martes, 22 de diciembre de 2020

NADAL 2020

O que semellaba unha loucura no mes de setembro, transformouse nun reto no que todos e todas (alumnado, profesorado e familias) puxemos da nosa parte para preservar a saúde... e aprobamos con nota.

Agora é o momento de descansar uns días na compaña dos nosos e procurar esquecer este mal ano que remata.

Desexámosvos un feliz Nadal e un próspero ano 2021 con este vídeo-resumo das actividades realizadas estes días.

Estamos moi orgullos@s de todos vós e de traballar na Educación Pública!!!

miércoles, 16 de diciembre de 2020

TAMBO, CANCIÓNS DA MADRIÑA E RADIO PICARIÑA

Despois de recibir múltiples peticións do alumnado e familias para poder visualizar os vídeos do libro-disco-dvd infantil en galego producido no colexio hai uns anos "Tambo" (que trata as peripecias deste sapoconcho, mascota da nosa Biblioteca Escolar e EDLG), deixamos as ligazóns a cada un deles na barra lateral dereita deste blog, tal e como podedes visualizar nesta imaxe:


Se quixerades visualizar as dez cancións da nosa madriña de biblioteca, teriades que premer na seguinte imaxe:


Por outra banda, deixamos tamén a ligazón a Radio Picariña, onde podedes atopar máis dun milleiro de cancións infantís en galego de balde.

Atoparédela tamén na barra lateral dereita do blog, premendo onde aparece esta icona:

A gozar da música, tambeiros/as!!!

viernes, 11 de diciembre de 2020

GUÍAS DE LECTURA E MÚSICA 2020 E DÍA DA DISCAPACIDADE

Un ano máis, repartimos as guías de lectura e música elaboradas pola Coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo: "Lecturas para soñar".

Como sabedes, trátase dunha serie de recomendacións para facer agasallos en galego neste Nadal.

A ilustración é de Anum Zahra e o lema: "Move o corazón da túa vila, visita a túa libraría".

Aquí temos a de Infantil: 




Aquí está a de Primaria:




E aquí a de Secundaria:



Como podedes observar, en cada unha delas, hai tamén recomendacións para persoas adultas.

Martín García Valbuena, de 4ºA de Primaria, quixo agasallarnos durante a entrega, con esta marabillosa interpretación do "Bolero de Ravel" co seu óboe.


Por outra banda, o pasado día 3 de decembro, celebrouse o Día da Discapacidade.

En Educación Infantil traballaron esta temática relacionándoa co PDI deste curso aplicando superpoderes.

Mirade que cartaces máis fermosos elaboraron:


viernes, 4 de diciembre de 2020

CANCIÓNS DA MADRIÑA

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega quere agasallar a todos os nenos e nenas do Carballal con dez animacións con karaoke cuxa letra é da nosa madriña de biblioteca e membro da Real Academia Galega: Fina Casalderrey.

Todas elas conforman o proxecto "Un día con papá" (conto, poemas, ilustracións de Paula Andrade, cancións e audiovisual con karaoke) e agardamos poder colocalo moi pronto no andel que lle temos reservado no recuncho de Tambo.

A música e voz corresponden ao profe Víctor que contou coas colaboracións de : Ángela Castro, Miguel Froján, Juan Froján, Alejandro Pazó, Pablo Mata, Elvira Martínez, Marta Valbuena, Montse Ogando, Ricardo López, Diana Tarín, Miguel Guerra, Olga Brañas e Miguel Túñez.

Agardamos que vos gusten a medida que as penduremos tambeir@s!!!

Aí vai un avance...

miércoles, 2 de diciembre de 2020

GAÑADOR DO CONCURSO DE CONTOS: "HEROES ENMASCARADOS"

O xurado do Equipo de Dinamización da Lingua Galega recibiu unha chea de relatos para o concurso: "Heroes enmascarados".

Estaban todos moi ben pero... tiveron que escoller un: "Superheroes do Carballal".

O seu autor é Hugo Cao Moreira de 2ºB que como sabedes, terá o seu propio videoclip que producirá a rapazada de 4º de Primaria durante o 2º trimestre.


O segundo premio foi para Jonai Salazar Martínez de 6ºB de Primaria.

Recibiu un cheque regalo de 10 euros para consumir na Libraría D'Cores por cortesía da ANPA "Viñas Blancas".

Parabéns tambeiros!!!


E para rematar deixamos o conto elaborado polo alumnado de Infantil coas súas titoras.
En 6º inventaron a historia, en 5º puxeron as voces e en 4º recreáronno.
Parabéns por este fermoso traballo!!!