viernes, 28 de enero de 2022

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ 2022

Este venres, 28 de xaneiro, celebramos o Día Escolar da Non Violencia e a Paz no Carballal.

O alumnado de 6º de Educación Primaria, leu un manifesto en favor da paz, relacionado co mar.

Logo interpretamos ao vivo a canción "Un mar de xente" (arranxo para guitarra e voz, en galego, do "Imagine" de John Lennon), vestidos de azul e simulando unha marea contra as guerras.

Expuxemos uns fermosos "ganapáns atrapadesexos de paz" nun dos corredores do colexio, que argallamos con moito agarimo en cada aula.

Na biblioteca, tamén puidemos gozar cun feixe de contos sobre a paz... que estaban preto dunha fermosa mensaxe que nos deixou Tambo.

Un día ben completo que aporta moito ao PDI "Mergullo nas Rías"...

Aquí tedes un vídeo-resumo:


Para rematar, deixamos algunhas instantáneas de alumnado que participou dende a casiña.









martes, 25 de enero de 2022

NOVIDADES: UN DÍA CON PAPÁ

Hoxe chegou ao recuncho de Tambo unha das novidades agardadas, pois tardou un pouco de máis en saír do prelo: "Un día con Papá" (Edicións Embora).

CD de "Un día con papá" (Edicións Embora)

Trátase do libro-disco infantil en galego da nosa madriña, Fina Casalderrey, e do mestre de Educación Musical, Víctor Castro.



Con esta lectura poderedes mergullar na fermosa historia de Xela e o seu pai (Anxo) ao longo de dez capítulos ilustrados por Paula Andrade (Premio Extraordinario en Artes Plásticas e Diseño da Xunta de Galicia).


Se vos fixades ben, poderedes atopar a Tambo agochado en cada unha delas... probade porque é ben divertido!


Con cada un deses capítulos, ofrécesevos un poema (en moitas ocasións imaxinario), unha canción (no CD que se achega) e unha animación de vídeo con karaoke á que podedes acceder apuntando ao código QR do libro ou ben premendo na seguinte imaxe:


Nestes momentos está a primeira delas ("Cantamos?"), pero a partir do domingo, 6 de febreiro, estrearáse unha nova cada semana... así que xa podedes subscribirvos para estar ao día.

O libro-disco, atópase no andel específico da biblioteca da nosa madriña e está dedicado a todo o alumnado do cole.


Por se alguén quere mercalo, xa está dispoñible ou ben pódese encargar en calquera libraría da nosa vila (Nobel, Maky, Jumer, D'cores ou Bule Bule) ou na web da distribuidora (Consorcio Editorial Galego):


Cando sexa posible, faremos unha presentación no cole con algo de música en directo, na que procuraremos convidar aos colaboradores do disco: Ángela Castro, Montse Ogando, Miguel Túñez, Diana Tarín, Ricardo López, Marta Valbuena, Juan Froján, Miguel Froján, Pablo Mata, Olga Brañas, Alejandro Pazó e Elvira Martínez.

Dous deles xa finaron hai uns anos: Miguel Guerra e o poeta EV.CALO.

Aquí tedes un podcast do programa "A ventana de Pontevedra" de RadioPontevedra (Cadena SER) no que os autores falaron un chisco deste traballo:

https://cadenaser.com/audio/cadenaser_pontevedra_laventanadepontevedra_20220209_192003_194000/&ssm=whatsapp

Agardamos que vos guste tambeiros/as... e de seguro que, pola súa temática, este libro-disco vai aportar moito ao PDI deste curso: "Mergullo nas Rías".


A nosa madriña é Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Premio Merlín, membro numerario da Real Academia Galega e leva publicados máis de medio cento de libros.
Se queredes saber máis, podedes premer na seguinte instantánea:

martes, 11 de enero de 2022

CANCIÓN POLA PAZ 2022: "UN MAR DE XENTE"

O vindeiro 30 de xaneiro (domingo) é o Día Escolar da Non Violencia e a Paz.

No Carballal, celebrarémolo o venres, día 28.

Como xa é tradición, cantaremos todos xuntos unha canción relacionada con esta temática, entre outras actividades programadas.

Nesta ocasión, trátase dun arranxo para guitarra e voz, en galego, do mítico tema de John Lennon (The Beatles): "Imagine".

Aquí tedes a canción orixinal:

E aquí está a letra adaptada á nosa lingua e unha interpretación do profe Víctor  para que poidades ensaiala na casa.


Desexa un lar sen guerras

onde non exista o mal,

cun chan sen lixo…

e non deixes de soñar!!!

Desexa un mar de xente

convivindo en paz…

 

Desexa un lar sen lindes

onde non exista o mal,

con cero fanatismos…

polos que matar!!!

Desexa un mar de xente

convivindo en paz…

 

E dirás que estou tolo/a

pero somos moitos/as máis…

Agardamos que te achegues

a este mundo de paz…

 

Desexa un lar sen cartos

onde non exista o mal,

un planeta sen fame

nin chantaxe emocional!!!

Desexa un mar de xente

convivindo en paz…