viernes, 27 de septiembre de 2024

"OS PINOS" (KARAOKE) - XORNADAS DE BALONCESTO DO PEIXE GALEGO - OUTRAS NOVAS

"Os pinos" é un poema de Eduardo María González Pondal y Abente (O bardo de Bergantiños), escrito en 1886, que foi musicado por Pascual Veiga en 1890.

Pondal foi un referente do Rexurdimento (xunto a Rosalía De Castro e Manuel Curros Enríquez) e dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 1965.



Está incluído no seu libro "Queixumes dos pinos" e daquela o galego non tiña aínda unha norma ortográfica.

Interpretouse por primeira vez no Centro Galego da cidade de La Habana (Cuba) en 1907, pois creouse no exilio.

Converteuse no Himno Oficial de Galicia en 1984 (á vez que a bandeira e o escudo grazas á Lei de Símbolos), logo da aprobación do Estatuto de Autonomía de 1981.

Xa fora oficial na Segunda República.

O vindeiro mércores, 9 de outubro, cantarémolo xuntos/as na actuación que dará MusiMarín no colexio.


Para que poidades ensaiar na casa, aquí tedes o prometido vídeo-karaoke coa fermosa voz da profa Natalia.


E aquí van catro curiosidades sobre este himno que os galegos e galegas alonxados da súa terra, interpretan con emoción.

1- O propio Pondal advertiu que a letra da canción que se estaba a espallar non era correcta e as últimas investigacións indican que existen palabras mal escritas (por erros de imprenta, castelanismos ou hiperenxebrismos). 
Así poderedes escoitar versións nas que aparecen as palabras: verdescente, trasparente, ronco, cinxido, clan, esperta, iñorantes, férridos, etc.


Estas correccións foron expostas o pasado ano no Parlamento de Galicia e agardamos coñecer en breve cal é a letra máis fiel ao poema orixinal do autor.


2- Foi prohibido en diversas épocas históricas dende a súa composición pasando así ao esquecemento e non foi o único himno que existiu para Galicia.
O 25 de xullo (Día de Santiago Apóstolo) de 1975 a xente comezou a cantalo en masa na Praza do Obradoiro de Compostela, converténdose iso en tradición.
Cántase tamén con orgullo en moitos estadios cando xoga a Selección Galega de Fútbol ou na cancha do equipo de baloncesto "Breogán".
Aquí tedes as Tanxugueiras interpretándoo no Estadio de Balaídos (Celta de Vigo).


3- O poema completo ten dez estrofas e no himno só se empregaron as dúas primeiras (ás veces interprétase só a primeira).
Foi adaptado en varias ocasións para axustarse ao ritmo da música.
Os pinos (rumorosos) representan ao pobo galego para que esperte do seu soño e emprenda o camiño cara a liberdade.
Mirade que lipdup máis chulo fixeron no Cole de San Clemente de Caldas de Reis!!!


4- Exalta a nosa lingua e a palabra Galicia non aparece en todo o poema, referíndose a ela como o "fogar de Breogán" ou a "nazón de Breogán"... que non sabedes quen foi Breogán? Pois aquí tedes a lenda musicada e narrada do pai dos galegos/as!!!



Como cada ano, durante dúas semanas, tivemos a xornada de baloncesto destinada ao alumnado de Educación Primaria por parte de Iván (Clube Peixe Galego de Marín).



A rapazada quedou encantada coa práctica deste deporte tan completo e divertido e queremos dar un agradecemento especial a Iván pola súa dedicación e simpatía, así como ao clube organizador pola iniciativa.



Terán xornada de portas abertas por se queredes probar até o vindeiro luns, 30 de setembro.


Por outra banda, anunciamos que o vindeiro venres, 4 de outubro, teremos a actuación dun mago para todo o alumnado no Carballal en dúas quendas... será o Mago Paco?


A actividade de Cross Xogade prevista para o vindeiro martes, 1 de outubro, foi adiada polo mal tempo e agardamos que corrades tanto ou máis que o mismísimo Manuel Rosales o día que se celebre!!!


Non vos ten un aire con alguén?


Boa fin de semana de San Miguel, tambeiros/as... achégase o Magosto e os castiñeiros das Viñas Blancas están anegados de castañas coma puños!!!
Agardamos que gocedes moito coa Danza das Espadas, unha tradición centenaria da nosa vila.


sábado, 21 de septiembre de 2024

GALA FICBUEU 2024 - HIMNO GALEGO - RESUMO DO PASADO PDI

O pasado sábado, 21 de setembro, o alumnado de 4º de Educación Primaria acudiu á Gala Escolas do FicBueu 2024 (actividade do Mini Fic), pois foron finalistas co videoclip argallado o pasado ano: "Corre por Marín".


Foi no Centro Social del Mar de Bueu e presentouna Olalla González (exmestra do Carballal) mentres Marc Taeger debuxaba fantásticas ilustracións nunha pantalla con música ao vivo.


Agasalláronnos cun lote de libros por cortesía da Editorial Kalandraka e fixemos unha foto de grupo á saída... tamén levamos un diploma acreditativo pois somos eternos finalistas neste certame!!!



Queremos dar os nosos parabéns aos xustos gañadores do CEIP Plurilingüe de Ardán pola súa curta "SOS Pokemon".

Aquí tedes un anaquiño da gala que rematou cun xogo de adiviñas con música de cine!!!


Se queredes visualizala enteira podedes facelo premendo na seguinte ligazón.


Por outra banda, queremos informarvos que o vindeiro mércores, 9 de outubro, teremos unha nova visita da banda "Musimarín" para todo o alumnado.
Aquí tedes a actividade do ano pasado.


Esta vez pecharán a súa actuación didáctica interpretando o Himno Galego (Letra: Eduardo Pondal - Música: Pascual Veiga).
Por desgraza, moitos de vós non o coñecedes, e por iso temos que aprendelo antes pois é un dos nosos sinais de identidade... aquí tedes unha versión ben fermosa de Lucía Pérez e a súa letra antes de que penduremos un karaoke propio!!!



Para rematar, queremos que collades folgos antes despegar co PDI deste curso mirando este resumo das actividades que fixemos o pasado ano... a ver se nos superamos, tambeiros/as!!!

viernes, 13 de septiembre de 2024

BENVIDOS AO CURSO 2024/2025 - FINALISTAS NO FICBUEU

Con esta entrada do blog queremos dar a benvida a todos e todas logo dun verán ben solleiro e necesario para cargar a pila e comezar con folgos unha nova aventura educativa... atrevédesvos a montar nun avión con este piloto e este copiloto?


O pasado mércores, 11 de setembro, comezamos as clases e como puidestes observar, o cole transformouse nun aeroporto que tiña a súa propia aerolínea: "Carballal Airlines".


Cada nivel entrou pola súa porta de embarque, indicada na columna correspondente.



Os profes e profas ían disfrazados de pilotos, azafatas de voo e incluso de turistas.


Escoitamos tamén pola megafonía música relacionada con viaxes...


Todo foi para darvos unha pescuda sobre a temática que terá o PDI deste curso... dádelle voltas á cachola a ver se o adiviñades pois, moi pronto, desvelaremos o segredo!!!

Por outra banda, informamos que o alumnado de 4º de Educación Primaria foi seleccionado finalista no FicBueu 2024 co videoclip "Corre por Marín", argallado no curso pasado.


Os outros dous finalistas son "A abelliña que perdeu as ás" (CEIPP A Pedra de Bueu) e "SOS Pokemon" (CEIP de Ardán de Marín).



A gala de entrega de galardóns será o vindeiro sábado, 21 de setembro, no Centro Social del Mar de Bueu e nela, dirán cal é o vídeo gañador.
Mil parabéns e moita sorte, rapazada!!!



Lembrade que aceptamos todos os animais que aparezan polo patio como pasaxeiros de "Carballal Airlines".



Os motores xa soan nas Viñas Blancas...


Despegamos!!!