e ben bonitiñas que nos quedaron.

Tamén compuxemos versos de outono e como non... papamos castañas!

Queremos dar unha mención especial á ANPA "Viñas Blancas" que ano tras ano, con enerxía e bo facer, prepara a papadela e a bebida.

Tamén agradecemos enormemente a actuación desinteresada de Esteban (Tarabelos), que durante toda a mañá agasallounos cunha das súas funcións.

Deixámosvos un vídeo-resumo cunha canción moi animada que ten moito que ver co noso PDI anual: "Mergullo nas rías".


Deica outra tambeiros/as!!!