viernes, 28 de abril de 2023

50 MAIOS

O pasado venres, 28 de abril, celebramos a Festa dos Maios no Carballal.
Durante dúas xornadas, para festexar a chegada da primavera, elaboramos dous Maios co material aportado polas familias: fiúncho, espadaina, pampullos, calas, ovos, laranxas, etc.
A coroa, como non podía ser doutro xeito, ergueuse co número 50 no alto, polo aniversario que estamos desenrolando co PDI: "50 anos argallando".
Interpretamos ao vivo 8 coplas ao estilo tradicional e logo fixemos festa rachada anegada de música.
Bo Maio tambeiros/as!!!


 E por se queredes lembrar...





SAÍDA A APÍPOLIS - A XANELA DO MAXÍN - LECTURA E FAMILIAS

O pasado luns, 24 de abril, os nenos e nenas de Educación Infantil fixeron unha saída didáctica ben interesante relacionada coa Educación Ambiental.


Foron a "Apípolis", en Xeve, e comprobaron de primeira man a relación entre as abellas e os seres humanos.

Logo dunha visita pola exposición, entraron no apiario vestidos de apicultores.



Botaron toda a mañá e trouxeron un pouco de mel, galletas feitas por eles mesmos e incluso unha vela coa cera que alí atoparon.



O xoves, 27 de abril, tivemos unha sesión de animación á lectura por quendas de idade para os nenos  de Educación Infantil, 1º, 2º, 3º e 4º de Educación Primaria, titulada "A xanela do maxín", enmarcada no mes do libro e materializada por cortesía do Consorcio Editorial.



A actividade desenvolveuse no recuncho de Tambo e tivo moito éxito.



Continuando co programa "Lectura e familias", tivemos dúas sesións.

A primeira foi o mércores, 26 de abril, coa nai de Daniela e Marco para o alumnado de 4º e 5º de Educación Infantil.


Traballaron co conto sobre igualdade de xénero: "Daniela Pirata".


A segunda foi o venres, 28 de abril, coas nais de Mateo, Alazne e Adriel para os nenos de 1º e 2º de Educación Primaria e 6º de Educación Infantil.



Os contos narrados foron: "Manu", "Ama" (en euskera con tradución simultánea ao galego), "Un rico pastel" e "La oruga muy impaciente".


Para rematar, deixamos un ensaio das coplas do Maio co alumnado de Educación Infantil como solista e o alumnado de 4º de Educación Primaria como coro.

sábado, 22 de abril de 2023

DÍA DO LIBRO 2023

O vindeiro domingo, 23 de abril, será o Día do Libro.

No Carballal, festexámolo durante todo o mes con moitas actividades de lectura, pero o pasado venres, 21 de abril, démoslle un toque especial.




Tivemos a sesión tradicional de "Apadriñamentos lectores", na que os nenos e nenas de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria, leron contos ao resto do alumnado do colexio por pequenos grupos.


Algúns deles... incluso trouxeron Kamishibai!



Os nenos de 1º de Educación Primaria, tamén gozaron dunha fantástica sesión de contacontos con papiroflexia co pai de Aalis, pertencente ao programa "Lectura e familias".

O libro a tratar foi: "El rey sin corona".

Podedes visualizar unha das súas sesións premendo na seguinte ligazón do Espazo Cultural "Bululú".

Para rematar a xornada, tivemos un obradoiro de máis de dúas horas co narrador de historias e mestre de dobraxe en películas de animación e documentais (Discovery Channel), Damián Alonso, aberto a toda a comunidade educativa.



A actividade tamén forma parte do programa "Lectura e familias" e nela, pasámolo en grande: contamos historias mudando e modulando a voz, coas pausas axeitadas, cambios de ton e ritmo e ata controlando a respiración.

Feliz Día do Libro tambeiros!!!

jueves, 20 de abril de 2023

ACTIVIDADES DO PROGRAMA "LECTURA E FAMILIAS" POLO MES DO LIBRO - OUTRAS NOVAS

Dende o recuncho de Tambo estamos a organizar unha serie de actividades para este mes do libro (23 de abril) que terá o seu colofón o vindeiro día 21 con apadriñamentos lectores na hora do recreo.


Tivemos unha serie de sesións de lectura de contos dramatizados con familiares do alumnado.


O pasado xoves, 13 de abril, foi o turno para a rapazada de 6º de Educación Infantil e 1º ciclo de Educación Primaria cos familiares de Irene, Alicia e Aalis; que traballaron cos seguintes títulos: "Una historia de dos bestias", "Desde la ventana" e "Tú eres especial".




O venres, 14 de abril, foi o turno do alumnado de 4º e 5º de Educación Infantil e 3º de Educación Primaria.
A narradora foi a nai de Marco e Noelia... e dramatizou os contos: "Un besito y !a dormir!", "De mayor quiero ser... feliz" e "Cuentos para niños de 3 años".



Ese mesmo día pola tardiña, a ANPA organizou esta actividade de animación por parte de Tarabelos na que tamén houbo karts e pedais.


O luns, 17 de abril, volveu ser o turno do alumnado de 4º e 5º de Educación Infantil coa nai de Alejandro e Carmen, tratando o conto "El hada de los colores".


O martes, 18 de abril, o alumnado de 5º de Educación Primaria fixo unha saída didáctica a Santiago de Compostela na que visitaron o MUPEGA e a Catedral; xa de volta, visitaron a Casa de Rosalía de Castro en Iria Flavia (Padrón).



Esa mesma tarde comezou a Escola de Familias cunha primeira sesión titulada "Pantallas amigas".


O xoves, 20 de abril, tivemos máis lecturas de contos por parte das familias.
Os nenos e nenas de 6º de Educación Primaria gozaron dos títulos "Crisol e a súa estrela" e "Taller de corazóns" coa nai de Lucía.


Rematou a xornada o alumnado de 5º de Educación Primaria co conto "O corvo e o raposo", dramatizado por Esther, avoa de Paula.


Poderedes ver máis actuacións en vindeiras entradas do blog ata final de curso tambeiros!!!

miércoles, 19 de abril de 2023

DON PACO - VIDEOCLIP - FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

Logo de aprender o retrouso e a coreografía da peza que interpretaremos co gallo do Día das Letras Galegas, aquí tedes o videoclip completo.

Trátase da canción titulada "Don Paco", que narra, a grandes rasgos, a biografía do autor conmemorado este ano: Francisco Fernández del Riego.

Os nenos e nenas de 4º de Educación Primaria (Obradoiro de Audiovisuais), 6º (Valores) e os axudantes da biblioteca, idearon esta versión discotequeira de "Killing me softly with his song" que Roberta Frack fixo famosa en 1973, curso no que se fundou o noso colexio.

Os datos da letra, colléronnos do libro infantil "O legado silandeiro", de Héctor Cajaraville, publicado pola Editorial Xerais.

Podedes atopalo no recuncho de Tambo.


Este traballo audiovisual será presentado por videoconferencia nas Xornadas das Letras Galegas que organiza o CAFI, o xoves 27 de abril entre as 20:15 e as 20:30, nas que se expoñen experiencias dos centros educativos dende os Equipos de Dinamización da Lingua Galega.

Estamos moi ledos por continuar a tradición de instrumentar aos homenaxeados dende hai 9 anos.

Agardamos que sexa do voso agrado, tambeiros... e que a aprendades para celebrar estes 50 anos espallando galego!!!


E deixamos aquí a base para practicar a voz: