viernes, 27 de noviembre de 2020

CONTÁXIATE DE IGUALDADE (25 DE NOVEMBRO)

O pasado mércores, 25 de novembro, foi o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Fixemos un acto común no cole con: exposición de virus contaxiosos, interpretación ao vivo da canción "Violencia 0", baile da "Coreo-Calero", minuto de silencio polas vítimas de violencia machista e aproveitamos para entregar os premios "Cabazas enmascaradas".

Queremos despedir ao profe Alejandro que estivo con nós estas últimas semanas e agardamos que teña moita sorte no seu novo destino... tamén damos a benvida novamente á profa Belén.

Aquí tedes o vídeo-resumo:


De forma simultánea, no CEP Plurilingüe de Riomaior (Vilaboa) bailaban tamén a Coreo-Calero e mirade que ben o fixeron...


Por outra banda, o alumnado de 4º de Educación Infantil, elaborou este fermoso vídeo empregando a técnica de stop motion: "La flor".


O mércores, 2 de decembro, celebrouse a gala organizada por Opromar na que colaborou o alumnado de 6º de Primaria elaborando relatos sobre a igualdade de xénero, centrados no traballo das mulleres nas actividades do porto.
As gañadoras foron estas tres mozas: María, Sara e Leire.




Premendo na seguinte imaxe poderedes ler a noticia completa:


E mirade que marabilla fixeron no IES Maestro Juan de Ávila de Ciudad Real: "Sólo quiero bailar".

Deixamos tamén os vídeos dos Magosto 2017, 2018 e 2019 para que poidamos lembrar un pouco... xa que este curso, por mor da pandemia, non puidemos festexalo.



miércoles, 25 de noviembre de 2020

DÍA UNIVERSAL DOS DEREITOS DOS NEN@S

O pasado venres, 20 de novembro, conmemorouse o "Día Universal dos dereitos dos nen@s".

En Educación Infantil traballaron arreo sobre esta temática, como podemos comprobar nos seguintes cartaces.



Deixamos un videoclip producido no IES Eusebio Lourenzo Baleirón que fala de rapazada que vive en países nos que hai conflitos... eles, non poden ter os mesmos dereitos ca nós...

jueves, 19 de noviembre de 2020

COREO-CALERO

O vindeiro mércores, 25 de novembro, é o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Quixemos aportar o noso gran de area argallando unha coreografía conxunta co CEP Plurilingüe de Riomaior (Vilaboa).

Debemos aprendela ata o minuto 1'03'' para interpretala nesa data, todos e todas, na pista exterior do centro e gravar todo cun dron.

Se sodes atrevidos, intentádeo ata o 1'30''... e desfrutaredes de pasos básicos de baile tradicional galego.

Dádelle moita caña pois... hai partes que non son doadas!!!

En Educación Infantil, os nenos e nenas, farán uns xestos sinxelos e portarán símbolos relacionados coa violencia contra as mulleres.

Aquí tedes o vídeo que vos permitirá aprendela... lumeeeeeee!!!


Se queredes, podedes escoitar esta entrevista de radio escolar que lle fixemos ao músico pontevedrés: Ángel Paz (sobriño da profe Mili, recentemente xubilada).
Como sabedes, no seu disco de rock "Rostros Invisibles", empregou como tema principal a violencia de xénero.


E para rematar, deixamos a ligazón do videoclip "Violencia 0" que argallamos no curso pasado con pictogramas e as voces do profesorado do Carballal así como un videoclip de Seso Durán (tío de Iria Durán Solla de 5º de Primaria) baseado nunha das súas cancións sobre violencia machista.


miércoles, 11 de noviembre de 2020

PRIMEIROS TRABALLOS ENMASCARADOS E 10 ANOS DE OLLOBOI

Comezan a chegar ao Recuncho de Tambo os primeiros traballos do PDI deste ano: "Heroes enmascarados".

Martina Otero López decidiuse a facer o seu primeiro stop motion deseñando unha peza audiovisual na que pretende apoiar ó sector hostaleiro empregando a unha heroína... moitos parabéns moza!!!


Na materia de Educación Musical comezamos a traballar tamén na pescuda de heroes e heroínas musicais.

Leire, alumna de 6º de Primaria, fixo un fermoso traballo sobre Eric Clapton... mirade que fermosura!!!



Por outra banda, a rapazada de 2º de Primaria, atopou durante os recreos algunha bichería que de seguro lles dará ideas para a temática "Heroes de cómic" e "Heroes do mundo animal".



Para rematar, queremos informarvos que este ano, cúmprese unha década do Festival Audiovisual Escolar "Olloboi".

Para festexalo, están a producir un documental no que decidiron contar co CEIP Do Carballal e o noso proxecto "O recuncho de Tambo".

Moi pronto poderemos desfrutar del neste blog.

viernes, 6 de noviembre de 2020

PDI 2020/2021: "HEROES ENMASCARADOS"

Sen tempo non era... por fin temos a presentación oficial do PDI proposto pola Biblioteca para este curso: "Heroes enmascarados".

A través desta aventura, pescudaremos e aprenderemos moitas cousas sobre heroes e heroínas: 

-Infantil: heroes da rúa

-1º de Primaria: heroes da Nosa Terra.

-2ºA de Primaria: heroes de cómic.

-2ºB de Primaria: heroes do mundo animal.

-3º de Primaria: heroes anónimos.

-4º de primaria: heroes de cine.

-5º de Primaria: heroes de libro.

-6º de Primaria: heroes na Historia.


O alumnado de 6º de Primaria (Laura, Lola, Yon, Iria, Yasin, Izan, Xiana e Sabela), a mestra Chus e o mestre Víctor, elaboraron este vídeo explicativo que agardamos sexa do voso agrado.


Xa temos PDI no recuncho de Tambo!!!

Como curiosidade, deixamos pendurado o vídeo dun colexio de Cádiz que traballa tamén, este ano, o tema dos heroes e heroínas contra o coronavirus e o último traballo de Paco Nogueiras, o videoclip: "Superheroe, superheroína".