Estás no blog da Biblioteca e do EDLG do CEIP do Carballal de Marín.
Son a tartaruga Tambo,
a súa mascota.
Agardo que pases un bo rato lendo as nosas lerias!
viernes, 9 de mayo de 2025
ACHÉGANSE AS LETRAS GALEGAS - OBSERVA E ACCIÓN - SAÍDA Á GRANXA DE BRIZ - APAGÓN RADIOFÓNICO - TAMBO - LETTERING
O vindeiro venres, 16 de maio e véspera das Letras Galegas, celebraremos no Carballal esta data tan sinalada de potenciación da cultura galega.
Xiana e Noa (5º de Educación Primaria), voluntarias de biblioteca, fixeron este fermoso debuxo na pizarra baseado nunha pandeireta pois, este ano, honraremos a seis cantareiras/pandeireteiras/tocadoras: Eva Castiñeira; Adolfina e Rosa Casás; Manuela, Prudencia e Asunción (as "Velliñas de Mens").
Haberá algunhas sorpresas nese evento e poderemos gozar cunha obra teatral argallada polo alumnado de 4º de Educación Primaria.
Debedes practicar as canción que interpretaremos todos xuntos ao vivo: "Rumboia viva" e "Túa nai é meigha".
Tamén debedes practicar a coreografía de baile galego argallada polo profe Lucas: "Xota de Lourido".
Na revista "Papagaio" deste mes, que podedes atopar no recuncho de Tambo, xan fan eco desta celebración!!!
O luns, 5 de maio, cinco mestras do cole (Lidia, Sandra, Fuensanta, Patricia Cacharrón e Laura) acudiron ao colexio "Vila de Rutis" (Culleredo) para gozar dunha xornada de intercambio de experiencias didácticas entre profesorado dentro do programa "Observa_Acción".
O martes, 6 de maio, o alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria tivo unha saída didáctica á Granxa de Briz.
Gozaron cunha estupenda actividade sobre orientación espacial por medio de mapas e coa axuda de balizas de posicionamento.
Por outra banda, temos dous novos podcast do alumnado de 3º de Educación Primaria pendurados na nosa canle de iVoox "Tambo nas Ondas".
Escoitade atentamente porque están ben divertidos e un deles céntrase no apagón masivo que tivo lugar o pasado luns, 28 de abril.
Deixamos tamén o karaoke da canción da mascota do noso colexio (a tartaruga Tambo) para que a vaiades aprendendo... xa saberedes por que!!!
Como sabedes, está incluída no libro-disco-dvd infantil en galego "Tambo" (Edicións do Cumio - 2013) que podedes atopar na nosa biblioteca.
Para rematar, nos Polos Creativos do venres, 9 de maio, tivemos unha nova sesión de lettering coa profe Laura destinada a alumnado de 6º de Educación Primaria.