martes, 21 de diciembre de 2021

NADAL 2021

Queremos desexarvos a todos e todas, dende o recuncho de Tambo, unhas felices festas na compaña dos vosos e unha boa entrada no ano 2022, que agardamos sexa mellor.

Este ano, como actividade estrela, confeccionamos un Belén relacionado co PDI anual: "Mergullo nas Rías".

Tivemos a típica decoración que a ANPA "Viñas Blancas" e o profesorado nas titorías, argalla cada curso.


Fixemos un percorrido pola vila no mítico "Tren de Nadal" que nos ofrece o Concello de Marín.


Como non, gozamos das "Visitas Máxicas" a cargo do Mago Paco.


E tivemos tamén algunha celebración con coreografías dentro dos grupos burbulla.


Agardámosvos en xaneiro tambeiros/as!!!

lunes, 20 de diciembre de 2021

ENTREGA DE GALARDÓNS DA REAL ACADEMIA GALEGA

Na mañá do luns, 20 de decembro, celebrouse un fermoso acto de entrega de galardóns do certame "Contádenos o Voso Día das Letras" (Primavera das Letras) da Real Academia Galega (A Coruña).

Podedes ver a nova premendo na seguinte instantánea:

Acudiron dous representantes do profesorado do cole (Coordinadora de Biblioteca e Coordinador do EDLG) e a rapazada de 5º de Primaria (responsables do videoclip gañador) visualizouna vía streaming dende o recuncho de Tambo.

Estivo presente unha representación da familia de Xela (o seu fillo Darío, a nai e un dos seus irmáns) e interviron de forma online estes catro alumnos/as: Enzo, Martina, Breogán e Noemí.

As verbas que pronunciaron, foron traducidas a linguaxe de signos por Rocío.



Queremos dar os nosos parabéns aos outros dous centros gañadores, a todos os participantes e á rapazada que agora está en 1º de ESO, pois son tamén responsables do proxecto (dramatización e coreografía): "Canto sei".


Recibimos: un surtido lote de libros en galego, cadernos de Primavera das Letras, marcapáxinas, bolsas de tea, xices e un diploma asinado por Víctor Freixanes (Presidente da RAG), Fina Casalderrey (Bibliotecaria da RAG), Darío (fillo de Xela) e Amparo (nai de Xela).


sábado, 18 de diciembre de 2021

GAÑADORES DO CONCURSO DE CONTOS: MERGULLO NAS RÍAS

O xurado do Equipo de Dinamización da Lingua Galega vén de dictaminar o fallo do Concurso de Contos: Mergullo nas Rías.

Antes de nada, quere transmitir que os contos deste ano están moi ben redactados e quere darvos os parabéns a todos os participantes.

A decisión non foi nada doada...

O conto gañador é: "Mergullo nas Rías" (de Lois, Aldhara, Ceibe e Lucía... alumnos e alumnas de 4ºA de Educación Primaria).

A xeito de premio, será transformado en videoclip no Obradoiro de Audiovisuais durante o 2º trimestre

Deixamos aquí o texto:

GUÍAS DE LECTURA E MÚSICA 2021/2022: MERGULLÁNDONOS NA LECTURA E A CULTURA

Como cada ano por estas datas, a Coordinadora de Normalización Lingüística do Morrazo á que pertence o EDLG do noso cole, publicou as guías de lectura e música, que conteñen boas recomendacións.


O lema deste curso ten moito que ver co noso PDI ("Mergullo nas Rías"): Mergullándonos no galego.

Na mañá do venres, 17 de decembro, fixemos a entrega a todo o alumnado do Carballal.

Podedes atopar suxerencias de lecturas en galego para diferentes idades (Infantil, Primaria, Secundaria e Adultos).

Agardamos que vos sexan útiles á hora de mercar os agasallos de Nadal tambeiros/as!!!

lunes, 13 de diciembre de 2021

AUTOXENREIRA - VIDEOCLIP - FLORENCIO DELGADO

O alumnado de 4º de Educación Primaria vén de publicar o seu traballo trimestral no Obradoiro de Audiovisuais da materia de Educación Musical.

Trátase dun videoclip baseado nun poema de Florencio Manuel Delgado Gurriarán, poeta de Valdeorras que será homenaxeado no Día das Letras Galegas no vindeiro ano 2022... que xa está moi preto!

Grazas á mini-curtametraxe que aparece ao comezo e ao final, poderemos comprender o significado da palabra "autoxenreira".

Non vos esquezades de activar os subtítulos en Youtube antes de visualizalo.

Agardamos que vos guste tambeiros/as!!!

sábado, 27 de noviembre de 2021

25N - UNHA MAREA CONTRA A VIOLENCIA -

Esta semana levamos a cabo no cole unha serie de actividades para conmemorar o 25N e mostrar o noso rexeitamento á violencia machista.

Confeccionamos un mural coas nosas mans formando unha marea contra a violencia, gozamos cos contos narrados polo alumnado de 5º e 6º de Primaria no recuncho violeta da biblioteca, recibimos un agasallo fermoso do Concello de Marín e flipamos cos carteis contra os estereotipos argallados polo alumnado de Educación Infantil.

Como colofón, logo de ler un manifesto, interpretamos ao vivo a canción "Violencia 0", que adornamos cunha coreografía feita por Yasmina (6º de Primaria) e que completamos con linguaxe de signos grazas a Rocío.

Aquí tedes un vídeo-resumo da xornada!

martes, 16 de noviembre de 2021

CULTURGAL 2021: A CULTURA QUE TOCA

Logo dunha etapa dura de pandemia, na que a Feira Culturgal de Pontevedra suspendeuse de forma presencial, volve agora con máis forza se cadra.

Poderemos gozar coas novidades editoriais en galego para todos os públicos, cun prezo de entrada asequible, durante unha fin de semana.

Celebrarase os días 26, 27 e 28 de novembro (venres, sábado e domingo) no Pazo da Cultura.

Como todos os anos, terá unha serie de actividades infantís (concertos, teatro, presentacións, contacontos, obradoiros, etc) ás que podedes acudir en familia.


Unha apertaza tambeiros/as!!!

martes, 9 de noviembre de 2021

CONCURSO DE CONTOS: "MERGULLO NAS RÍAS" - COREOGRAFÍA PARA O 25N

Como vén sendo habitual no Carballal, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, convoca o concurso de relatos en galego relacionados co PDI anual, cuxo gañador pasa a ser o videoclip elaborado polo alumnado de 4º de Primaria (Audiovisuais) durante o segundo trimestre do curso.

Agardamos a vosa participación e... botade a rodar o voso maxín para que saia unha idea boa para o himno de "Mergullo nas Rías"!!!

Aquí tedes todos os detalles:

Deixamos os videoclips dos últimos anos para que vos animedes:




Por outra banda, podedes ensaiar a coreografía que inventou Yasmina para a canción "Violencia 0" que interpretaremos o vindeiro 25 de novembro co gallo do Día da Non Violencia de Xénero.

E non vos esquezades de practicar a canción!!!


lunes, 8 de noviembre de 2021

PREMIO DA REAL ACADEMIA GALEGA

A pasada semana, recibimos unha boa nova dende a Real Academia Galega que para nós, é toda unha honra: somos un dos tres gañadores do concurso "Contádenos o voso Día das Letras de Xela Arias", convocado pola súa iniciativa "Primavera das Letras"... e iso que había 125 centros de ensino participantes!!!


O galardón é concedido polo paquete de actividades realizadas sobre esta autora o pasado 17 de maio: coreografía de Lola (6º de primaria), videoclip "Canto sei!" (4º e 6º de primaria) e a actuación ao vivo coa dramatización da súa biografía (todo o alumnado).




No ano 2017 (o homenaxeado era Carlos Casares) xa fóramos premiados neste certame co videoclip "Casares-Tón", no que transformamos un dos poemas do autor nun divertido reggaetón e que, aínda a día de hoxe, é o vídeo que posúe máis visualizacións na nosa canle de Youtube.


En breve comunicarannos a data da entrega de galardóns e adiantáronnos que o premio será un cuantioso lote de libros para o recuncho de Tambo.
Queremos felicitar aos outros gañadores en particular e a todos os colexios participantes en xeral.

Parabéns tambeiros/as!!!

viernes, 5 de noviembre de 2021

MAGOSTO 2021: "UNHAS CASTAÑAS CON MOITA ARTE"

O pasado venres, 5 de novembro, festexamos o Magosto baixo o lema: "Unhas castañas con moita arte".


Elaboramos as nosas cestas inspirándonos na arte... e ben bonitiñas que nos quedaron.

Tamén compuxemos versos de outono e como non... papamos castañas!

Queremos dar unha mención especial á ANPA "Viñas Blancas" que ano tras ano, con enerxía e bo facer, prepara a papadela e a bebida.

Tamén agradecemos enormemente a actuación desinteresada de Esteban (Tarabelos), que durante toda a mañá agasallounos cunha das súas funcións.

Deixámosvos un vídeo-resumo cunha canción moi animada que ten moito que ver co noso PDI anual: "Mergullo nas rías".


Deica outra tambeiros/as!!!

sábado, 30 de octubre de 2021

SAMAÍN 2021: "CABAZAS A MAR DE SALGADAS"

O pasado venres, 29 de outubro, dende a Galicia Profunda, festexamos o Samaín no Carballal a todo trapo!

Tivemos unha chea de actividades: a exposición "Cabazas a mar de salgadas" (relacionadas co PDI "Mergullo nas rías"), merendas diabólicas, disfraces maléficos, contos de medo na biblioteca e unha ambientación impresionante na que coma sempre colabora a ANPA "Viñas Blancas".

Algúns grupos tamén seguiron, vía streaming, durante a mañá, o Correlingua do Morrazo cun divertido concerto de música infantil en galego... e mandarannos un fermoso agasallo!


Deixámosvos un vídeo-resumo co mellor da xornada e cunha canción de fondo que de seguro vos quere soar:


E aquí tedes a ligazón a unha actividade ben divertida sobre esta festa.

Chegou o Samaín

Para rematar queremos lembrarvos que o vindeiro venres, 5 de novembro, celebraremos o Magosto no cole e podedes traer as cestas para as castañas relacionadas coa arte.

Moitas grazas pola colaboración das familias na elaboración desas obras de arte en forma de cabaza e... ata outra tambeiros/as!!!

martes, 26 de octubre de 2021

MERGULLO NAS RÍAS (PDI 2021/2022)

O pasado luns, 25 de outubro, foi a reapertura do Recuncho de Tambo, e con ela, chegou tamén a bordo dun barquiño, a proposta gañadora para titular o PDI deste curso escolar: "Mergullo nas rías" (variación da de 5ºA de Primaria).

Recibiunos unha bruxa na entrada que nos ensinou todas as novidades da biblioteca... nótase ben que o Samaín está moi preto!

Puidemos ver as normas xerais de uso e as da zona de xogos... a que máis nos gustou!



Atopamos tamén un fermoso agasallo de Tambo para que teñamos sesións máis amenas e musicais.


Visualizamos nunha proxección o karaoke co himno da biblioteca que resume o conto do sapoconcho.


Recollemos os nosos carnets para poder facer empréstito de agora en adiante, seguindo o horario establecido por aula.



Tamén lle cantamos un chisquiño a Tambo coa nova guitarra...


Para rematar a visita, recollemos unha ficha para facer na casa... foi unha mañá ben divertida!



Lembrámosvos que o vindeiro venres, 29 de outubro, celebraremos o Samaín no cole e poderemos gozar coa exposición de cabazas relacionadas co PDI: "Cabazas a mar de salgadas".
Xa podemos ver unha ambientación de luxo espallada por todo o colexio que coma sempre, conta coa colaboración da ANPA "Viñas Blancas".
Semella unha postal!!!


Se premedes na seguinte instantánea poderemos descubrir moitas cousas sobre esta festa tan sinalada do calendario escolar.


Para despedirnos, o Equipo de Actividades Complementarias e Extraescolares, quere comunicarvos que serán enviadas todas as cartas de solidariedade dirixidas aos nenos e nenas da illa da Palma por mor do desastre producido pola erupción do volcán... un tema que tamén está a proporcionar moitos traballos de investigación nas aulas de Educación Infantil e Primaria.