lunes, 21 de junio de 2021

FIN DE CURSO E GRADUACIÓNS 2021

Este curso foi ben duro e estraño pero... xa chegou á súa fin... con todos sans coma mazás!!!

Puidemos argallar un festival con máscaras e unhas graduacións ben emocionantes.

Que é iso? A Panorama... nooon... é a festa das Viñas Blancas!

Gozade do vídeo-resumo!


O alumnado de 6º de Educación Primaria que marcha para o Instituto, recibiu unha mensaxe sorpresa de despedida e soterrou no invernadoiro unha caixa con obxectos que os definen e que virán recoller dentro de 5 anos.


Fixemos unha chea de actividades en torno ao PDI anual: "Heroes enmascarados".

Moitas delas xa están expostas nalgunha entrada específica deste blog pero queremos pendurar instantáneas doutras.








O alumnado de 6º, 5º e 2º de Educación Primaria tamén gozou dalgunha excursión pola contorna: lagoa de Catiñeiras, Granxa de Briz, Monte Pituco... e dunha sesión de aprendizaxe en lingua de signos.
Deixamos algunhas instantáneas!





                                          

Pasade un bo verán que ben o merecedes e... agardámosvos o vindeiro ano cunha nova casiña para Tambo... deica logo!!!

sábado, 19 de junio de 2021

ESCOLA DO REVÉS - STOP MOTION

Aí vai un novo traballo para o PDI: "Heroes enmascarados".

Trátase dunha animación de stop motion elaborada polo alumnado de 4º de Educación Primaria coa axuda da mestra Patri, na que levan traballando arreo dende hai moito tempo.

Probablemente atoparedes erros... pero todo foi argallado pola rapazada e por iso queremos darlle un millón de parabéns dende O recuncho de Tambo... pois o traballo ten esa frescura fermosa do "cine imperfecto".

Contou coa colaboración da coidadora, Eva Gutiérrez, na elaboración do guión a partir de anacos dos contos presentados ao concurso convocado polo EDLG e que podedes consultar nestas instantáneas.

Tiveron a axuda tamén do Mago Paco para a rodaxe da escena final, do alumnado de 6º de Educación Primaria na confección dos escenarios e bonecos... e do Obradoiro de Audiovisuais para aspectos relacionados co son e montaxe.

Agardamos que vos guste tambeiros/as!!!

jueves, 17 de junio de 2021

HEROES ENMASCARADOS (VIDEOCLIP)

Logo dun curso ben duro... aí vai un chisco de humor retranqueiro!!!

O alumnado de 4º e 2º de Educación Primaria, dende o Obradoiro de Audiovisuais, ten o pracer de presentarvos o videoclip baseado no conto gañador do concurso convocado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, inventado polo alumno: Hugo Cao Moreira.

Como veredes, aparece o profesorado recén xubilado (Ángeles e Mili), o que se xubila ao remate deste curso (Maite e Tino) e o que se xubila probablemente no 1º trimestre do seguinte curso (Lino)... así como algunha mestra que muda de cole logo de moitos anos no Carballal (Charo) ou outra que leva menos tempo (Iria).

Sirva de homenaxe a todas e todos eles e... desexamos que teñades moita sorte na vosa nova etapa!!!

Agardamos que sexa do voso agrado tambeiros/as!

lunes, 14 de junio de 2021

"AT THE RESTAURANT" AND OTHER NEWS

O alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria realizou unha actividade relacionada coa alta cociña na materia de Inglés coa axuda da auxiliar de conversa: Sidney.

Visitamos diferentes restaurantes en centros comerciais, de varios garfos e de prezos singulares.

Deixamos dous vídeos como testemuña.



O Club de Lectura arrincou a súa actividade no pasado mes de maio con dúas xuntanzas.

Na primeira acudiu o alumnado de 5º de primaria e traballou o libro "Ojo de Nube" de Ricardo Gómez.



Na segunda, os nenos e nenas de 6º de Educación Primaria debatiron sobre o libro "El oso que leía niños" de Gonzalo Moure.


O alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria tivo unha actividade ben interesante de salvamento acuático que impartiu o mestre en práticas do ano pasado, David Bemposta, cun dos seus colegas da Asociación SAPO.



GAÑAMOS O NOSO TERCEIRO PREMIO OLLOBOI

O StopMotion "Maruxa", producido hai dous cursos polo alumnado que agora cursa 3º de Educación Primaria, vén de obter un novo galardón no Festival Audiovisual Escolar Olloboi, pois foi o gañador na sección "Peque".


Os outros dous recoñecementos foron no eMove Festival de Madrid e no Human's Fest de Valencia.


Como sabedes, a curtametraxe "Os libros salvarán o planeta", argallada por todo o alumnado do centro, tamén foi finalista nesta sección.


A gala de entrega de galardóns foi o pasado sábado 12 de xuño en Boiro e contou con música en directo.


Aquí tedes a catro representantes do cole recolléndoo: Martín, Pablo, Manuel e a profe Patri.


Se queredes ver instantáneas, podedes premer na seguinte ligazón.

Fotos da Gala Olloboi 2021

Para rematar, deixamos a curta gañadora e dámosvos mil parabéns a todos e todas as implicadas!!!

viernes, 11 de junio de 2021

DÍGOCHO EU

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega, coa colaboración das titorías e o Obradoiro de Audiovisuais, vén de rematar un traballo común de todo o alumnado do Carballal no que pretende animarvos a falar galego correctamente.

Aquí o tedes tambeiros/as... mil parabéns!!!


Deixamos tamén unha iniciativa semellante realizada en cursos anteriores.

jueves, 3 de junio de 2021

HIMNO DO PDI 2020/2021

O alumnado de 4º de Educación Primaria vén de rematar o himno do PDI "Heroes enmascarados", baseado no conto "Superheroes do Carballal", inventado polo alumno de 2º de Educación Primaria: Hugo Cao Moreira.

En breve comezarán a gravar as voces no estudio e a rodar o videoclip... mentres... deixamos pendurado este ensaio para que vaiades aprendendo a canción, pois a publicación dese audiovisual chegará nos últimos días do curso.

Aquí a tedes!!!


A letra podedes consultala nesta instantánea.



Deixamos tamén a base musical para cantala enriba.
Premede na seguinte ligazón!!!


Se queredes lembrar o conto gañador do concurso convocado polo EDLG, aquí podedes visualizalo...

miércoles, 2 de junio de 2021

OS TRES PORQUIÑOS

O alumnado de Educación Infantil e 1º de Educación Primaria vén de rematar un dos seus traballos de investigación para o PDI anual  ("Heroes enmascarados") con esta curtametraxe na que aparece o personaxe de Pepa A Loba ("Heroínas da nosa terra") e na que tamén traballan os "Heroes da rúa".

Trátase dunha adaptación do conto "Os tres porquiños" e eles mesmos colaboraron co vestiario, os decorados e mesmo a rodaxe.

Nos andares do cole podedes atopar códigos QR nos cartaces para poder visualizalo cun dispositivo electrónico.


Mirade que chulada!!!