martes, 22 de diciembre de 2020

NADAL 2020

O que semellaba unha loucura no mes de setembro, transformouse nun reto no que todos e todas (alumnado, profesorado e familias) puxemos da nosa parte para preservar a saúde... e aprobamos con nota.

Agora é o momento de descansar uns días na compaña dos nosos e procurar esquecer este mal ano que remata.

Desexámosvos un feliz Nadal e un próspero ano 2021 con este vídeo-resumo das actividades realizadas estes días.

Estamos moi orgullos@s de todos vós e de traballar na Educación Pública!!!

miércoles, 16 de diciembre de 2020

TAMBO, CANCIÓNS DA MADRIÑA E RADIO PICARIÑA

Despois de recibir múltiples peticións do alumnado e familias para poder visualizar os vídeos do libro-disco-dvd infantil en galego producido no colexio hai uns anos "Tambo" (que trata as peripecias deste sapoconcho, mascota da nosa Biblioteca Escolar e EDLG), deixamos as ligazóns a cada un deles na barra lateral dereita deste blog, tal e como podedes visualizar nesta imaxe:


Se quixerades visualizar as dez cancións da nosa madriña de biblioteca, teriades que premer na seguinte imaxe:


Por outra banda, deixamos tamén a ligazón a Radio Picariña, onde podedes atopar máis dun milleiro de cancións infantís en galego de balde.

Atoparédela tamén na barra lateral dereita do blog, premendo onde aparece esta icona:

A gozar da música, tambeiros/as!!!

viernes, 11 de diciembre de 2020

GUÍAS DE LECTURA E MÚSICA 2020 E DÍA DA DISCAPACIDADE

Un ano máis, repartimos as guías de lectura e música elaboradas pola Coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo: "Lecturas para soñar".

Como sabedes, trátase dunha serie de recomendacións para facer agasallos en galego neste Nadal.

A ilustración é de Anum Zahra e o lema: "Move o corazón da túa vila, visita a túa libraría".

Aquí temos a de Infantil: 




Aquí está a de Primaria:




E aquí a de Secundaria:



Como podedes observar, en cada unha delas, hai tamén recomendacións para persoas adultas.

Martín García Valbuena, de 4ºA de Primaria, quixo agasallarnos durante a entrega, con esta marabillosa interpretación do "Bolero de Ravel" co seu óboe.


Por outra banda, o pasado día 3 de decembro, celebrouse o Día da Discapacidade.

En Educación Infantil traballaron esta temática relacionándoa co PDI deste curso aplicando superpoderes.

Mirade que cartaces máis fermosos elaboraron:


viernes, 4 de diciembre de 2020

CANCIÓNS DA MADRIÑA

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega quere agasallar a todos os nenos e nenas do Carballal con dez animacións con karaoke cuxa letra é da nosa madriña de biblioteca e membro da Real Academia Galega: Fina Casalderrey.

Todas elas conforman o proxecto "Un día con papá" (conto, poemas, ilustracións de Paula Andrade, cancións e audiovisual con karaoke) e agardamos poder colocalo moi pronto no andel que lle temos reservado no recuncho de Tambo.

A música e voz corresponden ao profe Víctor que contou coas colaboracións de : Ángela Castro, Miguel Froján, Juan Froján, Alejandro Pazó, Pablo Mata, Elvira Martínez, Marta Valbuena, Montse Ogando, Ricardo López, Diana Tarín, Miguel Guerra, Olga Brañas e Miguel Túñez.

Agardamos que vos gusten a medida que as penduremos tambeir@s!!!

Aí vai un avance...

miércoles, 2 de diciembre de 2020

GAÑADOR DO CONCURSO DE CONTOS: "HEROES ENMASCARADOS"

O xurado do Equipo de Dinamización da Lingua Galega recibiu unha chea de relatos para o concurso: "Heroes enmascarados".

Estaban todos moi ben pero... tiveron que escoller un: "Superheroes do Carballal".

O seu autor é Hugo Cao Moreira de 2ºB que como sabedes, terá o seu propio videoclip que producirá a rapazada de 4º de Primaria durante o 2º trimestre.


O segundo premio foi para Jonai Salazar Martínez de 6ºB de Primaria.

Recibiu un cheque regalo de 10 euros para consumir na Libraría D'Cores por cortesía da ANPA "Viñas Blancas".

Parabéns tambeiros!!!


E para rematar deixamos o conto elaborado polo alumnado de Infantil coas súas titoras.
En 6º inventaron a historia, en 5º puxeron as voces e en 4º recreáronno.
Parabéns por este fermoso traballo!!!

viernes, 27 de noviembre de 2020

CONTÁXIATE DE IGUALDADE (25 DE NOVEMBRO)

O pasado mércores, 25 de novembro, foi o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Fixemos un acto común no cole con: exposición de virus contaxiosos, interpretación ao vivo da canción "Violencia 0", baile da "Coreo-Calero", minuto de silencio polas vítimas de violencia machista e aproveitamos para entregar os premios "Cabazas enmascaradas".

Queremos despedir ao profe Alejandro que estivo con nós estas últimas semanas e agardamos que teña moita sorte no seu novo destino... tamén damos a benvida novamente á profa Belén.

Aquí tedes o vídeo-resumo:


De forma simultánea, no CEP Plurilingüe de Riomaior (Vilaboa) bailaban tamén a Coreo-Calero e mirade que ben o fixeron...


Por outra banda, o alumnado de 4º de Educación Infantil, elaborou este fermoso vídeo empregando a técnica de stop motion: "La flor".


O mércores, 2 de decembro, celebrouse a gala organizada por Opromar na que colaborou o alumnado de 6º de Primaria elaborando relatos sobre a igualdade de xénero, centrados no traballo das mulleres nas actividades do porto.
As gañadoras foron estas tres mozas: María, Sara e Leire.




Premendo na seguinte imaxe poderedes ler a noticia completa:


E mirade que marabilla fixeron no IES Maestro Juan de Ávila de Ciudad Real: "Sólo quiero bailar".

Deixamos tamén os vídeos dos Magosto 2017, 2018 e 2019 para que poidamos lembrar un pouco... xa que este curso, por mor da pandemia, non puidemos festexalo.



miércoles, 25 de noviembre de 2020

DÍA UNIVERSAL DOS DEREITOS DOS NEN@S

O pasado venres, 20 de novembro, conmemorouse o "Día Universal dos dereitos dos nen@s".

En Educación Infantil traballaron arreo sobre esta temática, como podemos comprobar nos seguintes cartaces.



Deixamos un videoclip producido no IES Eusebio Lourenzo Baleirón que fala de rapazada que vive en países nos que hai conflitos... eles, non poden ter os mesmos dereitos ca nós...

jueves, 19 de noviembre de 2020

COREO-CALERO

O vindeiro mércores, 25 de novembro, é o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Quixemos aportar o noso gran de area argallando unha coreografía conxunta co CEP Plurilingüe de Riomaior (Vilaboa).

Debemos aprendela ata o minuto 1'03'' para interpretala nesa data, todos e todas, na pista exterior do centro e gravar todo cun dron.

Se sodes atrevidos, intentádeo ata o 1'30''... e desfrutaredes de pasos básicos de baile tradicional galego.

Dádelle moita caña pois... hai partes que non son doadas!!!

En Educación Infantil, os nenos e nenas, farán uns xestos sinxelos e portarán símbolos relacionados coa violencia contra as mulleres.

Aquí tedes o vídeo que vos permitirá aprendela... lumeeeeeee!!!


Se queredes, podedes escoitar esta entrevista de radio escolar que lle fixemos ao músico pontevedrés: Ángel Paz (sobriño da profe Mili, recentemente xubilada).
Como sabedes, no seu disco de rock "Rostros Invisibles", empregou como tema principal a violencia de xénero.


E para rematar, deixamos a ligazón do videoclip "Violencia 0" que argallamos no curso pasado con pictogramas e as voces do profesorado do Carballal así como un videoclip de Seso Durán (tío de Iria Durán Solla de 5º de Primaria) baseado nunha das súas cancións sobre violencia machista.


miércoles, 11 de noviembre de 2020

PRIMEIROS TRABALLOS ENMASCARADOS E 10 ANOS DE OLLOBOI

Comezan a chegar ao Recuncho de Tambo os primeiros traballos do PDI deste ano: "Heroes enmascarados".

Martina Otero López decidiuse a facer o seu primeiro stop motion deseñando unha peza audiovisual na que pretende apoiar ó sector hostaleiro empregando a unha heroína... moitos parabéns moza!!!


Na materia de Educación Musical comezamos a traballar tamén na pescuda de heroes e heroínas musicais.

Leire, alumna de 6º de Primaria, fixo un fermoso traballo sobre Eric Clapton... mirade que fermosura!!!



Por outra banda, a rapazada de 2º de Primaria, atopou durante os recreos algunha bichería que de seguro lles dará ideas para a temática "Heroes de cómic" e "Heroes do mundo animal".



Para rematar, queremos informarvos que este ano, cúmprese unha década do Festival Audiovisual Escolar "Olloboi".

Para festexalo, están a producir un documental no que decidiron contar co CEIP Do Carballal e o noso proxecto "O recuncho de Tambo".

Moi pronto poderemos desfrutar del neste blog.

viernes, 6 de noviembre de 2020

PDI 2020/2021: "HEROES ENMASCARADOS"

Sen tempo non era... por fin temos a presentación oficial do PDI proposto pola Biblioteca para este curso: "Heroes enmascarados".

A través desta aventura, pescudaremos e aprenderemos moitas cousas sobre heroes e heroínas: 

-Infantil: heroes da rúa

-1º de Primaria: heroes da Nosa Terra.

-2ºA de Primaria: heroes de cómic.

-2ºB de Primaria: heroes do mundo animal.

-3º de Primaria: heroes anónimos.

-4º de primaria: heroes de cine.

-5º de Primaria: heroes de libro.

-6º de Primaria: heroes na Historia.


O alumnado de 6º de Primaria (Laura, Lola, Yon, Iria, Yasin, Izan, Xiana e Sabela), a mestra Chus e o mestre Víctor, elaboraron este vídeo explicativo que agardamos sexa do voso agrado.


Xa temos PDI no recuncho de Tambo!!!

Como curiosidade, deixamos pendurado o vídeo dun colexio de Cádiz que traballa tamén, este ano, o tema dos heroes e heroínas contra o coronavirus e o último traballo de Paco Nogueiras, o videoclip: "Superheroe, superheroína".


sábado, 31 de octubre de 2020

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2020

Hoxe, 31 de outubro, por mor da pandemia mundial, celébrase o Día das Letras Galegas, adicado a Ricardo Carvalho Calero.

Queremos celebralo dende o Carballal lembrando cinco pezas audiovisuais producidas por nós co gallo desta data tan significativa.

Antes, queremos felicitar á nosa alumna de 6º de Primaria, María Moldes Entenza, que logrou un accesit co traballo que presentou ao Concurso  de Relato Curto "Marín conta", organizado polo Ateneo Santa Cecilia.

Pois imos alá...

-Ano 2016: Manuel María ("Galicia").


-Ano 2017: Carlos Casares ("Casares-Tón").


-Ano 2018: María Victoria Moreno ("Xa non teño medo").


-Ano 2019: Antón Fraguas ("Por amor á nosa terra").


-Ano 2020: Ricardo Carvalho Calero ("Carvalheando").


Deixamos tamén dous vídeos ilustrativos producidos en centros escolares que nos axudarán a coñecer máis a vida do autor homenaxeado este ano.

1. Telexornal Carvalho Calero (CPI Dos Dices).


2. Preguntoiro musical (CEIP Frei Luis de Granada).

E para rematar, deixamos a ligazón a un bingo moi entretido das Letras Galegas pendurado no Portal da Lingua que é ben divertido.


Boa ponte Tambeir@s!!!

viernes, 30 de octubre de 2020

SAMAÍN 2020

Hoxe festexamos o Samaín no colexio respectando o protocolo Covid-19.

Tivemos: disfraces, ambientación das aulas e da ANPA "Viñas Blancas", contos de medo na biblio, merendas diabólicas e a exposición de cabazas ("Cabazas enmascaradas").

Os premiados e premiadas cun vale de 20 euros nos comercios da vila, cortesía da nosa marabillosa ANPA, foron os seguintes:

-3 anos: Brais Souto.

-4 anos: Xaime Piñeiro.

-5 anos: César Ferradás.

-1º de Primaria: Carmen Rodríguez.

-2º de Primaria: Álex Parada.

-3º de Primaria: Clara Pintos.

-4º de Primaria: Félix Durán.

-5º de Primaria: Teo Rivas.

-6º de Primaria: Leire Pérez.

Os agasallos entregaranse a semana que vén... parabéns a todos e todas as agraciadas!!!


Aquí tedes o vídeo-resumo... agardamos que sexa do voso agrado:


Queredes mirar o videoclip da versión musical de "With or without you" (U2) que aparece no vídeo?
Pois aquí a tedes:


Deixamos tamén o túnel do terror doutros anos (este curso foi imposible facelo por protocolo sanitario).

Poñede a versión web para poder visualizalos.





E para despedirnos partillamos este videoclip de Brais das Hortas, recomendación de Xiana e Martina.


Agardámosvos nunha nova aventura do PDI 2020/2021: "Heroes enmascarados"...

lunes, 26 de octubre de 2020

CABAZAS ENMASCARADAS

O vindeiro venres, 30 de outubro, celebraremos o Samaín no Carballal, aínda que supoñemos que xa vos destes de conta pola ambientación que hai espallada polo interior e exterior do colexio.

Por mor da pandemia, teremos que facelo dunha forma adaptada, aínda que podedes vir disfrazados procurando non traer ningún accesorio a maiores (variñas, bastóns, etc)... sen dúbida botaremos de menos o túnel do terror... pero o máis importante é a vida e a saúde!!!

O concurso de cabazas terá a súa exposición nun patio exterior no que non haberá aglomeracións.

Debedes facer as vosas cabazas enmascaradas e traelas e levalas ese mesmo día.

A ANPA "Viñas Blancas" ten reservado un agasallo para a mellor de cada nivel (publicaremos as premiadas neste blog).

Agardamos que participedes e moita sorte!!!


Se queredes ideas dalgunhas heroínas, buscade información das seguintes mulleres (saen no poema que instrumentamos de Ricardo Carvalho Calero para o Día das Letras Galegas):

1. Mariana de Pineda y Muñoz.


2. Juana de Arco (Jeanne d'Arc).


3. María Antonieta de Austria (Antoinette).


4. Inés de Castro.


5. Mary Jo Kopechne.

sábado, 24 de octubre de 2020

CARVALHEANDO E DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Como sabedes, o Día das Letras Galegas 2020, foi adiado para o vindeiro sábado 31 de outubro por mor da pandemia que estamos a sufrir a nivel mundial.

Este ano realizamos un traballo conxunto co CEP Plurilingüe "Riomaior" de Vilaboa, instrumentando un fermoso poema do homenaxeado: Ricardo Carvalho Calero.

Non vos asustedes... non está mal escrito... está en Galego Reintegracionista (corrente que liderou o autor, moi semellante ao portugués).


A partir da canción, elaboramos este videoclip a base de debuxos inspirados por cada un dos versos e que agardamos sexa do voso agrado.

Debido ao protocolo sanitario, as voces tiveron que ser gravadas polos mestres.

En breve, aprenderemos tamén a coreografía. 

Empregarémola o Día da Non Violencia de Xénero (25 de novembro), xa que este poema está moi ligado a esa temática.

Invitámosvos a investigar sobre as mulleres que aparecen nel, auténticas heroínas (PDI: "Heroes enmascarados"):




Podedes escoitar outras versións musicadas deste poema por parte de grupos ou solistas profesionais nas seguintes ligazóns:





E hoxe, sábado 24 de outubro, é o Día das Bibliotecas Escolares.
O recuncho de Tambo permanece pechado por mor das obras que temos no colexio e mais polo protocolo Covid-19.
Agardamos que sigades lendo tanto coma antes e que desfrutedes dese marcapáxinas tan fermoso co que vos agasallamos onte.
Unha apertaza tambeiros/as!!!

Añadir título