jueves, 5 de diciembre de 2024

DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE - CANCIÓN POLA PAZ - LECTURA E FAMILIAS - PANXOLIÑA - DECORACIÓN DE NADAL - OUTRAS NOVAS

O pasado martes, 3 de decembro, foi o Día Internacional das Persoas con Discapacidade (o termo "discapacitado/a" non debe ser empregado polo seu significado despectivo e non inclusivo).

Co gallo desa celebración, tivemos a visita de Marián, invidente que traballa na ONCE, durante a mañá do luns, 2 de decembro.



O alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria aprendeu unha chea de cousas con ela na biblioteca.

O que máis lles gustou foi o Sistema Braille, que como sabedes, é un alfabeto táctil que serve para que as persoas cegas poidan ler.



Os profes Lucas e Carlos comezaron a traballar o Goalball co alumnado, grazas ao material emprestado polo Centro de Recursos da ONCE. 


Esta disciplina serve para abordar o deporte coas persoas sen visión por medio de axóuxeres que se colocan no interior dunha pelota.



Tedes tamén unha mestura de materiais interesantes relacionados con esta temática (curtas, películas, contos, etc) no Blog de Orientación da profa Vanesa.


Hai anos, tivemos a visita de Antonio Villanueva no Carballal, que nos deixou este fermoso vídeo informativo.


Co seu can guía, Dákar, puidemos rodar esta curtametraxe moi reflexiva na que a rapazada intenta transmitir que ás veces é preferible comportarse como animais!!!


Por outra banda, informamos que xa temos dispoñible o karaoke da canción que interpretaremos ao vivo no Día Escolar da Non Violencia e a Paz (30 de xaneiro de 2025): "Debuxando un mundo en paz".


Trátase dunha versión galega (feita nos Polos Creativos dos martes) do tema "Fields of gold" de Sting e está cantada pola profa Natalia... ide ensaiando porque é algo complexa, tambeiros/as!!!



O Equipo de Biblioteca botou a andar un ano máis o Programa Lectura e Familias que tanto éxito tivo nos dous cursos pasados.


Aquí tedes os pasos que debedes seguir se queredes participar nesta ocasión coas vosas familias... agardamos as propostas relacionadas co PDI viaxeiro deste curso: "Estende as túas ás"!!!




Con este karaoke podedes ensaiar a panxoliña que cantaremos polo Nadal, relacionada co PDI deste curso (versión galega do "Voyage voyage" de Desireless), antes de gravala coas vosas voces, tambeiros/as: "Viaxar, viaxar...".


E como se achega o Nadal, o Equipo de Actividades Complementarias e Extraescolares, solicita ás familias que colaboren coa decoración do Carballal con adornos argallados con material de refugallo para anegar todos os corredores.


Os motivos para cada nivel serán:

-Educación Infantil: bólas.

-1º e 2º de Educación Primaria: estrelas.

-3º e 4º de Educación Primaria: campás.

-5º e 6º de Educación Primaria: árbores.


Temos xa pendurado na canle de ivoox o podcast argallado polo alumnado de 3ºB de Educación Primaria nos Polos Creativos... contén uns chistes ben graciosos así que non volo perdades, tambeiros/as!!!


Na Aula de Música e Danza continuamos coas exposicións de instrumentos musicais por parte do alumnado cunha fantástica pandeireta feita á man da prestixiosa marca "Sanín".
Trúxoa Carmen, alumna de 5º de Educación Primaria, que forma parte do Grupo "Airiños de San Xulián".


Jose e Lucas (6ºB de Educación Primaria) presentaron tamén o carillón e a trompeta.
Lucas, aínda que acaba de comezar a tocar, xa forma parte da Banda de Salcedo.
Jose, aprendeu a tocar de forma totalmente autodidacta e deixounos abraiados coa súa interpretación!!!



Para rematar, a nosa coidadora, Eva Gutiérrez, presentou unha vez máis o seu libro de relatos "A discreta beleza dos tulipáns".



Foi na Libraría Paz de Pontevedra o pasado mércores, 4 de decembro, ás 19:30 na compaña do director da Editorial Galaxia e tivo unha grande afluencia de público.