viernes, 29 de noviembre de 2024

DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES - APERTURA DA BIBLIOTECA - OBRADOIRO LITERARIO - VISITA DO SEQUELO - ACTIVIDADE MEDIOAMBIENTAL - CIRCO DE PINOCHO - CULTURGAL - DEBUXANDO UN MUNDO EN PAZ

O pasado luns, 25 de novembro, conmemoramos no Carballal o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.


O lema deste curso foi: "Que ninguén corte as túas ás".


Elaboramos un fermoso mural con photocall común con dúas ás ben grandes e na súa plumaxe había mensaxes que rexeitan a violencia machista. 



A rapazada de Educación Infantil tamén elaborou o seu propio mural, no que a palabra igualdade, escrita en varios idiomas, viaxa arredor do mundo en avións de diferentes cores.




Logo da lectura dun manifesto ben reivindicativo por parte de alumnado de 6º de Educación Primaria, interpretamos ao vivo a versión galega da canción de Amaral: "Saír correndo".
Todas as actividades estiveron relacionadas co PDI deste curso que, como sabedes... xa ten título oficial!!!


Aquí tedes un vídeo-resumo da xornada, tambeiros/as!!!


E o karaoke da canción!!!


Como colofón desta conmemoración, o recuncho de Tambo fixo a súa reapertura pois, demorouse por mor das obras no colexio.



Dende agora podedes acudir á biblioteca durante os recreos e na hora de cada titoría, así que... a ler moito!!!




O xoves, 28 de novembro, o alumnado de 6º de Educación Primaria gozou cun obradoiro literario na biblioteca co que ampliaron de xeito considerable os seus recursos á hora de relatar.



Foi impartido por Susana Arizaga, profesora do IES "Mestre Landín", instituto no que moitos seredes alumnos o vindeiro curso.



Ese mesmo día, recibimos ao alumnado de Educación Infantil do CEIP Sequelo.



Continuaron desenvolvendo actividades do seu proxecto común sobre México... cunha papadela ben rica e nutritiva!!!



Tamén asistiu ao cole un axente (Gonzalo Gamallo) para impartir unha sesión de Educación Medioambiental no exterior dedicada a todo o alumnado de 2º e 3º de Educación Primaria.



Aprenderon a sementar un salgueiro nas condicións óptimas de humidade dentro dos Polos Creativos dedicados ao invernadoiro.




O venres, 29 de novembro, todos os nenos e nenas do Carballal, asistimos a un pase exclusivo para centros de ensino do Circo de Pinocho que anda estes días pola nosa vila.




Pasámolo xenial cos e coas malabaristas, equilibristas, trapecistas, paiasos, ilusionistas, coa música... e co profe Martín!!!




Lembrámosvos que esta fin de semana lévase a cabo o Culturgal, no que podedes gozar en familia cunha chea de actividades e presentacións literarias e musicais en galego.
Aquí tedes a axenda completa.


A nosa madriña de biblioteca, Fina Casalderrey, presentará alí este libriño reeditado por Kalandraka, 25 anos depois!!!


Para rematar, deixamos unha primeira versión da canción que interpretaremos no mes de xaneiro co gallo do Día Escolar da Non Violencia e a Paz.


Boa finde, tambeiros/as!!!