Estás no blog da Biblioteca e do EDLG do CEIP do Carballal de Marín.
Son a tartaruga Tambo,
a súa mascota.
Agardo que pases un bo rato lendo as nosas lerias!
O pasado martes, 2 de xuño, á tardiña, tivemos a exposición ás familias dos proxectos argallados por niveis neste curso 2025/2026.
Gozamos con dúas obras de teatro por parte do alumnado de 6º de Educación Infantil e 1º de Educación Primaria como entrante, unha proxección dalgunhas actividades comúns a través de música, patinaxe no exterior, papadela con comidas típicas de diferentes países e moita convivencia anegada de xogos medievais.
Entre os Obradoiros máis destacados estivo o de henna... aínda que os houbo de chapas, manualidades, etc.
E con esta actividade damos por rematado o proxecto "Salpimenta o teu maxín", tambeiros/as, argallado por toda a comunidade educativa: alumnado, profesorado, familias e ANPA "Viñas Blancas".
Recibimos unha boa nova no cole: os nenos de 5º de Educación Primaria (Fiz, Gala, Carlota, Xoel Cabido, Aldara e Sara) que fixeron o vídeo "Mima tu coche" son finalistas nos Premios RACE de Seguridade Vial... parabéns!!!
Estas pequenas curtas deben ser elaboradas, segundo as bases, por grupos dun mínimo de 3 e un máximo de 8 alumnos/as.
Foi argallada na materia de Proxecto Competencial e conta coa colaboración de Sara.
Aquí tedes o traballo!!!
Acudirán á gala de entrega de galardóns a Madrid (Academia de Cine) o vindeiro mércores, 17 de xuño, representando a todo o Carballal e acompañados por dous mestres.
Nela diranlles cal é o seu premio... moita sorte, tambeiros/as, porque hai 1000 euros en xogo para o cole!!!
Premendo nas seguintes ligazóns podedes visualizar os vídeos que enviamos en edicións anteriores deste concurso nacional pois levamos moitos anos participando.
Por unha banda, no marco do programa "Lectura e Familias", recibimos a familiares de alumnos/as de 2º e 5º de Educación Primaria, durante a mañá do xoves e o venres, para elaborar galletas na cociña e para facer unha actividade en torno ao café na biblioteca.
Por outra banda, o sábado, 6 de xuño, á mañá, será a Feira do Libro Usado na Alameda "Rosalía de Castro" que organizan os centros educativos da vila dende os Equipos de Biblioteca, as ANPAS e o Concello de Marín.
Para rematar, deixamos o karaoke do derradeiro tema musical que aprenderemos este curso para cantar ao vivo no Festival do día 18 de xuño.
Trátase da despedida do profe Víctor que muda de cole logo de 16 anos nas Viñas Blancas... esta é a súa canción favorita: "El sitio de mi recreo" (Antonio Vega).
Na mañá do pasado martes, 26 de maio, os nenos e nenas de Educación Infantil tiveron unha saída didáctica ben cociñeira a O Grove.
Acudiron a unha pizzería rexentada por vellos amigos da profa Eva e alí aprenderon a cociñar unhas pizzas deliciosas acompañados das súas titoras nunha actividade directamente relacionada co PDI anual: "Salpimenta o teu maxín".
Por unha banda, o xoves, 28 de maio, o alumnado de 6º de Educación Primaria recibiu os carnets "Ciberexperto", logo dun curso anegado de horas de formación sobre seguridade en internet con Rafa.
Acudiron ao acto autoridades da Policía Nacional e a nosa inspectora de zona.
Por outra banda, despedimos cun gran aplauso e un intercambio de agasallos á nosa auxiliar de conversa, Linda, que xa está de regreso a Estados Unidos... botarémoste moitísimo de menos!!!
Para rematar, a rapazada de 3º, 4º e 5º de Educación Primaria tivo unha saída durante todo o día ás illas Cíes o pasado venres, 29 de maio, coincidindo co desfile do Día das Forzas Armadas.
A excursión está dentro do marco do programa "Voz Natura" e foron acompañados por Martín (fillo da profa Celia e exalumno do Carballal) como guía de auténtico luxo.
Esta semana no Carballal foi moi especial por ser a derradeira da mestra Carmen González no mundo da docencia pois... xubilouse o pasado 22 de maio.
Fixémoslle unha homenaxe polos andares e desexámoslle unha nova etapa chea de felicidade.
Xa sabes que podes visitarnos cando queiras porque esta é a túa casa, Carmen... ou MARI (como dis ti)!!!
Por unha banda, os nenos e nenas de 5º de Educación Primaria, na materia de Proxecto Competencial, rodaron unha curtametraxe de 1 minutiño para os PREMIOS RACE de Educación Vial: "Mima tu coche".
Podedes visualizala na seguinte ligazón!
Por outra banda, o luns recibimos a dous membros da Policía Nacional que fixeron unha exhibición destinada ao alumnado de 4º de Educación Primaria.
Para rematar, deixamos a noticia de Pontevedra Viva referida á xornada de convivencia "Facendo Barrio" que nesta primeira edición tivo moito éxito.
Esta semana destacou grazas ás actividades argalladas para unha das datas máis importantes do curso: o Día das Letras Galegas.
Como este ano coincidía en domingo (17 de maio), celebrámolo o venres 15 e fixémolo coincidir coa romaría (comidas + xogos) coa que culminaron os "21 días en galego" organizados polo EDLG coa colaboración da ANPA "Viñas Blancas".
Logo fixemos un acto dedicado á homenaxeada deste ano, Begoña Caamaño, e cantamos a sua canción favorita: o "Alalá das Mariñas" cun bis de "Aí vén o Maio" (con Gael e Xoel tocando as claves e melódica respectivamente).
Tamén recibimos a membros do claustro de mestres do Colexio "Ramón Menéndez Pidal" (Torrelavega - Cantabria) que viñeron a coñecer as dinámicas do Carballal (explicadas polo alumnado de 5º) durante o xoves e o venres no marco do programa "Observa_Acción".
Foron entrevistados xunto á Inspectora de Educación na nosa canle de radio escolar e deixáronnos escritas unhas verbas ben bonitas no libro de visitas que Tambo ten na biblio!!!
Os nenos e nenas de 1º e 2º de Educación Primaria gozaron tamén cunha obra de teatro ("A pequena osa quere xogar") na biblioteca por cortesía da Editorial Anaya.
Dentro do programa "Lectura e Familias" recibimos aos pais de Olivia de 2ºA que mostraron o show: "Cociñando contos" (Tarabelos).
Recibimos unha vez máis en 4º de Infantil ao pai de Rubén que nos ensinou a facer brochetas de salchichas e froita.
Por outra banda, o alumnado de 6ºB de Educación Primaria tivo unha actividade de cociña co seu titor, Loira.
Para finalizar, ese mesmo alumnado do 1º ciclo de Educación Primaria, tivo unha actividade común na Granxa de Briz con outros centros da nosa vila relacionada coas Letras Galegas que xa vai pola súa segunda edición: "Versos que florecen".
Nela gozaron con unha actuación de "Armadanzas" e cantaron unha canción moi marinense: "O rodaballo".
E non esquezades que o vindeiro martes temos a festa "Facendo Barrio", tambeiros/as!!!