sábado, 30 de octubre de 2021

SAMAÍN 2021: "CABAZAS A MAR DE SALGADAS"

O pasado venres, 29 de outubro, dende a Galicia Profunda, festexamos o Samaín no Carballal a todo trapo!

Tivemos unha chea de actividades: a exposición "Cabazas a mar de salgadas" (relacionadas co PDI "Mergullo nas rías"), merendas diabólicas, disfraces maléficos, contos de medo na biblioteca e unha ambientación impresionante na que coma sempre colabora a ANPA "Viñas Blancas".

Algúns grupos tamén seguiron, vía streaming, durante a mañá, o Correlingua do Morrazo cun divertido concerto de música infantil en galego... e mandarannos un fermoso agasallo!


Deixámosvos un vídeo-resumo co mellor da xornada e cunha canción de fondo que de seguro vos quere soar:


E aquí tedes a ligazón a unha actividade ben divertida sobre esta festa.

Chegou o Samaín

Para rematar queremos lembrarvos que o vindeiro venres, 5 de novembro, celebraremos o Magosto no cole e podedes traer as cestas para as castañas relacionadas coa arte.

Moitas grazas pola colaboración das familias na elaboración desas obras de arte en forma de cabaza e... ata outra tambeiros/as!!!

martes, 26 de octubre de 2021

MERGULLO NAS RÍAS (PDI 2021/2022)

O pasado luns, 25 de outubro, foi a reapertura do Recuncho de Tambo, e con ela, chegou tamén a bordo dun barquiño, a proposta gañadora para titular o PDI deste curso escolar: "Mergullo nas rías" (variación da de 5ºA de Primaria).

Recibiunos unha bruxa na entrada que nos ensinou todas as novidades da biblioteca... nótase ben que o Samaín está moi preto!

Puidemos ver as normas xerais de uso e as da zona de xogos... a que máis nos gustou!



Atopamos tamén un fermoso agasallo de Tambo para que teñamos sesións máis amenas e musicais.


Visualizamos nunha proxección o karaoke co himno da biblioteca que resume o conto do sapoconcho.


Recollemos os nosos carnets para poder facer empréstito de agora en adiante, seguindo o horario establecido por aula.



Tamén lle cantamos un chisquiño a Tambo coa nova guitarra...


Para rematar a visita, recollemos unha ficha para facer na casa... foi unha mañá ben divertida!



Lembrámosvos que o vindeiro venres, 29 de outubro, celebraremos o Samaín no cole e poderemos gozar coa exposición de cabazas relacionadas co PDI: "Cabazas a mar de salgadas".
Xa podemos ver unha ambientación de luxo espallada por todo o colexio que coma sempre, conta coa colaboración da ANPA "Viñas Blancas".
Semella unha postal!!!


Se premedes na seguinte instantánea poderemos descubrir moitas cousas sobre esta festa tan sinalada do calendario escolar.


Para despedirnos, o Equipo de Actividades Complementarias e Extraescolares, quere comunicarvos que serán enviadas todas as cartas de solidariedade dirixidas aos nenos e nenas da illa da Palma por mor do desastre producido pola erupción do volcán... un tema que tamén está a proporcionar moitos traballos de investigación nas aulas de Educación Infantil e Primaria.


miércoles, 20 de octubre de 2021

REAPERTURA DO RECUNCHO DE TAMBO

O vindeiro domingo, 24 de outubro, é o Día das Bibliotecas Escolares... e para celebralo, reabriremos a nosa, logo dun ano pechada por mor da pandemia...


Será o luns, 25 de outubro, e todos e todas poderedes gozar das súas novidades, que son moitas, seguindo estas quendas asignadas por aula.
 

Poderedes recoller os vosos carnets na mesa de empréstito, ver os cartaces coas normas, escoitar o noso himno...  e a partir do martes día 26, comezará o horario normal.


Visualizade este vídeo no que aparecen algunhas instantáneas:


Que aínda non coñeciades o himno nin a historia da nosa mascota???
Pois iso non pode ser...
Deixámosvos aquí o conto de Tambo:




A letra da canción (resumo do relato) é esta... e leva un acróstico no seu retrouso:


Se premedes na seguinte ligazón, poderedes visualizar o seu karaoke para cantar con moitas ganas!!!

Karaoke


Para rematar, informarvos que ese mesmo día, o Equipo de Biblioteca, dirá cal é o título elixido para o PDI deste curso, que como sabedes, trata das Rías Galegas!!!

lunes, 18 de octubre de 2021

FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN: "O GALEGO" (O SOÑO)

O Día das Letras Galegas 2022, estará dedicado a Florencio Delgado Gurriarán, poeta de Valdeorras do que aprenderemos moito, a medida que a Real Academia Galega pendure material didáctico na súa páxina "Primavera das letras".


Como vén sendo costume no Carballal, dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, instrumentaremos un poema seu para transformalo en videoclip e tentaremos interpretalo ao vivo o vindeiro 17 de maio... unha data que aínda nos queda ben lonxe.

O alumnado de 4º de Educación Primaria, na materia de Audiovisuais, xa puxo mans á obra e seleccionou un dos seus poemas, titulado "O galego", do libro "O soño".
Decidiron titular o futuro videoclip "Autoxenreira"... e xa saberemos por que.
Deixamos aquí a canción dividida en tres anacos para que poidades aprendela e ensaiala.



viernes, 15 de octubre de 2021

NON TE RÍAS DAS RÍAS

Os Equipos de Biblioteca e de Dinamización da Lingua Galega, teñen o pracer de presentarvos a temática do PDI que este curso 2021/2022 desenvolveremos no Carballal: As Rías Galegas.

Soubémolo grazas a unhas mensaxes de Tambo que apareceron espalladas polas rías no interior de botellas e que uns buzos atoparon... finalmente, trouxéronnas ao cole dous mariñeiros e deixáronnas nas aulas.



Pero temos un problema... ese proxecto aínda non ten título e debedes inventar un para levalo nun barquiño de papel ata o corredor branco, para que moi pronto, escollamos o máis rexoubeiro.

Aquí tedes a mensaxe completa:


Se queredes saber todo o que aconteceu, tamén podedes visualizar este divertido vídeo que argallaron os nenos e nenas de 5º de Educación Primaria:


Como vedes, é unha temática moi interesante e como punto de partida, podemos tomar algúns traballos que fixemos en cursos anteriores e que poden animarnos moito a seguir investigando... de seguro que saen cousiñas ben interesantes!!!








Moitos folgos e... a traballar tambeiros/as!!!

viernes, 1 de octubre de 2021

GALA OUFF ESCOLA

A gala do Ouff Escola celebrouse vía streaming o pasado luns 27 de setembro e participou o alumnado de 5º de Educación Primaria, xa que son os artífices do vídeo finalista do noso centro: "Canto sei!".

Non tivemos sorte cos premios pero quedamos abraiados coas curtas gañadoras que foron proxectadas na biblioteca.


Deixámosvos as ligazóns para que poidades gozalas:

-1º Premio: "Tempos modernos... con COVID" (Centro Educativo Galen de Lugo).

-2º Premio: "Dona Landra no río revolto" (CEIPP A Pedra de Bueu).

-3º Premio: "O meu barquiño" (CEIP Otero Novas de Cortegada-Ourense).


Houbo un cuarto premio para a curta "10 euros" do CEIP O Couto da que so atopamos o seu trailer:


Agardamos que vos gusten... e estade atentos porque en breve coñeceremos novas sorpresas sobre o PDI deste curso!!!