jueves, 28 de febrero de 2019

VISITA DA EEI NOSA SEÑORA DO CARMEN

O pasado mércores, 27 de febreiro, recibimos a visita, no recuncho de Tambo, do alumnado e profesorado da Escola de Educación Infantil "Nosa Señora do Carmen", que como sabedes, é o noso centro adscrito.
Moita desa rapazada formará parte do noso colexio moi pronto!


Visitaron todas as estancias do centro e presenciaron, na aula de Educación Musical, un ensaio en vivo e en directo da "Marcha do Enterro da Sardiña", que están a preparar nenos e nenas de 6º de Primaria para o Entroido.


Agardámosvos no Carballal pequerrech@s!!!

miércoles, 27 de febrero de 2019

ENTREVISTA AO EXCAMPIÓN DO MUNDO DE PIRAGÜISMO

O alumnado de 3º de primaria vén de realizar unha entrevista no recuncho de Tambo ao excampión mundial de piragüismo marinense: Jaime Acuña Iglesias (pai de Martina Acuña Oliete).
A actividade está enmarcada dentro do Proxecto Documental Integrado anual: "Marín, de todo un chisquín".
Agardamos que gocedes coas cousas que nos contou... grazas por vir Jaime!!!

martes, 26 de febrero de 2019

TEATRO NO MESTRE LANDÍN, DIETA SAUDABLE E BEATBOX

O alumnado de 6º de Educación Infantil presenciou este martes, 26 de febreiro, no IES Mestre Landín, unha obra teatral argallada pola rapazada (moitos deles exalumnos do Carballal).


O título foi "O coello sen orellas" e pasámolo realmente ben, incluso na andaina ata o instituto.
Agardamos que nos conviden outro día porque fanno estupendamente!!!


O alumnado de 5º de primaria gozou tamén dunha actividade sobre alimentación saudable patrocinada por Vegalsa, o luns 25 de febreiro , dentro do programa Faro da Escola.


Impartiuno unha cociñeira profesional chamada Osiris que nos recomendou comer cinco pezas de froita, beber cinco ou seis vasos de auga, durmir dez horas e practicar unha hora de exercicio físico cada día.
Como colofón fixemos unha filloa rechea de vexetais, ovo e queixo.
Estaba deliciosa!!!


Deixamos tamén o marabilloso patrón de BeatBox que creou Pablo, de 4º de primaria.

lunes, 25 de febrero de 2019

DÍA DE ROSALÍA 2019

Hoxe festexamos, con un día de retraso, o Día de Rosalía no recuncho de Tambo.


Como sabedes, celébrase o 24 de febreiro, día no que naceu Rosalía De Castro hai 182 anos.


O alumnado dos diferentes cursos recitou poemas seus, ben na biblioteca ou na aula.


En 6º de primaria fixéronno dunha forma especial: con música de fondo en directo.
Tamén visualizaron unha presentación con datos relevantes da súa vida.


Tratouse da canción de Luar na Lubre "O son do ar" e foi interpretada por Sabela, Martina e Uxía.


Se vos fixades ben nas fotos penduradas, podedes aprender algúns versos fermosos.


Agardámosvos o ano que vén tambeir@s!!!

martes, 19 de febrero de 2019

ANDAINA MARINENSE

O alumnado de 5º e 6º de primaria realizou unha andaina pola nosa vila apañando datos sobre as súas festas tradicionais, prazas e rúas.


Desenvolveuse en dúas quendas (o venres 15 e o luns 18 de febreiro) e contou con colaboradores que aportaron información valiosa para o PDI "Marín, de todo un chisquín".


Visitaron lugares emblemáticos que amosou a alcaldesa, María Ramallo (acompañada pola concelleira de Educación, Marián Sanmartín, e polo edil, Manuel Santos), como a Rúa Méndez Núñez, Ezequiel Massoni ou a Praza da Capirota.


Julio Santos Pena, mestre xubilado, escritor e xornalista, ensinou, entre outros recunchos, a Praza do Reloxo, A Praza de España, A Veiguiña, o monumento a Juan Gago de Mendoza e moitas cousas sobre Os Maios, a Festa Corsaria ou a Danza de Espadas.


Tito (avó de Iria de 6º de primaria) e Pascual, pertencentes á Confraría "Virxe do Carmen", falaron desta festa.
O Señor Pesqueira (avó de Sara de 6º de primaria) e Fina Calviño (avoa de Jaime de 1º de primaria) parolaron dunha forma sentimental da zona de Lameiriña.


Os momentos máis fermosos producíronse na Praza de Abastos, na que entrevistaron a tres peixeiras e un carniceiro; e no Ateneo Santa Cecilia, onde Celso Méndez explicou o Enterro da Sardiña.


A experiencia foi gravada pola rapazada cos medios que posúe o centro.
O material será publicado no mes de xuño, nunha guía turística, na que unha serie de códigos QR, ligarán cos vídeos de cada lugar en concreto.


Agradecemos moito a axuda prestada polos persoeiros nomeados e deixamos unha nota de prensa do xornal "Faro de Vigo".
Ata outra tambeir@s!!!

AS MURGAS DO ENTROIDO DE MARÍN

O venres, 22 de febreiro, recibimos no recuncho de Tambo a unha das persoas máis coñecedoras da historia da nosa vila: Queta Molas.



Expuxo unha chea de cousas relacionadas co Entroido de Marín e aprendeunos a "Marcha do Enterro da Sardiña" que interpretaremos na celebración do colexio o vindeiro 1 de marzo.



A idea consiste en facer un arranxo musical moderno desta marcha no que mesturaremos a estrofa orixinal (en castelán) con outras inventadas (en galego).



A actividade estivo dirixida ao alumnado de 5º e 6º de primaria e está enmarcada dentro do PDI anual: "Marín, de todo un chisquín".



Moitísimas grazas Queta e agardámoste algunha vez máis pola nosa biblio!!!

RADIOAFECCIONADOS E BEATBOX

O pasado venres, 15 de febreiro, o alumnado de Educación Infantil gozou dunha sesión ben interesante no recuncho de Tambo grazas ao pai de Pablo Malaquías, que asistiu amablemente ao colexio cun dos seus mellores amigos.


Explicounos os segredos técnicos da súa paixón como radioafeccionado e conectou con xente de Andalucía para comunicarnos oralmente, grazas a unha antena que instalaron no exterior do colexio.
Menos mal que non andaba a Bruxa das Antenas por alí facendo falcatruadas das súas!!!


A actividade está enmarcada dentro do PDI "Marín, de todo un chisquín", na que os máis pequerrech@s reciben a familiares nas asembleas para escoitar anécdotas da nosa vila.


Para despedirnos, deixámosvos un novo patrón de BeatBox argallado por Leonardo, de 6º de Primaria.

lunes, 11 de febrero de 2019

DÍA MUNDIAL DA RADIO

O vindeiro mércores, 13 de febreiro, é o Día Mundial da Radio.
Mirade a que están a montar en "Ponte nas Ondas"... é probable que o noso centro apareza no seu programa coa actividade que argallamos a partires da canción "Imaxinar".


Lembrámosvos a todos e todas, que temos pendurados cinco podcast de radio escolar e outro a maiores no que falan de nós, nun programa de Radio Voz.
Se queredes botarlle unha orella, premede na seguinte ligazón ou apuntade ao código QR.

https://soundcloud.com/o-recuncho-de-tambo

viernes, 1 de febrero de 2019

CLUB DE LECTURA-BEATBOX-VISITA

O venres, 1 de febreiro, tivemos a segunda xuntanza do Club de Lectura e colóusenos algún adiantado do Entroido...


Traballamos cun libro culinario de Ledicia Costas (Ilustrado por Víctor Rivas): "Escarlatina, a cociñeira defunta".


O coloquio foi moi entretido e degustamos algunhas receitas que trouxeron os e as asistentes.
O biscoito de iogur de Sabela estaba ben rico!


Tamén o "brownie de chocolate" de Sara...


E, como non, as galletas de Sabela, elaboradas seguindo a receita que aparece no conto.



Por outra banda, queremos informarvos que o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, está a traballar unha modalidade musical moi divertida: o BeatBox (caixa de ritmos).
Mirade que cousiñas máis chulas están creando!



Para rematar, deixamos unha instantánea da profe Lucía cos seus antigos alumnos e alumnas, xa que a semana pasada estivo de visita no cole, acompañada pola profe Yeni.
Podedes mirar nas facianas da rapazada o agasallo que trouxeron: uns antefaces!