sábado, 30 de abril de 2022

MERGULLO NO MAIO

O venres, 29 de abril, celebramos a Festa dos Maios e Embarcacións por anticipado no Carballal, da que podedes aprender cousas visualizando estes dous vídeos.



O pasado curso fixemos un Maio ben xeitoso.

Este ano, para axeitarse ao PDI "Mergullo nas Rías", decidimos decorar unha embarcación que nos emprestou a ANPA "Viñas Blancas": o San Xian dos Ancourados. 

Colaborou todo o alumnado e profesorado e cantamos coplas inventadas ao estilo tradicional.

Aquí tedes un vídeo-resumo da xornada!

A canción de fondo ("Aí vén o Maio") é unha adaptación do mestre de Educación Musical Nacho Hermida, que interpretou co seu alumnado de 5 anos do CEIP Julio Gurriarán do Barco de Valdeorras para colaborar co proxecto da Real Academia Galega "Primavera das Letras".


A letra corrresponde a este poema do homenaxeado deste ano no Día das Letras Galegas: Florencio Manuel Delgado Gurriarán.

Nós faremos esta versión que interpretou o alumnado de 5ºB de Educación Primaria e que debedes ensaiar para o 17 de maio.

Moi pronto falaremos de Florencio no cole para interpretar tamén, o 17 de maio, esta canción composta polo alumnado de 4º de Educación Primaria no Obradoiro de Audiovisuais, que tamén ten letra do homenaxeado.


Con estes tres vídeos podedes ensaiar cada unha das partes:




Premendo na seguinte ligazón tedes a base musical para cantar enriba toda a canción:

Feliz Maio para todos os/as tambeiros/as!!!

miércoles, 27 de abril de 2022

APADRIÑAMENTOS LECTORES

O mércores, 27 de abril, tivemos unha sesión de contacontos no Carballal, protagonizada polo propio alumnado.


Tratouse dos xa tradicionais "Apadriñamentos lectores".


Esta actividade, tras a da visita de Anxo Moure e a dos agasallos (libro e marcapáxinas), foi a terceira e definitiva organizada co gallo do Día do Libro.


O alumnado de 5º de Educación Primaria dramatizou os seguintes títulos: "O oso bo mozo, "A pita xefa", "Hai un oso na miña silla" e "A ovella que chocou un ovo".




O alumnado de 6º de Educación Primaria narrou: "A estraña sorpresa" e "Sen rastro do gato".



Finalmente, o alumnado de 4º de Educación Primaria contou: "A pandilla ON".


Agardamos que fora do voso agrado tambeiros/as, e... deica o ano que vén!!!

sábado, 23 de abril de 2022

DÍA DO LIBRO 2022

Feliz Día do Libro 2022 tambeiros/as!!!

O venres, 22 de abril, tivemos a segunda actividade de conmemoración desta data tan sinalada no calendario escolar.

Recibistes un libro-agasallo do recuncho de Tambo.


Por outra banda, tedes xa o voso marcapáxinas personalizado que podedes colorear.


Deixamos a ligazón ás guías de lectura que o EDLG elaborou para recomendarvos libros axeitados para a vosa idade.

Guías de Lectura para Infantil

Guías de Lectura para Primaria

Vémonos pronto noutra andaina literaria durante este mes de abril cos contacontos que están a argallar diversos grupos de alumnos... sorpresa!!!

miércoles, 20 de abril de 2022

SESIÓN DE CONTACONTOS CON ANXO MOURE

Hoxe, 20 de abril, tivemos a primeira actividade de conmemoración do Día do Libro 2022.


Tratouse dunha sesión de contacontos co Gran Anxo Moure para o alumnado de Educación Infantil e do 1º e 2º ciclo de Educación Primaria (por cortesía do Consorcio Editorial Galego).


Coma sempre, nos seus espectáculos, falou de ecoloxía... el sempre emprega a bicicleta para ir dun sitio a outro!


Tambo animouse a participar dun xeito moi divertido.


Logo de escoitar varios contos,  tamén cantamos... e tocamos!


Agardamos que pasárades un bo rato tambeiros/as!!!

miércoles, 6 de abril de 2022

CHARLA SOBRE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS

O xoves, 7 de abril, tivemos unha actividade relacionada co PDI: "Mergullo nas Rías".

Consistiu nunha charla sobre embarcacións tradicionais que impartiron dous membros do Grupo Cultural "Ronsel" de Seixo (Marín): Antón Pousada e Xosé Vilas.

Foi ás 10:00 horas no recuncho de Tambo e estivo destinada ao alumnado de 5º de Educación Primaria, pois están traballando esta temática no Proxecto Didáctico Integrado.


Agardamos que pasedes unhas felices vacacións de Semana Santa tambeiros/as!!!

sábado, 2 de abril de 2022

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

Tal día coma hoxe de 1805, nacía Hans Christian Andersen.

Todos os anos, o 2 de abril, conmemórase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.

Celebrarémolo durante este mes no Carballal con diversas actividades das que vos iremos informando neste blog.

Queremos facer unha reseña ao libro-disco infantil en galego "Un día con papá" da madriña do recuncho de Tambo: Fina Casalderrey Fraga.

Páxina de Facebook

Sabemos que estes días non o está a pasar nada ben polo pasamento da súa nai, e por iso, queremos enviarlle dende aquí, unha agarimosa aperta...


Deixámosvos como estrea, a derradeira das 10 animacións con karaoke desta marabillosa historia que narra a xornada de lecer dunha nena (Xela) co seu pai (Anxo): "A pantasma".