sábado, 26 de noviembre de 2022

25N: "50 ANOS EDUCANDO EN IGUALDADE"

O pasado venres, 25 de novembro, fixemos un acto común no Carballal co gallo do "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller" baixo o lema: "50 anos educando en igualdade".

Nos días previos, elaboramos un fermoso mural con pompas de xabón que contiñan mensaxes de igualdade de xénero, seleccionamos libros feministas na biblioteca, adornamos o Recuncho Violeta e recibimos chaveiros e almanaques do Concello de Marín con esta temática.

Logo dun minuto de silencio polas vítimas do machismo, o alumnado de 6º de Educación Primaria, con vestimenta especial para a ocasión, leu un marabilloso manifesto; cantamos ao vivo e bailamos a canción "Eva María liscou" dispostos en círculos pola pista e botamos unha chea de pompas de xabón reais anegadas de esperanza para conseguir un mundo máis igualitario.

Xa sabedes: "No Carballal somos todes iguais".

Agardamos que vos guste o vídeo-resumo dunha xornada máis do PDI: "50 anos argallando"!!!

lunes, 21 de noviembre de 2022

SOMOS FINALISTAS NO "DÍGOCHO EU" E OUTRAS NOVAS

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega vén de recibir unha noticia moi importante: o guión que presentaron para facer un capítulo do "Dígocho eu" da TVG foi seleccionado finalista, co que proximamente virán facer a gravación ao colexio.

Dos sete capítulos gravados haberá un gañador.

Moitísimos parabéns a todos os nenos e nenas que van participar neste fermoso proxecto en prol do galego!!!

Podedes ver máis información premendo na seguinte imaxe:


Por outra banda, a semana pasada, tivemos tres actividades no recuncho de Tambo:

1. O alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria recibiu unha charla por parte de Rafa, policía nacional, sobre os perigos da internet, o pasado xoves 17 de novembro.


2. Nesa mesma data, o alumnado de 4ºB de Educación Primaria, tivo unha videoconferencia sobre creatividade con Patricia García (Afundación Abanca) dentro do programa "Non deixes que se apague a túa creatividade".


3. Para finalizar, comezou a Escola de Familias o pasado martes 15 de novembro.


Houbo unha quenda de mañá e outra na tardiña.

sábado, 12 de noviembre de 2022

MAGOSTO 2022: "CASTAÑAS CON AMOR"

Conta a lenda que por cada castaña que papas liberas a alma dun ser querido para que se una á festa do Magosto.

Nesta crenza baseouse o alumnado de 4ºA de Educación Primaria no Obradoiro de Audiovisuais para compoñer o retrouso da canción "Castañas con amor", inspirada no "Un beso y una flor" (Nino Bravo), composta no ano de fundación do Carballal.


O pasado venres, 11 de novembro e Día de San Martiño, celebramos esta festa tradicional no colexio e tivemos: castañas asadas, bebidas e choripáns grazas á ANPA "Viñas Blancas". Tamén houbo unha explicación desta conmemoración, pareados sobre o outono, envases xogantíns con exposición relacionados coa temática do Salón do Libro, xogos populares, ambientación, música e moito máis.
Agardamos que vos guste esta actividade común do PDI "50 anos argallando" tambeiros/as!!!

miércoles, 9 de noviembre de 2022

XA TEMOS TÍTULO PARA O PDI 2022/2023: "50 ANOS ARGALLANDO"

Como sabedes, o proxecto didáctico integrado deste curso, traballará a temática do 50 aniversario do Carballal.

Hai uns días propuxemos o concurso para poñerlle un título tan xeitoso como merece a ocasión.

Unha vez vistas as 3 propostas de cada aula do cole, o xurado decidiu nomear gañador ao seguinte (obra de Santiago Acuña Oliete de 5º de Educación Primaria):


A distribución temática por grupos deste proxecto común será a seguinte:

- Educación Infantil: "Entorno natural".

- 1º ciclo de Educación Primaria (1º e 2º): "Xogos tradicionais".

-3º de Educación Primaria: "Como cambiou a nosa parroquia".

-4º de Educación Primaria: "Entorno histórico do centro".

-5º de Educación Primaria: "Avances tecnolóxicos no ensino e na vida diaria".

-6º de Educación Primaria: "Entorno cultural e orixe do cole".

-Relixión Católica: "Romarías".

-Música e Danza, Audiovisuais e Valores en 6º de Educación Primaria: "Ambientación musical e audiovisual dos anos 70".


Agardamos que resulte un magnífico produto final no vindeiro mes de maio, no que será exposto polo alumnado.

A traballar tambeiros/as!!!

lunes, 7 de noviembre de 2022

UN CANTO A UCRAÍNA

O alumnado de Valores de 6º de Educación Primaria vén de facer unha versión da canción de Julio Iglesias "Un canto a Galicia", publicada en 1972, ano de inauguración do Carballal.

O título que elixiron foi "Un canto a Ucraína" e empregarémola para a súa interpretación vocal o vindeiro 25 de xaneiro, Día Escolar da Non Violencia e a Paz.

Ide practicando a melodía e aprendendo a letra e moi pronto, teremos un vídeo cos creadores ao vivo. De forma provisional podedes practicar con este do mestre de Música e Danza.

Deixámosvos tamén a canción orixinal.

viernes, 4 de noviembre de 2022

CONCURSO DE NOVAS PARA O XORNAL E 2º PREMIO NO OUFF ESCOLA

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega vén de presentar as bases para o "Concurso de Novas para o Xornal".

Podedes argallar unha en galego nas vosas aulas (baseada en feitos reais ou ficticios), de forma individual ou en grupo, e ten que estar ubicada no Carballal ou a súa contorna durante o curso 1972/1973.

O premio será unha adaptación audiovisual en formato videoclip que producirá o alumnado de 4º de Educación Primaria no Obradoiro de Audiovisuais.

Tedes ata o 30 de novembro para entregar os vosos traballos.

Aquí tedes todos os detalles:


Por outra banda, o alumnado que agora cursa 5º de Educación Primaria, acadou o 2º Premio na categoría de Infantil e Primaria no OUFF Escola co videoclip "Mergullo nas Rías" (producido o curso pasado).


Recolleron o galardón, o pasado xoves, 27 de outubro, dotado de 400 euros, dous representantes do colexio na gala que se celebrou en Ourense.


Moitos parabéns!!!

viernes, 28 de octubre de 2022

SAMAÍN 2022: CABAZAS SETENTEIRAS

O alumnado de 4ºB de Educación Primaria creou a canción "Es mouco no váter", ou o que é o mesmo, "Es silencioso no váter", no Obradoiro de Audiovisuais.

Baseáronse na canción de Deep Purple "Smoke on the water", publicada no ano 1972, polo que coincide coa inauguración do Carballal.

Podedes escoitala no vídeo-resumo do Samaín 2022, celebrado o venres, 28 de outubro e no que tivemos: exposición de cabazas setenteiras, merendas diabólicas, ambientación, disfraces, contos de medo no recuncho de Tambo, etc.

Agardamos que vos guste!

Logo de dous anos sen túnel do terror, por mor da pandemia, este curso recuperámolo grazas á ANPA "Viñas Blancas", que tamén fixo unha festa ben completa pola tardiña.

A ver se sodes quen de miralo enteiro!


Desexámosvos un bo Samaín tambeiros/as!!!

miércoles, 26 de octubre de 2022

EVA MARÍA LISCOU

O alumnado de Valores de 6º de Educación Primaria, vén de publicar o primeiro videoclip deste curso 2022/2023.

Trátase dun traballo en contra da violencia machista.

Está baseado na canción "Eva María se fue" (Fórmula V), que foi publicada no ano 1972, coincidindo coa inauguración do Carballal.

Aquí tedes a letra adaptada:


Participaron todos os nenos e nenas, aínda que non saian en pantalla, pois nun videoclip, tamén hai traballo de produción.

O vindeiro 25 de novembro (Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller) queremos que toda a comunidade escolar a interprete no patio.

Así que xa sabedes, aprendede a letra, a melodía e a coreografía durante este mes.

Agardamos que vos guste tambeiros/as!!!


lunes, 24 de octubre de 2022

FESTEXAMOS O DÍA DAS BIBLIOTECAS PRESENTANDO O PDI 2022/2023

Hoxe, 24 de outubro, festexamos o Día das Bibliotecas no colexio.

Fixémolo dunha forma moi especial: presentando o PDI deste curso.

Como sabedes, este ano o Carballal está de 50 aniversario, pois comezou a súa andaina no curso 1972/1973. O proxecto tratará esa temática.

O profesorado, fixo unha coreografía ambientada nunha canción deses primeiros anos ("Waterloo" de Abba) e vestiuse con roupas dos anos 70.


Déronse as directrices do concurso de títulos e agardamos que saia un ben orixinal.

Rematamos cunha tarta con globos, un fermoso cartaz e cantándolle ao Carballal o "Cumpleanos Feliz".

Aquí tedes un vídeo-resumo da xornada:

miércoles, 19 de octubre de 2022

SOMOS FINALISTAS NO OUFF ESCOLA DE OURENSE

Veñen de comunicarnos unha nova moi especial: somos finalistas no Ouff Escola de Ourense con unha das catro pezas audiovisuais que enviamos o pasado curso!

Os traballos son os seguintes:

1. "Un tesouro na ría" (Stop Motion argallado polo alumnado que agora cursa 4º de Educación Primaria).

2. "Pai-Fillo-Nai" (Curtametraxe muda argallada por alumnado que segue en Educación Infantil e 1º de Educación Primaria).

3. "Autoxenreira" (Curta-videoclip sobre Florencio Delgado Gurriarán, argallada polo alumnado que agora cursa 5º de Educación Primaria).

4. "Mergullo nas Rías" (Videoclip argallado polo alumnado que agora cursa 5º de Educación Primaria e que xa recibiu unha mención de honra en Olloboi e foi finalista no FicBueu).

A Gala de Entrega de Galardóns será o vindeiro xoves, 27 de outubro, ás 11 da mañá, no Auditorio Municipal de Ourense.

Como non é posible desprazar a tanto alumnado, acudirán dous representantes do colexio.

Moitos parabéns a todos e todas as implicadas!!!

martes, 18 de octubre de 2022

APERTURA DA BIBLIOTECA PARA O CURSO 2022/2023

Durante a mañá do luns, 17 de outubro, produciuse a apertura do recuncho de Tambo para este curso 2022/2023.


Para que sexa un comezo doado, estamos a facer sesións de formación de usuarios para todo o alumnado, nas que lembramos as normas de uso da biblioteca e entregamos os novos carnets.


Como sabedes, este é un curso moi especial, pois festexamos o 50 aniversario do Carballal.

Por este motivo, eses carnets levan un novo logo á altura da situación.



Agardamos que fagades moitos empréstitos con eles Tambeiros/as... podedes comezar polos contos de medo pois, como comprobastes coa ambientación, o Samaín está moi preto!!!

lunes, 17 de octubre de 2022

ACTIVIDADE CON BRAZOLINDA

O pasado luns, 10 de outubro, tivemos unha actividade divertidísima na Aula STEAM.


Consistiu nunha xornada dedicada aos xogos de mesa por parte de BRAZOLINDA.

Gozaron dela os nenos e nenas do 1º ciclo de Educación Primaria.


Eses xogos de mesa traballan diferentes destrezas, están feitos en galego e constrúense con materiais sostibles.



Aquí tedes a ligazón da empresa por se queredes botar unha ollada:

lunes, 10 de octubre de 2022

A MILLA DIARIA

A pasada semana comezamos cunha actividade no Carballal: "A milla diaria".


Consiste en correr ou camiñar unha milla (1609 metros) cada día lectivo, a media mañá, durante todo o curso escolar.

Participarán todos os nenos e nenas de Educación Primaria, e en Educación Infantil farán a "Mini-Milla".


Con esta medida, proposta polos mestres de Educación Física, pretendemos fomentar hábitos saudables no alumnado e loitar contra o sedentarismo e a obesidade pois non se trata dunha carreira.


Comezamos facendo dous días de proba dentro do recinto escolar e logo xa pasamos a facela polo perímetro exterior do cole, contando con todas as medidas de seguridade viaria e coa colaboración da Policía Local de Marín.


Por outra banda, queremos felicitar á nosa exalumna Begoña Martínez Crespo, que vén de gañar o Campionato de España de Salvamento Acuático, unha materia de libre configuración que se fai neste centro coa mestra de Educación Física na piscina da Raña en 6º de Educación Primaria e que ela tamén gozou.

Moitos parabéns!!!

lunes, 3 de octubre de 2022

COLABORACIÓN COA REAL ACADEMIA GALEGA: "LINGUA GUAPA"

A Real Academia Galega, dende a súa iniciativa didáctica "Primavera das Letras", vén de publicar unha web-serie sobre a nosa lingua, rodada no CPI "Santa Lucía" de Moraña con alumnado e profesorado.

A idea orixinal é froito da nosa madriña de Biblioteca: Fina Casalderrey (traballou nese centro 25 anos).

Aquí podedes visualizar o 1º capítulo de "Lingua Guapa" que afonda na orixe do galego:

Por outra banda, conta con colaboracións que xa están pendurando na súa páxina web.

Trátase duns minivídeos en prol do emprego do galego, no que aparece o CEIP Do Carballal de Marín con alumnado que agora está en 5º de Educación Primaria e que foi producido no curso pasado.

Podedes visualizar algúns deles premendo na seguinte ligazón:


Agardamos que vos gusten tambeiros/as!!!

lunes, 12 de septiembre de 2022

SOMOS FINALISTAS NO FICBUEU 2022

A comezos de setembro, recibimos a nova de que o videoclip "Mergullo nas Rías" (himno do PDI 2021/2022), argallado polo alumnado que agora cursa 5º de Educación Primaria, foi seleccionado finalista na Sección Escolas Galegas (Educación Especial-Infantil-Primaria) do Festival Internacional de Cine de Bueu (FICBUEU).



Os outros catro finalistas foron os seguintes:

1. "A coroa da raíña" (CEIPP San Marcos de Abegondo).


2. "Carolina e o corvo de ás brancas" (CEIP De Hío - Cangas). GAÑADOR (Como o vídeo non o teñen en aberto, podedes visualizalo máis abaixo na ligazón do streaming).

3. "Oso atrapabolboretas" (CEIPP A Pedra de Bueu).


4. "Salvar a carballeira" (CRA Amencer de Ribadavia).


A gala de entrega de galardóns foi o pasado venres, 23 de setembro, en horario lectivo, e acudiu o alumnado implicado cos seus titores e o mestre de Música e Danza.
Pódese visualizar enteira nesta ligazón, xa que foi retransmitida por streaming:


 
Premendo na imaxe podedes ver aos tres membros do xurado.


Ás actividades da tardiña, ás que podía acudir calquera persona, foron as seguintes:



Parabéns tambeiros/as... pola nominación!!!

viernes, 9 de septiembre de 2022

BENVIDOS/AS AO CURSO 2022/2023

Logo dun verán intenso, debido ao bo tempo e as actividades culturais sen restricións, chega un novo curso ao Carballal.

Queremos darvos a nosa máis enérxica benvida e moitos folgos para esta nova aventura que comeza hoxe.

Na entrada do primeiro día de cole e no recreo, de seguro que escoitastes música algo antiga e vistes uns globos con dous anos (1972 e 2022).

Queremos que investiguedes durante a fin de semana e nos digades a que conclusión chegades a partir desa pescuda...

Aquí vos deixamos un vídeo con dúas instantáneas e a mestura de cancións que se escoitaron.

Moi bo curso 2022/2023 para todos e todas!!!

lunes, 20 de junio de 2022

MERGULLOVISIÓN - FESTIVAL DE FIN DE CURSO E GRADUACIÓNS

O pasado martes, 21 de xuño, ás 11:10 horas, celebramos o Festival de Fin de Curso 2021/2022, que este ano levou por título: "MergulloVisión".


 A orde de actuacións foi a seguinte:

O acto foi retransmitido vía streaming para as familias.

Para poder visualizalo outra vez, tedes que premer na seguinte imaxe.


Se o preferides, podedes visualizar este vídeo-resumo do festival e das graduacións de Infantil e Primaria que se celebraron o pasado mércores 22 de xuño.


Bo verán a todos e todas!!!

viernes, 17 de junio de 2022

FEIRA DE EXPOSICIÓNS DO PDI "MERGULLO NAS RÍAS"

O pasado martes, 21 de xuño, os nenos e nenas do Carballal fixeron a exposición de cada un dos produtos individuais, realizados por niveis ou aulas, que conforman o PDI "Mergullo nas Rías".





Foi no ximnasio (por mor da choiva) ás 17:00 horas e logo, ás 18:00, nun patio cuberto exterior, tivemos a actuación de Peter Punk Pallaso co seu espectáculo "Chungo que te cagas" (premio do alumnado de 5º de Educación Primaria no Olloboi 2022 co seu videoclip "Heroes enmascarados").







Aquí tedes algunhas fotos que deixan testemuña da gran asistencia e do éxito da actividade.







Gran traballo tambeiros/as!!!